Noticias Corporativas - CRTVG
div-crtvg-top1
Navigation Menu
Barra de busca
Camiño de navegación
Noticias corporativas
Publicador de contidos
A CRTVG pon en marcha os IV Premios DígochoEu de vídeos escolares en galego
Santiago, 03.12.2024.- O prazo de presentación de candidaturas para os Premios DígochoEu da CRTVG neste curso 2024/2025 está xa aberto, e os centros escolares poden presentar as súas propostas de vídeos escolares ata o 22 de decembro.
Como en anteriores edicións, poderán participar centros educativos de Primaria e Secundaria de Galicia e tamén aqueles de fóra da comunidade que impartan a materia de Lingua Galega. Os profesores deberá presentar a candidatura enviando un correo electrónico a digochoeu@crtvg.gal. As bases completas están dispoñibles na web www.crtvg.gal.
Entre todas as recibidas, seleccionaranse as 12 propostas de contido máis orixinais, creativas e innovadoras, que serán gravadas en 2025 en cada centro escolar coa participación da cativada e da presentadora do programa, Esther Estévez, e serán emitidas nas canles da CRTVG.
Unha vez emitidos todos os episodios -previsiblemente no mes de maio, coincidindo co mes das Letras Galegas-, un xurado de profesionais do audiovisual alleo ao equipo do ‘DígochoEu’ avaliará todas as propostas e outorgará seis premios en dúas categorías, Primaria e Secundaria, e con cantidades de 500, 300 e 200 euros, respectivamente. Os criterios de valoración serán a calidade lingüística e expresividade dos participantes e a orixinalidade e innovación do contido.
Desde a súa creación en 2020, ‘DígochoEu’ achega o galego dunha forma dinámica e entretida a todo o mundo e, sobre todo, aos máis novos. O proxecto recibiu neste tempo destacados premios, como dous recentes Premio Mestre Mateo para Esther Estévez como mellor comunicadora, así como recoñecementos no eido da normalización lingüística en Galicia ou o Premio da Cultura Galega. Máis de 150 millóns de reproducións dos seus vídeos, 334.000 seguidores na conta de TikTok e 144 na súa conta de Instagram, as máis usadas pola cativada, e 10 millóns de gústame nas publicacións son algúns dos datos que amosan o impacto do ‘DígochoEu’ na sociedade galega, tanto na comunidade coma no exterior.
Novo éxito do 'DígochoEu', caso de estudo internacional esta semana no Consello de Europa
Santiago, 20.11.2024.- Máis de 150 millóns de reproducións dos seus vídeos, 334.000 seguidores na conta de TikTok e 144 na súa conta de Instagram, as máis usadas pola cativada, e 10 millóns de likes nas publicacións. Estes son algúns dos datos que amosan o impacto do ‘DígochoEu’ na sociedade galega, tanto na comunidade coma no exterior.
O ‘DígochoEu’, que xa foi un caso de estudo no certame internacional de CIRCOM, a asociación de televisións rexionais europeas, foi tamén protagonista este martes en Estrasburgo ante o Comité de Expertos da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, no Consello de Europa. Este comité é un organismo de expertos independentes encargado de supervisar a aplicación da Carta, a convención do Consello de Europa para a protección e promoción das linguas rexionais ou minoritarias.
O xornalista e creador do espazo, Carlos F. Amado, foi convidado a explicar neste foro europeo a orixe e evolución de ‘DígochoEu’ desde que comezou en xaneiro de 2020 ata a actualidade. Carlos Amado salientou que nestes “preto de cinco anos de vida, ‘DígochoEu’ segue a traballar pola lingua coa emisión de vídeos en galego editados nunha linguaxe visual e lingüística adaptada aos gustos e usos do público máis novo, unha das razóns do seu éxito”.
Presentado pola tamén xornalista Esther Estévez, ‘DígochoEu’ recibiu neste tempo destacados premios, como dous recentes Premio Mestre Mateo para Esther Estévez como mellor comunicadora, así como recoñecementos no eido da normalización lingüística en Galicia ou o Premio da Cultura Galega.
O Comité de Expertos da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias traballa seguindo o desenvolvemento e o crecente papel dos novos medios e as redes sociais, que contribúen ao uso e promoción das linguas rexionais, especialmente entre a mocidade, como é o caso do ‘DígochoEu’ da CRTVG.
Record de alcance de @g24noticias
‘DígochoEu’ é unha das canles dixitais da CRTVG, entre as que tamén destaca o proxecto dos servizos informativos @g24noticias que alcanzou os 102 millóns de visualizacións nos últimos 365 días e que chegou no último ano a 14 millóns de persoas na rede social Instagram, e ata 25 millóns na súa conta de TikTok, nun crecemento sostido que está a consolidar a cada vez maior presenza dixital dos servizos informativos da Galega como referentes da información.
@g24noticias ten presenza, ademais de en Instagram, en X, Facebook, TikTok e YouTube, e conta cunha canle de WhatsApp, ofrecendo un servizo integral en tempo real que completa a oferta informativa que supón o portal G24.gal.
A promoción da sociedade dixital, liña central do orzamento da CRTVG para 2025, con 135,7 millóns de euros
Santiago, 31.10.2024.- O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, compareceu esta tarde no Parlamento de Galicia para presentar o orzamento da Corporación correspondente a 2025, por importe de 135,7 millóns de euros. En comparanza co exercicio actual, esta previsión reflicte un incremento de 4,5 millóns de €.
Sánchez Izquierdo explicou que a alza se debe ao efecto do incremento do IPC sobre os custos de produción de programas, informativos e deportes e “tamén por mor da dotación que se reserva para a adquisición de contidos dixitais destinados a nutrir a oferta da Plataforma de Comunicación Audiovisual de Galicia”. Precisamente, unha das grandes partidas orzamentarias é a adicada á contratación co sector audiovisual galego, do 30,3 % (41 millóns de €), e que dá conta do compromiso e apoio da Corporación neste eido, moi especialmente no que respecta a contidos de cine, series de ficción, documentais e contidos de entretemento, segundo explicou o director xeral na súa intervención.
Ademais, o apartado de persoal incrementa a súa dotación para achegarse aos 58 millóns de euros (42,7 % do orzamento) e Sánchez Izquierdo indicou que este é “un orzamento comprometido coa estabilidade no emprego da totalidade do seu cadro de persoal, garantindo un emprego de calidade e axeitadamente retribuído”, en alusión á consolidación de emprego en curso de todo o cadro de traballadores.
Sánchez Izquierdo expuxo que o orzamento recolle “a importancia do servizo público de comunicación audiovisual de Galicia como impulsor da innovación, da participación social e da promoción da sociedade dixital. En consecuencia, un eixe prioritario deste orzamento é a integración, a converxencia e a transformación, mediante a adaptación inclusiva dos sistemas e organizacións tradicionais para a migración da sociedade da información á nova sociedade dixital”.
Entre outros, os investimentos para o ano vindeiro incluirán unha dotación para modernización tecnolóxica por importe de 1.500.000 €, que se destinará ao novo sistema de produción da Radio Galega, a renovación do sistema de control de continuidade da TVG e un novo sistema de iluminación do estudio 300, así como novos equipamentos técnicos por un importe de 650.000 euros, sinalou o director xeral.
Así mesmo, Izquierdo salientou o compromiso da Corporación, que en 2025 fai 40 anos de vida, con eixes estratéxicos como os avances e innovacións no eido da dixitalización ou o desenvolvemento dunha política de calidade do emprego e unha axeitada captación e xestión do talento, para avanzar nun clima sociolaboral que rubrique o compromiso recíproco entre o persoal da Corporación e esta.
Os datos e cifras presentados esta tarde no Parlamento de Galicia poñen de manifesto un feito recorrente: o alto efecto de aplicación do orzamento da CRTVG no tecido produtivo galego. Así, máis do 90 % dos orzamentos da Corporación reverterá directamente nos traballadores e na industria audiovisual galega.
A CRTVG obtén, por sexto ano consecutivo, o indicador ARDÁN de Empresa Igual en Xénero
Santiago, 31.10.2024.- A CRTVG recibiu a acreditación que a recoñece por sexto ano consecutivo como Empresa Igual en Xénero, e suma tamén un novo indicador, o primeiro, como Empresa Circular. Estes Indicadores ARDÁN son outorgados polo servizo de información empresarial desenvolvido polo Consorcio da Zona Franca de Vigo, que se publica anualmente.
O indicador de Empresa Igual en Xénero é outorgado ás empresas que “presentan altos valores en igualdade desde unha perspectiva de xénero no ámbito laboral, medida en tres dimensións: igualdade de funcións, igualdade de retribucións e igualdade por actuacións”, e a entidade emisora salienta que a CRTVG se atopa entre o selecto 4 % das compañías analizadas en Galicia que alcanza os exixentes criterios para obter estes indicadores.
“A consecución destes resultados revela a eficiencia nas estratexias implementadas polas compañías para adaptarse a un contorno altamente competitivo, combinando a visión empresarial dos seus líderes coa destreza, esforzo e compromiso dos seus equipos. Nun contexto económico como o actual, no que a xestión empresarial é cada día máis complexa e desafiante, parécenos fundamental visibilizar o labor de empresas como a túa, non só pola súa contribución á riqueza e emprego no entorno, senón tamén polo seu valor como fonte de inspiración para outras organizacións”, salienta o comunicado do recoñecemento.
Primeiro Indicador como Empresa Circular
Nesta edición, a Corporación acada tamén o seu primeiro indicador como Empresa Circular, dado que a CRTVG é unha das empresas que “implementan unha estratexia de economía circular, para o cal establecen colaboracións con grupos de interese e incorporan criterios circulares no consumo de recursos, no deseño e produción dos seus produtos e, en xeral, no conxunto dos seus procesos produtivos”, segundo comunica a distinción do Informe ARDÁN.
A CRTVG comeza a busca da Canción do Nadal de 2024
Santiago, 28.10.2023.- A CRTVG pon en marcha unha nova edición do certame da Canción de Nadal, que ata o vindeiro 2 de decembro busca, entre as propostas recibidas de toda Galicia, a mellor banda sonora para acompañar os espectadores durante as vindeiras festas de Nadal.
As cancións que se presenten ao concurso deben ser inéditas e orixinais, ademais de estaren escritas en lingua galega. A duración non deberá ser superior aos 3 minutos, e poderase enviar un vídeo musical da mesma. Os participantes achegarán as súas cancións, de temática libre, en formato mp3 e, en caso de presentar vídeo musical, en mp4, ao enderezo canciondonadal2024@crtvg.gal.
O premio conta cunha dotación económica de 1.500 euros e, para decidir o gañador, o xurado valorará a orixinalidade, a calidade técnica e o acompañamento dun vídeo musical. Ademais do premio, a canción gañadora terá difusión na televisión e na radio públicas, así como nas redes sociais da Corporación.
O xurado estará composto por cinco persoas designadas pola dirección da Corporación Radio e Televisión de Galicia, e o 10 de decembro farase público o tema vencedor e unha lista puntuada ata o quinto posto na web www.crtvg.gal, onde tamén se poden consultar as bases do concurso.
Esta é a décima edición deste certame musical, que o ano pasado gañou o grupo Xeración M, co tema ‘Soará o Nadal’.
O 'reality' de aventura da TVG 'Salvaxe', seleccionado no Spain Fresh TV Showcase de Cannes pola súa orixinalidade
Santiago, 23.10.2024.- O reality de aventura ‘Salvaxe’, que proximamente se estreará na Televisión de Galicia e na plataforma dixital AGalega.gal, é un dos poucos formatos de entretemento seleccionados pola prestixiosa consultora francesa The Wit no Spain Fresh TV Showcase. Neste evento elíxense os contidos máis innovadores creados en España, ‘país de honor’ da 40ª edición do MIPCOM Cannes, o mercado internacional por excelencia de coprodución e contidos de entretemento, que se celebra estes días na cidade francesa.
Na presentación do ‘Spain Fresh TV’ no marco do MIPCOM (Marché International des Programmes de Communication), The Wit destacou o programa ‘Salvaxe’ como un dos contidos de entretemento máis orixinais de entre todos os que este ano se presentan nesta edición da feira de espazos audiovisuais.
O novo formato da canle galega, coproducido por Voz Audiovisual e Globomedia, está a gravarse actualmente en Galicia. Trátase dun reality de aventura por equipos cun innovador compoñente de xogo estratéxico vinculado á figura do capitán.
O programa, presentado pola xornalista María Lamela, poderase ver proximamente na TVG e en AGalega.gal, a plataforma dixital de contidos audiovisuais, en aberto e en galego, da Corporación.
A CRTVG producirá 12 novos proxectos nativos dixitais en galego
Santiago, 22.10.2024.- A CRTVG vai producir 12 novos proxectos no marco da súa convocatoria de selección de produtos dixitais en lingua galega, cunha achega de 300.000 euros, segundo informou este venres o director xeral da Corporación no Parlamento de Galicia. Alfonso Sánchez Izquierdo salientou a estreita e sostida colaboración dos medios públicos galegos cos profesionais e produtoras do sector audiovisual de Galicia na súa comparecencia mensual ante a Comisión de Control á CRTVG.
Entre os 12 proxectos hai contidos divulgativos, infantís, de entretemento, humor ou cultura sobre moi distintas áreas e todos eles teñen en común que están creados especificamente para a contorna dixital, polo que os proxectos, que reciben ata 25.000 € para a súa produción, serán emitidos a través das diversas plataformas dixitais da CRTVG, fundamentalmente AGalega.gal e a app infantil Xabarin.gal. Entre os contidos aprobados hai pezas destinadas ao público máis familiar e á cativada, pero tamén outros programas pensados para públicos-nicho interesados en cuestións como a escalada, a reciclaxe, a costura ou a meditación.
Nesta resolución apróbanse os seguintes 12 proxectos:
• ‘Canta miña compañeira’, de Aqueladas S. Coop. Gal. Xuvenil, que explora a evolución da música popular galega a través das mulleres que a mantiveron viva. Esta serie documental celebra o seu rexurdir nos torreiros do século XXI, conectando o pasado co presente nunha guía para redescubrir a nosa identidade musical.
• ‘Galicia Vertical’, de Cesmedia Audiovisual, é unha serie documental na que cada episodio amosa un recuncho único de Galicia, revelando maxestosos cantís, paredes de rocha impresionantes e lugares secretos que só os escaladores coñecen. Os anfitrións desta aventura comparten os seus coñecementos e técnicas, brindando valiosos consellos para enfrontar os desafíos verticais con seguridade e confianza.
• ‘Lixa e verniz’, de Chiripa Producións S.L.U., é un programa presentado por Daniela, unha carpinteira nova que ten unha misión: axudar a reciclar mobles e outros elementos para darlles unha segunda vida con moito estilo.
• ‘Réxime’, de CRU Producions S. Coop. Galega. é unha serie hibridada entre un programa de cociña e un documental de divulgación, que aborda as presións estéticas ás que somos sometidas as persoas e as súas consecuencias, e faino nada menos que nunha contorna rodeada de deliciosa comida. Comida que degustarán as diferentes persoas convidadas mentres teñen unha conversa distendida arredor dos temas propostos.
• ‘Respira’, de Margherita Morello, é unha serie de meditacións guiadas en galego pensadas para levar ao espectador a un estado de benestar emocional.
• ‘Bonito con Bonito’, de Raquel Arias Ruiz, é un programa que ofrece unha visión cómica do mundo da costura a través dos ollos de alguén que claramente preferiría estar facendo calquera outra cousa. Cada episodio é un desfile de desastres e malentendidos envoltos nun ton de humor irónico. Mentres David loita por manter as costuras no seu lugar e seguir os consellos de Carlota, o público é testemuña de como a costura se transforma nun espectáculo de entretemento inesperado.
• ‘NailClue’, de Cristela Torres Nine, é un programa no que tres artistas manicuristas compiten entre si para elaborar en cinco horas o deseño de uñas postizas que mellor encaixe coa personalidade dun cliente misterioso. Para axudalas a escoller o mellor camiño, hai unha caixa con pistas sobre a identidade do cliente: as artistas obterán 3 pistas desde o inicio pero, a partir de aí, abrir a caixa e obter unha nova pista custará 15 minutos do tempo total e a decisión deberá ser unánime. O cliente misterioso revelarase ás competidoras e ao público ao remate do concurso e será esta persoa quen xulgue que deseño de uñas é o seu preferido.
• ‘Galicia Diversa’, de Miramemira, S.L., é un programa concibido para dar voz e visibilidade ás galegas e galegos con discapacidade e/ou diversidade funcional, as súas familias e os profesionais e voluntarios que os asisten.
• ‘Pipo’, de Undodez Producións, S.L. Serie de animación en 2D destinada a primeiros -e segundos- espectadores. PIPO combina un tratamento visual atractivo para os espectadores máis novos cunhas historias en que aparecen comentarios e sucesos xa entendibles polos rapaces e rapazas de entre cinco e oito anos.
• ‘Galiworld’, de Henfunk Studio, serie de animación 2D para menores de 6 anos. Na buliciosa cidade de Galiworld, onde todos os seus habitantes son galiñas e pitos, cada día é unha aventura. Cun toque cómico e sen a necesidade de diálogos, esta serie animada amosa pequenas historias que ocorren na metrópole e que poñen o mundo dos seus cidadáns patas arriba. Desde unha nai e o seu fillo intentando cruzar a rúa, ata un grupo de rock aviario ou un axente secreto realizando unha misteriosa misión, cada episodio revela a maxia e as sorpresas de vivir nunha cidade chea de plumas.
• ‘Tesouros da ría’, de Álvaro Trigo Cabaleiro, é unha miniserie de animación 3D destinada a un público infantil-xuvenil que acompaña dous cazatesouros, Sara e Roque, na busca de tesouros na ría de Viladaponte. Ambos os dous percorren as augas da zona rastrexando e seguindo a pista das lendas da zona que falan de todo tipo de tesouros ocultos. Todo isto cun ton centrado no humor e enfocado a un publico cativo.
• ‘Galicia no espello’, de Sombriza Films, S.L., serie documental en que Galicia será descuberta a través das verbas dos seus escritores e escritoras. Eles e elas serán os encargados de poñer en palabras a súa visión sobre o noso territorio a través da lírica, da narrativa, dos contos ou do ensaio. Diferentes puntos de vista confluirán para crear un retrato plural e diverso: visións sobre a confluencia do rural e o urbano, as cuestións LGTBI, perspectivas de escritores inmigrantes que xa son galegos; en definitiva, unha mirada heteroxénea, diversa e interxeracional sobre o noso territorio. Pero, sobre todo, unha mirada nova que nos levará a repensar os lugares que habitamos, provocando reflexión e curiosidade no público.
Televisión de Galicia arranca o seu 40 aniversario cunha espectacular festa en Vigo
Santiago, 14.09.2024.- Vigo acolleu este sábado pola tarde a gala de presentación das novidades da Televisión de Galicia e da Radio Galega para a temporada 2024/2025, coa que os medios públicos galegos inauguran a celebración dos seus 40 anos de vida. Desde a terraza do centro comercial Vialia, TVG emitiu en directo pola plataforma AGalega.gal o programa especial ‘Cantando as 40’, presentado por Arturo Fernández e Noelia Rey que contou coa participación do público e de varios centos de convidados .
Pola alfombra rosa desfilaron as caras máis coñecidas da TVG, actores, actrices e os presentadores máis queridos de televisión e radio, así como moitas celebridades galegas que quixeron acompañar á CRTVG nesta celebración. Tamén, numeroso público que seguiu a emisión en directo dun programa que rematou coa actuación dun coro sorpresa moi especial: Xosé Ramón Gayoso, Paco Lodeiro e Antón Reixa, entre outros, cantaron o mítico tema ‘Fai un sol de carallo’ de Os Resentidos que foi multitudiariamente coreado. O programa contou ademais coas actuacións de Ortiga, Xisco Feijóo, Wanila, Christian Pensado, G-Face, e a orquestra Cinema, entre outros artistas, como a actriz María Mera.
En total, un programa de dúas horas, que foi emitido en directo pola plataforma dixital AGalega.gal, e no que se anunciou que o 40 aniversario da canle será celebrado cunha xira de actos por toda Galicia.
O programa será emitido mañá domingo na TVG ás 22.55 h.
A Televisión de Galicia renova a grella na temporada do seu 40 aniversario
Santiago, 12.09.2024.- A Galega está...“onde estás ti”. E este sábado estará na cidade de Vigo para presentar as novidades da programación 2024/2025, coa que os medios públicos galegos inauguran a celebración dos seus 40 anos de vida. Desde a terraza do centro comercial Vialia, TVG emitirá en directo pola plataforma AGalega.gal (19:00 h) o programa especial ‘Cantando as 40’, presentado por Arturo Fernández e Noelia Rey e aberto ao público. O programa contará coas actuacións de Ortiga, Xisco Feijóo, Wanila, Christian Pensado, G-Face, e a orquestra Cinema, entre outros artistas. Unha das actuacións máis especiais será a da actriz María Mera e un coro sorpresa conformado por caras moi coñecidas da canle. Serán dúas horas en directo en que se despregará a alfombra rosa de celebridades galegas e presentadores da TVG.
Nova temporada en informativos
Nesta temporada a TVG segue a ser unha televisión de directo, pegada á rúa. O ‘Bos días’, de 8:00 a 11:00 da mañá, será o despertador, con Almudena de Urzáiz á fronte. A temporada arranca xa cunha novidade. Antes do ‘Bos días’, de sete a oito da mañá, emitirase pola TVG en directo o ‘Galicia por diante’ da Radio Galega, nun novo exemplo de innovación multicanle dos medios públicos. Tras ‘Bos días’, as noticias máis locais retoman o pulso na franxa de televisión informativa líder en Galicia, con Sevi Martínez á fronte do ‘Galicia noticias’, que dará paso ao ‘Telexornal mediodía’, presentado por Marta Darriba. A información volve á noite co ‘Telexornal serán’ cunha das novas caras da canle á súa fronte: o xornalista Pablo Muñoz. Na fin de semana segue o esquema de información en directo. ‘Bos días’ estará presentado por Chus Tanoira, o ‘Galicia Noticias’ por Alberto Mancebo, o ‘Telexornal mediodía e serán’ por Raquel Domínguez e os deportes por Irene Lourido.
Óscar Benito, con Gustavo Varela e todo o equipo seguen unha temporada máis á fronte dos deportes na fin de semana e do decano ‘En xogo’; mentres que María Solar e Pilar García Rego traerán todas as novas do eido cultural no multipremiado ‘Zigzag’.
Estreas en todos os tramos horarios
A temporada arranca con novidades en todos os tramos horarios. Pola mañá a TVG estrea novo magazine: ‘O Termómetro’, presentado por Rocío Delgado e Bernardo Montaña. Pola tarde, os espectadores poderán seguir contando no ‘Quen anda aí’ con Roberto Vilar, Eva Iglesias, Juan Fuentes, Raquel Atanes e Marcial Mouzo e con Rocío Durán e David Espiño en ‘Hora galega’. A estes espazos hai que sumarlles novas incorporacións na fin de semana, como o concurso ‘Gaña a túa aldea’, que descubrirá quen é o que máis sabe das comarcas de Galicia.
Novidades de prime time
A semana comeza coa estrea da terceira e impactante temporada de ‘Operación Marea Negra’ na noite dos luns, precedida por ‘Historias de aquí’, serie documental sobre acontecementos, personaxes históricos e fitos que deixaron unha pegada imborrable na memoria colectiva dos galegos: ‘Os sen nome’, sobre o accidente aéreo de Montrove no 1973; ‘Os 9 aneis de Santo Estevo’; ‘O Mar Exeo’ ... son algúns dos temas tratados.
As noites dos martes serán para ‘Quero un xardín’ (22.30 h), programa en que un equipo de expertos se enfronta ao reto de darlle unha nova vida a espazos verdes que moitas veces semellan irrecuperables. Os mércores volve a música con ‘A liga dos cantantes extraordinarios’ (22.30 h), que contará cun novo xurado de excepción: Antón Reixa. Os xoves, ‘Land Rober Tunai Show’ non falla á súa cita en directo con Roberto Vilar, Eva Iglesias e Miguel Canalejo á fronte do equipo do programa máis divertido da televisión. Os venres seguen sendo para ‘Luar’, con Xosé Ramón Gayoso e Esther Estévez no programa de variedades decano da televisión en España e que arranca a temporada con moitas sorpresas.
‘Bamboleo’, o programa máis lingoreteiro da grella, segue nas noites dos sábados con Lucía Regueiro, e os domingos chegan máis novidades da man de ‘Pesca total’ (22.30 h), en que seis concursantes competirán para converterse en mariñeiros. E tras ‘Pesca total’ vén ‘Curando o mundo’ (23.30 h), coas incribles experiencias do médico coruñés Diego González Rivas arredor do mundo, en que aplica a técnica de cirurxía da que é creador e referente mundial.
E antes de todas estas novidades do prime time, o ‘Atrápame se podes’, con Paco Lodeiro, seguirá fiel á súa cita cos concursantes máis sabios de Galicia. Con ‘Fila 1’, o teatro segue presente na TVG e, despois da exitosa estrea a temporada pasada de ‘Somos criminais’, Tania Veiras levará os espectadores da Galega por novas creacións escénicas. No xénero da docuficción, chega á TVG un dos formatos de máis éxito da plataforma AGalega.gal: ‘A gran epopea’, (sábado, 19:15 h.) unha viaxe pola memoria dos grandes fitos da emigración galega do século pasado. E no espazo divulgativo ‘Din que non falan’, as mulleres que son referentes pola súa traxectoria terán un espazo de seu (domingo, 19:15 h.).
Novidades por vir
Nesta temporada do 40 aniversario haberá aínda máis novidades. A TVG está preparando a produción do concurso reality ‘O salvaxe’. Tamén estreará a adaptación do formato da BBC ‘Hit list’ para ver quen sabe máis de música en Galicia, e unha nova serie de ficción, ‘A coral’, con Carlos Blanco na pel do director dunha coral moi especial.
Máis contidos en AGalega.gal e Xabarin.gal, coa volta de Shin Chan
AGalega.gal seguirá estreando contidos semanalmente, destacando a chegada do contido dixital ‘Terapia de parella’, unha ficción contada a través das redes sociais que amosará tres parellas de idades diferentes, procedencias e xéneros que acoden á consulta dunha terapeuta para tratar de salvar as súas relacións. Outra das novidades é ‘Sexo con senso’, espazo de contido afectivo sexual cun enfoque integral e divertido, presentado por Lidia Lestegás. Máis cine tamén na plataforma, coas estreas ‘Noises off’ ou ‘Mimosas’, do director galego Oliver Laxe. Ademais, AGalega.gal ofrecerá en directo este sábado, 14 de setembro, tres concertos do Festival Revenidas: The Rapants (15.20 h), El Kanka (20.00 h) e Rebeliom do Inframundo (01.50 h).
Na plataforma infantil, Xabarin.gal, volve ‘Shin Chan’, que irá sumando cada semana 10 novos capítulos. Nas vindeiras semanas tamén se estreará a segunda temporada de ‘Bloques de cores’, o filme de animación ‘Houdini’ e a serie galega ‘Picariños’.
AGalega.gal é de balde, e é a plataforma de contidos audiovisuais en galego máis grande do mundo. Nos seis primeros meses de vida xa chegou a 200 países e desde o seu nacemento, en xaneiro de 2024, está no Top 20 de plataformas máis vistas de España.
Radio Galega Música estrea temporada con dúas novidades: 'O Rancho' e 'De lá para cá'
Santiago, 11.09.2024.- Radio Galega Música estrea este luns 16 de setembro unha nova temporada en que volven os programas temáticos de autor, a modo de escaparate para as distintas tendencias e estilos, sempre con óptica e ollada galega. Estes espazos consolidan un formato musical que busca acompañar os seus oíntes 24 horas ao días con ritmo e sen estridencias. Unha radiofórmula enfocada ás preferencias do público galego, que ofrece unha coidada selección dos grandes éxitos de todos os tempos e das cancións favoritas dos galegos na actualidade.
A cultura musical portuguesa e os grandes clásicos da música americana artellarán as novidades desta temporada en Radio Galega Música. Os venres, ás 22.00 h, ‘O Rancho’, presentado polo xornalista da CRTVG Eduardo Herrero, ofrecerá unha aproximación ao mellor country, country-rock, bluegrass, folk americano e heartland rock, dando conta das novas tendencias e sen perder de vista os grandes clásicos.
Ademais de dar conta das novas tendencias, sen perder de vista os grandes clásicos da música americana, cada programa de ‘O Rancho’ porá en valor os grupos e artistas galegos que teñen o seu particular xeito de achegarse aos estilos musicais orixinarios da outra beira do Atlántico.
As noites dos domingos será a artista de Arzúa MJ Perez a encargada de estreitar lazos co país veciño co seu ‘De lá para cá’. Un formato que desde as 22.00 h traerá a música portuguesa actual e mergullarase tamén no seu panorama dos últimos tempos. Mainstream e música independente, proxectos consolidados ou colaboracións entre artistas, e tamén fado e música tradicional terán espazo nesta proposta, que atende así mesmo a relación co cine.
María José Pérez Ferreira, máis coñecida como MJ Pérez (o seu nome artístico), é a creadora e condutora de ‘De lá para cá’. Natural de Arzúa, destaca polas súas raíces lusas e coñecemento do país veciño. Se ben é máis coñecida entre o público polo seu proxecto musical, ademais de ser cantautora e estar vinculada ao mundo da música, MJ é tamén produtora audiovisual e comunicadora.
Regreso de programas veteranos
A partir desta semana tamén volven a Radio Galega Música programas veteranos como ‘Tres Peixes Voando’, unha fiestra aberta ás músicas do mundo, da man de Xavier Díaz e Guillerme Fernández, os domingos na sobremesa (15.00 h). Emilio Españadero retomará a súa remuda co seu ‘Lume na Palleira’, programa especializado na música folk e tradicional, pero con atención ás propostas chegadas doutros lugares, que se poderá escoitar a partir das 17.00 h.
Os espectadores comezarán a semana viaxando por todo o mundo con ‘Raizame’, o espazo conducido por Óscar Losada, que ofrece cada luns ás 22.00 h a lista europea das músicas internacionais, ademais da actualidade dos artistas conectados coa lusofonía, a música de raíz dos países europeos e a creatividade sonora máis alá do pop estándar.
Tamén ás 22.00 h, o rock volverá ser protagonista os martes, co histórico Charli Domínguez, membro do grupo Los Suaves, ao micro de ‘O Lobo Urbano’, e os mércores será Manuel de Lorenzo quen acompañe os oíntes, con ‘Cara B’, un programa sobre as pequenas grandes anécdotas que enchen a historia da música.
Novidades, concertos, festivais ou entrevistas serán algunhas das paradas que farán nas noites dos xoves en ‘Ondas Indies’, un programa presentado por Víctor López que funciona a modo de escaparate para a música indie pop que se fai no mundo.
Todos os espazos de Radio Galega Música estarán accesibles na plataforma AGalegaAudio.gal.
Coa súa aposta musical, sempre pegada ás preferencias dos oíntes galegos, a emisora pretende acompañar a audiencia durante os distintos momentos das súas actividades cotiás. Así, Radio Galega Música organiza a súa oferta en catro grandes bloques temáticos, desde as primeiras horas do día, coa fórmula espertador, pasando polas horas laborais, en que se ofrece música para o traballo, e a sobremesa, cunha proposta máis melódica. Xa á última hora da tarde, a chamada ‘música para a volta á casa’ acompaña os condutores no tramo final da tarde e primeira hora da noite.
A esta oferta musical súmanse as outras propostas da Radio Galega: Son Galicia Radio, a radio que, as 24 horas do día e os 365 días do ano, ofrece música de artistas galegos cantando en galego, e Radio Picariña, a canle infantil e xuvenil que continuará coas súas variadas propostas musicais este outono-inverno. Ambas as dúas están dispoñibles en AGalegaAudio.gal.
AGalega.gal marca o seu máximo histórico
Santiago, 02.09.2024.- O Netflix da TVG, AGalega.gal, a plataforma de contidos audiovisuais en galego e en aberto máis grande do mundo, marcou o seu máximo histórico nesta temporada de verán, segundo os datos do informe do medidor SigmaDos30.
AGalega.gal sitúase nun 2,8 % de cota mercado, a cifra máis alta desde o seu nacemento, sobe tres décimas con respecto ao último informe, e mantense entre as 20 plataformas máis vistas de España. AGalega.gal está dispoñible en IOS e Android, e é de balde.
A estas boas cifras no eido dixital hai que sumarlles as do consumo a través da TDT. Nun mes de agosto marcado polos Xogos Olímpicos, a Galega foi quen de ser a canle autonómica con maior crecemento e rematar o mes entre as tres canles máis vistas da FORTA, cun 8,7 % de cota de pantalla no total día e un 9,3 % no prime time, segundo os datos do medidor Kantar Media.
Se a suba do total día é salientable, máis aínda é o comportamento do prime time, a faixa de maior consumo do día. No mes de agosto a audiencia nese tramo incrementouse case un 30 % para deixar a cota no 9,3 %.
A fortaleza do prime time vén acompañada de novo pola fortaleza dos informativos. Unha vez máis, a TVG acada o liderado neste eido, en que a segue a canle privada Antena 3. A Galega chegou en agosto a 1.661.000 persoas, o que supón o 63,1 % dos galegos de 4 e máis anos. Esta cifra ascende a 1.756.000, o 66,7 % da poboación, se falamos do conxunto de canles de televisión da CRTVG, xa que a G2 acadou o 1 % de cota nese mes.
Arranca nova temporada da Radio Galega máis interactiva, con novas voces e todo a un clic en AGalegaAudio.gal
Santiago, 01.09.2024.- A Radio Galega pon en marcha este luns 2 de setembro a súa nova programación para o curso 24-25, o do 40 aniversario dos medios públicos galegos. Esta é a primeira temporada que comeza xa con toda a despregadura dixital a través de AGalegaAudio.gal, que naceu o pasado mes de xaneiro.
Seguindo coa tendencia dixital e multicanle, o ‘Galicia por Diante’ vaise emitir por primeira vez tamén a través da TVG no tramo de 7 a 8 da mañá da man de Celia Rúa e Luís Ojea. Na súa parte informativa, comezará ás 06:00 h, irá ata as 09:30 h e contará con novas voces para analizar a actualidade diaria. Así, aos faladoiros da Radio Galega súmanse as voces de Xosé Gago, Carme Adán, Elías Torres Feijóo, Cristina Ares, José Julio Fernández, Marta Rodríguez Arias, Pablo Vázquez e Julia Rodríguez. Outra das novidades desta nova temporada do programa é unha mesa deportiva que contará como voces como as de Fernando Romero e Mariano Raskin.
A partir das 09:30 h e ata as 14:00 h segue o ‘Galicia por Diante’, capitaneado por Kiko Novoa, con Cristina García e todo o seu equipo para afondar na actualidade do día desde a súa particular perspectiva. O humor e o entretemento seguirán a ser dous dos eixes vertebradores do programa, en que a audiencia seguirá sendo a protagonista nos temas que cada día marcan a actualidade. Dentro do ‘Galicia por Diante’ seguirá habendo espazo para a hora máis falangueira da Radio Galega en ‘A Bóla Extra’.
Deseguido, Xosé Valiñas presenta a edición das 14.00 h de ‘A Crónica’ para achegar toda a actualidade diaria. E, tras a información, chega ‘A Tarde’, con Antón Rebollido, a partir das 15:00 h. Na tripulación de Antón, entre outros, non faltará Virtudes ‘A Repunante’, coa súa visión anacrónica do mundo e opinando de todo sen saber de nada. Como novidade esta temporada, o programa sumará unha mesa de actualidade para abordar desde todos os puntos de vista os temas que están nas conversas do día a día.
A información segue con Silvia Pereira partir das 19:00 h cunha nova edición de ‘A Crónica’, ata as 22.00 h. Con novas voces tamén no faladoiro e con toda a actualidade da xornada, cun especial interese nas novas de proximidade e coa interpretación máis plural dos temas do día. Ademais, incluirá os espazos temáticos ‘Mar de Ardora’, ‘Lambóns de Viaxe’, ‘Lambóns Dixitais’ e ‘Efervesciencia’, de luns a xoves ás 21:00 h.
No ámbito deportivo, ‘Ao Contrataque’ adianta a súa emisión ás 22.00 h para analizar a actualidade do deporte galego. Ata as 00:00 h, o programa, dirixido por Pedro Pablo Alonso, incluirá a análise dos protagonistas e faladoiros con colaboradores expertos.
O ‘Pensando en ti’ tamén presenta novidades nas madrugadas da Radio Galega. Raquel Rosa será a encargada de conducir o mítico programa líder das noites galegas de luns a xoves, pero non estará soa, xa que contará cos humoristas Pepe Capelán e Isi para darlles voz aos verdadeiros protagonistas, os oíntes.
Piñeiro volve ás fins de semana
Xosé Manuel Piñeiro volve á radio coa súa ‘Sesión Vermú’, dúas horas de entretemento musical fresco e divertido en que os artistas galegos, as orquestras do país, as charangas, as bandas de música, as comisións de festas e, por suposto, os oíntes poranlle ritmo ás mañás do sábado na Radio Galega, de 12:00 a 14:00 h.
Piñeiro tomará a remuda de Isabel Pichel, que esta temporada será a voz que traslade o relato xornalístico do ‘Galicia por Diante’, de 09:30 a 12:00 h da mañá. O cardiólogo Juan Antonio Juanatey, o físico Jorge Mira, o xornalista Manuel de Lorenzo e o divulgador musical Javier Becerra contarán esta temporada cunha nova compañeira, Carlota Mosquera, quen lle porá un toque de humor fresco ás fins de semana.
E toda a emoción do deporte galego chega, coma sempre, con Xoán Galán, Rodrigo Pérez Pardo e con todo o equipo do ‘Galicia en Goles’, o programa decano da Radio Galega. Os sábados e domingos, a narración dos partidos desde decenas de campos e pavillóns de Galicia e os faladoiros seguirán nun dos programas máis seguidos e queridos da emisora pública.
Máis voces no ‘Diario Cultural’
Na cultura tamén hai voltas esperadas e novas sorpresas. No ‘Diario Cultural’, ao equipo habitual da Radio Galega incorpóranse novas voces en novos eidos, algúns pouco explorados ata o de agora, como pode ser o heavy metal. Será Patty Castro a que leve os oíntes da Radio Galega a través dese universo sonoro, sen esquecer outros estilos dos que é especialista. Con Manel Cráneo, o ‘Diario Cultural’ abordará a banda deseñada, e Pablo Sánchez Quinteiro guiará a audiencia a través da música clásica.
Todo en AGalegaAudio
E toda esta programación pode seguirse desde xa en AGalegaAudio.gal, a maior plataforma de contidos de radio en galego do mundo, con toda a programación da Radio Galega, un amplo abano de podcasts e contidos nativos exclusivos. AGalegaAudio.gal é gratuíta, pode accederse a ela vía web e tamén pode descargarse desde Google Play e Apple Store.
O Vilarreal-Celta da TVG arrasa no prime time en Galicia
Santiago, 27.08.2024.- A TVG asinou un espectacular comezo de semana tanto en informativos como no prime time, liderando este luns as faixas do mediodía e a noite. A cota de audiencia do día ascendeu ao 12,3 %, sendo a primeira canle pública de Galicia.
Esta cifra susténtase nos bos resultados da programación durante todo o día, e especialmente nos informativos e o prime time. Nos informativos, na faixa do mediodía, que corresponde ao ‘Galicia Noticias’ e ao o ‘Telexornal Mediodía’, chegou ao 16,3 %, liderando en Galicia.
Xa pola noite, o prime time da TVG elevouse ata o 19 %, liderando tamén, con máis de 5 puntos de vantaxe sobre o seguinte competidor. O prime time da Galega tamén acadou o liderado entre as canles autonómicas, con máis de 4,6 puntos de vantaxe.
O partido entre o Vilareal e o Celta foi o programa máis visto da xornada, cunha audiencia media de 160.000 telespectadores e unha cota do 23,8 %. A TVG tamén se fixo onte co minuto de ouro (o minuto de maior audiencia na xornada tendo en conta todas as canles que se poden ver en Galicia). Foi ás 22:46 h, e a TVG contou cunha audiencia de 193.000 telespectadores e unha cota de pantalla do 27,8 %. O pico máximo de cota de pantalla da TVG acadouse onte ás 23:17, cun valor do 28,5 %.
Tamén a través de AGalega.gal
A esta audiencia hai que sumar os 16.481 contactos que tivo o encontro do Celta en AGalega.gal, a maior plataforma de contidos en galego do mundo, que tamén distribuíu o sinal do partido.
A CRTVG participará en 5 novos proxectos de cine: 2 longametraxes, unha cinta de animación e 2 documentais
Santiago, 26.07.2024.- Televisión de Galicia segue apostando polo cine coa participación en cinco novos proxectos, tres películas -unha delas de animación- e dous documentais que se poderán ver tanto na TVG como na plataforma dixital: www.agalega.gal.
As dúas longametraxes cinematográficas son óperas primas: ‘Vidas perras’, unha película intimista con marcado acento feminino que será o salto á gran pantalla da recoñecida directora de series de ficción Gisele Llanio e presentada por Indígena Films; e unha proposta de Matriuska Producións, ‘O pesadelo das vacas’, película cunha ollada con perspectiva de xénero sobre a sociedade no ámbito rural, dirixida por Rafa de los Arcos, director de curtametraxes e traballos documentais que se caracterizan pola súa exploración narrativa.
A terceira longametraxe é a cinta de animación ‘Decorado’, a nova proposta cinematográfica de Alberto Vázquez, que tras a repercusión internacional do seu filme ‘Unicorn Wars’ achega agora unha historia emocional de humor acedo e que segue a mesma fórmula dos seus traballos anteriores, que tamén parten dunha curtametraxe.
En relación ás longametraxes documentais, a selección componse dun documental producido por Claqueta Coqueta, ‘Máis vivas’, que espera axudar mulleres vítimas da violencia de xénero a xerar ferramentas para o seu apoderamento persoal e inclusión social, e ‘Fomos ficando sós’, de Zeitun Films, documental que parte da motivación persoal do director, Adrián Canoura, que indaga sobre o presente, pasado e futuro dunha longa tradición pesqueira: O Gran Sol.
Toda a información sobre esta resolución está dispoñible na páxina web da CRTVG.
A TVG foi a canle máis vista no Día de Galicia
Santiago, 26.07.2024.- Os galegos celebraron o Día de Galicia da man da TVG, xa desde a noite do 24, en que o ‘Especial Fogos do Apóstolo’ foi a emisión audiovisual con máis audiencia de Galicia, cunha cota do 22,7%. A Televisión de Galicia case duplica as audiencias do seu competidor máis próximo, durante a emisión deste espazo en directo desde as festas de Compostela.
Os fogos foron emitidos no marco da ‘Gala do 24 de xullo’, o espazo que, presentado por Xosé Ramón Gayoso e Lucía Veiga, chegou ao maior número de galegos na xornada previa ao 25 de xullo.
O 25, Día de Galicia, TVG volveu ser a canle líder e a súa retransmisión da ‘Ofrenda Nacional ao Apóstolo’ foi o programa máis visto durante a súa franxa de emisión, cunha cota media do 17,1%. Despois deste espazo, o ‘Telexornal Mediodía’ recuperou as mellores imaxes da celebración nunha emisión especial desde a praza do Obradoiro. A audiencia da TVG nestes días 24 e 25 de xullo foi de 690.000 galegos (de máis de catro anos).
A Televisión de Galicia está a celebrar a Semana Grande de Galicia cunha programación especial que inclúe unha ampla despregadura de programas en directo desde as rúas de Santiago e conexións con toda Galicia, ademais de cinema galego e máis música.
Este mesmo venres á noite (22:00 h) TVG convida os seus espectadores a asistir en primeira fila á última actuación que ofreceu unhas das orquestras máis importantes de Galicia e de España no centro monumental de Santiago de Compostela: ‘Panorama. O meu último concerto no Obradoiro’.
A TVG lanza unha nova convocatoria de 300.000 euros para proxectos dixitais
Santiago, 12.07.2024.- A Corporación de Radio e Televisión de Galicia lanza este venres unha convocatoria de contidos dixitais, dotada de 300.000 euros, para a produción de 12 novos proxectos destinados ás súas canles dixitais, nomeadamente á plataforma dixital AGalega.gal. A CRTVG dá continuidade deste xeito ao seu apoio aos profesionais galegos deste sector galego e á difusión de proxectos audiovisuais a través das súas canles. Así o comunicou hoxe o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, no Parlamento de Galicia, onde presentou a Memoria de Servizo Público de 2023.
Sánchez Izquierdo salientou que “2023 foi o exercicio no que se desenvolveron todas as melloras tecnolóxicas e de recursos que estamos a utilizar xa neste 2024, como o novo plató dos Servizos Informativos ou a plataforma dixital estreada en xaneiro pasado”.
O director xeral destacou tamén “a aposta pola televisión en directo, o selo de identidade dunha canle que aposta pola proximidade e a información de aquí. Nesta liña é moi salientable, e máis se se compara con outras canles autonómicas, o feito de que o 94,9% dos contidos emitidos por Televisión de Galicia son producidos en Galicia. Nesta aposta pola proximidade enmárcase o compromiso coa industria audiovisual galega, co talento e o tecido empresarial galego”.
Respecto da presenza e identificación dos medios públicos galegos no día a día dos galegos, Izquierdo sinalou a intensa relación co “maior número posible de eventos e festivais culturais, dos eidos do cine, o audiovisual, a música e o teatro, e de interese público” e “no eido máis social, a Corporación seguiu a súa colaboración con entidades como FAGAL, UNICEF, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, ou a Cruz Vermella”.
Sánchez Izquierdo achegou datos da enquisa desenvolvida en 2023 e recollida na súa totalidade no informe ‘Estados de Información non Financeira’ publicado no Portal de Transparencia e que indica, entre outros baremos, que: “o 85% dos galegos estima que a TVG é necesaria para que os galegos estean informados das noticias da comunidade e provincia, e o 86% di que TVG reflicte e fomenta a cultura galega e o seu idioma”.
Así mesmo, Izquierdo salientou a riqueza do intercambio social, educativo e lingüístico entre Galicia e Portugal e “a liña de traballo aberta coa RTP e o sector coa coprodución conxunta da serie de ficción ‘Motel Valkirias’, que acadou o Premio europeo CIRCOM, o décimo premio internacional para unha produción da CRTVG, ou o programa ‘Aquí Portugal’ emitido simultaneamente por ambas canles”. Este pasado domingo unha nova entrega do ‘Aquí Portugal’ desde A Guarda, con arredor de 6 horas de directo, acadou unha audiencia acumulada de preto de 2 millóns de persoas entre a RTP e a TVG.
No ámbito da igualdade, o director xeral tamén indicou que a CRTVG recibiu “unha vez máis -e xa van cinco anos seguidos- o indicador ‘Empresa Igual en Xénero’ do informe empresarial publicado polo servizo ARDÁN do Consorcio da Zona Franca de Vigo. Produción de contidos, atención informativa e igualdade plena na xestión dos recursos humanos conforman o preciso para seguir obtendo este recoñecemento que non é un fin en si mesmo, senón un apoio ao proceder da CRTVG neste eido, co que a Corporación se atopa absolutamente comprometida”, explicou.
TVG pecha a temporada 23/24 como líder en cultura e informativos
Santiago, 03.07.2024.- Televisión de Galicia pecha a temporada 2023/2024 (setembro- xuño) como a canle líder nos informativos, líder en tempo de programación dedicada a contidos de música, e líder en cota de pantalla nas artes escénicas e nos programas culturais. Estes son os datos que se desprenden do informe do medidor Kantar Media do balance da temporada 23/24.
No eido informativo, o medidor sinala a fortaleza de TVG moi especialmente na franxa de mediodía co ‘Galicia Noticias’, cun 18,4 %, e o ‘Telexornal Mediodía’, cun 16,7%. Os informativos da TVG chegaron a máis de 2.360.000 espectadores nesta temporada, o 90% (89,7 %) da poboación galega de máis de catro anos.
Aposta pola cultura, música e artes escénicas
#Cultura365 é o eixo baixo o cal a CRTVG programa os seus contidos arredor da escena cultural galega. O resultado desta estratexia reflicte que a TVG é a primeira canle en cota de pantalla no xénero de artes escénicas, cun 12,5 %. En xeral, sobre programas culturais, a TVG é tamén a canle que acada máis cota de pantalla de España, e a segunda en canto a maior duración dedicada a eles. A Galega é tamén a canle con máis tempo de programación dedicado á música, cun 10 % de cota.
Por días de semana, os máis fortes en audiencias foron os laborables, de luns a venres; os luns media un 9,7 % de cota, os martes un 9,4 %, os mércores un 9,7 %, os xoves 10,6 % e os venres 10,7 %. Na franxa do prime time cómpre salientar as cotas de xoves (11,1 %) e venres (10,5 %) para unha media do 9,5 %.
Pola súa parte, a G2, cun 1 %, segue a ser unha das mellores segundas canles da FORTA e foi a canle que máis medrou en Galicia, un 11 % con respecto á temporada 2022/2023.
A Radio Galega é a emisora de Galicia que máis medra e alcanza os 123.000 oíntes
Santiago, 02.07.2024.- A Radio Galega é a emisora que máis sobe en Galicia, segundo os datos da segunda onda do Estudo Xeral de Medios publicados este martes. Con 123.000 oíntes de luns a domingo, Radio Galega medra un 19% con respecto á primeira onda deste 2024.
Tamén sobe de forma exponencial Radio Galega Música, chegando aos 19.000 oíntes de luns a domingo, o que supón un incremento do 111,11% con respecto ao período anterior. Así, o conxunto das emisoras de radio da CRTVG alcanza os 142.000 oíntes durante toda a semana, o que supón un incremento do 26% da súa cota de audiencia.
O dato da Radio Galega, nesta segunda onda do EXM, é especialmente significativo se o comparamos coa situación da radio xeralista, que apenas medra un 0,3% neste período. A Radio Galega é a canle pública ou privada que máis medra en Galicia, e é a única pública de Galicia que medra, quintuplicando en audiencia a outra emisora pública que emite no país.
O Estudo Xeral de Medios sinala a TVG como a canle líder en Galicia
Santiago, 02.07.2024.- Televisión de Galicia segue a ser a canle máis vista en Galicia e tamén entre as televisións autonómicas, segundo a segunda onda do Estudo Xeral de Medios (EXM) publicada este martes, baseada na mostra recabada entre o 20 de marzo e o 4 de xuño. A TVG medra ata o 21,4% de cota de pantalla no conxunto da semana, o que significa 8 puntos máis de share que o seguinte competidor privado e o dobre que a outra canle pública, La1 (10,8%).
Os galegos elixen TVG para informarse na franxa das mañás, cun 18,6% ao mediodía e á noite. No mediodía (entre as 13:00 e as 17:00 h), destaca especialmente o bloque do ‘Galicia Noticias’ e ‘Telexornal Mediodía’, en que a TVG acada o 33,9% de cota de pantalla con picos de audiencia do 45% no Telexornal.
O EXM salienta tamén que no prime time, a franxa de maior consumo da xornada, TVG acada un 17,8% de cota media, superando en 5,8 puntos a Telecinco. Por días da semana, destaca a audiencia acadada os xoves (22,7%), venres (31,3%) e domingos (26,4%).
Líder tamén das canles autonómicas os sete días da semana
Entre as televisións autonómicas reunidas na FORTA, a Televisión de Galicia é tamén a máis vista todos os días da semana, superando en cinco puntos as seguintes canles máis vistas da Federación de Organismos Autonómicos.
'Navarra', a representante de Lugo, elixida Miss Vaca 2024 no 'Luar' da Televisión de Galicia
Santiago, 29.06.2024.- A gran final de Miss Vaca no programa 'Luar' da TVG deste venres á noite rematou con Navarra, de Lugo, elixida como a vaca máis fermosa de Galicia. As catro finalistas, unha por provincia, competiron no estudio polo voto do público e a vencedora recibiu a banda que a acredita como gañadora e un premio de 3.000 euros.
A gran final de Miss Vaca, o xa tradicional concurso de 'Luar' por estas datas do verán, é un dos momentos máis agardados de toda a temporada. O concurso vai xa pola súa décimo sexta edición e cada ano convértese nun auténtico acontecemento, acadando cada vez máis repercusión, sobre todo nas redes sociais e entre os máis novos, tamén fóra de Galicia.
A vaca lucense enfrontouse a Parrula, de Pontevedra; Cuca, da Coruña, e Gallarda de Ourense, as outras tres elixidas polo público nas fases anteriores do concurso para esta final. Ademais, o xurado do concurso entregou outras distincións, como Miss Lindos Ollos, Miss Poderosa, Miss Aloumiños e Miss Donaire. Historicamente, a provincia de Lugo gañou xa 12 o concurso, A Coruña fíxoo en dúas ocasións e Ourense e Pontevedra, unha vez cada unha.