div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Televisión de Galicia participará en oito novos proxectos cinematográficos

As longametraxes ‘Un deus que non baila’, ‘Sin huella’, ‘Gloria e Olvido’, ‘Pínkala’, ‘Alumbre’ e ‘Augas rotas’, contarán co respaldo da canle

No marco do seu apoio ao sector audiovisual galego, inclúense nesta resolución a participación en dous documentais: ‘Toxo’ e ‘Afundidos: o naufraxio do Pitanxo’

csag.gal 09/10/2026 11:43

Santiago, 09.10.2026.-    A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) acordou a súa participación nun total de oito novos proxectos cinematográficos, seis longametraxes e dous documentais, en cumprimento das accións de apoio dos medios públicos ao sector audiovisual.

Despois da valoración realizada pola Comisión Directiva de Avaliación, que analizou as distintas propostas presentadas, determinouse a participación da CSAG nesta selección de proxectos, dentro do coñecido como o cumprimento do 6 %. Favorecer o sostemento dun sector audiovisual galego que busque tamén a mellora da sociedade e apoiar a creación neste eido dunha identidade propia conforman algúns dos criterios que se seguen neste proceso de selección.

Longametraxes de ficción

    • ‘Un deus que non baila’, de Serenade Cinema, A.I.E: ópera prima 100 % galega de Pedro Díaz, director e autor do guión da curtametraxe ‘A entrega’, seleccionada para os Premios Goya e para a competición internacional de Clermont-Ferrand, que o considerou talento emerxente. A película ofrece unha ollada propia sobre a diversidade e a complexidade das relacións familiares modernas e a súa convivencia coa tradición e a relixión. Neste choque entre tradición e modernidade, fe e liberdade, tres xeracións de mulleres aprenderán a dicirse adeus sen preocuparse do que dirán. Está protagonizada polas actrices galegas María Vázquez e Ana Santos, xunto á actriz catalá Bruna Cusí e á debutante galega Irea Chouza.

    • ‘Sin huella’, de Vaca Films: un thriller con dose de acción que reflexiona sobre o impacto do progreso tecnolóxico no rural e sobre a eterna loita entre a tradición e os intereses globais, cunha historia de amor entrelazada. Biel inicia unha implacable busca da verdade tras a morte da súa muller, que sospeita relacionada coa expropiación forzosa da súa casa. A súa investigación acaba converténdose nunha ameaza invisible. Pedro Alonso, que volverá falar galego na pantalla, dá vida a un home cun forte sentido da xustiza. Encabeza un elenco de primeiro nivel con Isabel Naveira, Roque Ruíz, Manuel Manquiña, Edgar Costas e Chechu Salgado. 

    • ‘Gloria e Olvido’, de Villamiseria, A.I.E.: terceira película de Paula Cons, fiel ao seu compromiso co cine de denuncia social. É un thriller dramático de vinganza e suspense con dúas mulleres no centro do relato, en que a ironía e o humor transforman o drama nun dilema moral. Esta coprodución con Portugal ten como protagonistas unhas irmás xemelgas, interpretadas polas recoñecidas actrices galegas Lucía Veiga e Victoria Teijeiro, que rexentan un ultramarinos onde, de súpeto, aparece un home que reabre feridas do pasado. Ven nel a oportunidade perfecta para facer xustiza, pero o seu plan desesperado escápaselles das mans.

    • ‘Pínkala’, de Tres La Película Frida Nadir, A.I.E.: novo proxecto de Juanjo Giménez, gañador da Palma de Ouro en Cannes coa curtametraxe ‘Timecode’. É a evolución natural dunha filmografía que explora os vínculos humanos a partir dunha anomalía sensorial, física ou fantástica. Móvese entre a fantasía e o drama, con incursións no paranormal e co humor como ponte emocional co espectador. Desenvolve a historia de Sam, un luthier que posúe un don que o fai diferente e lle dificulta encaixar na normalidade, e que vive illado, coidando do seu pai. No elenco reparto figuran Fran Lareu, Carmen Méndez, Cris Collazo e Yelena Molina. A compañía galega de danza Globo crea e executa as coreografías. 

    • ‘Alumbre’, Zeitun Films: película de forte carga poética e narrativa íntima, con vocación de situarse no cinema Arthouse europeo. O seu director, Alejandro Tarraf, explora as raíces da súa liñaxe materna en busca de respostas sobre a identidade e o sentido de pertenza. Esta coprodución con Suíza combina no seu equipo artístico actores profesionais e non profesionais para achegar veracidade, naturalidade e valor autoral. 

    • ‘Augas rotas’, de Aguas Rotas La Película, A.I.E.: filme autoral con ambición comercial, vinculado a Galicia e a Euskadi, que pousa a ollada nun suspense emocional, cotián e invisible. Nace das vivencias do director, Patxi Isasti, que medrou nunha vila galega onde o seu pai traballaba como psiquiatra. Alí, un suceso tráxico fíxolle descubrir que a vida pode quebrar. A historia transcorre nunha vila costeira da Mariña, entre Burela e Cervo, un medio despoboado e industrial onde a auga estancada funciona como metáfora das relacións familiares e da saúde mental. No elenco figuran Tamar Novas, Melania Cruz e Carlos Blanco.  

Longametraxes documentais

    • ‘Toxo’, de Tamboura Films: debut na longametraxe documental de Gael Herrera. O filme é froito dun longo e preciso traballo de investigación sobre o contexto científico, social e mediático da invención. Constrúe un universo visual que dialoga cos anos 90 e crea suspense desde a evidencia. Explora as tensións entre a innovación tecnolóxica, a memoria histórica e os intereses económicos que atravesan o desenvolvemento enerxético contemporáneo. É un documental en clave de ecothriller que reconstrúe o periplo vital de Heliodoro Vicente Rodríguez, e que narra o ascenso e a caída do ‘Sol Fuerza’, o biocombustible que ideou nun garaxe da Coruña e que puido cambiar o futuro da industria dos combustibles contaminantes. 

    • ‘Afundidos: o naufraxio do Pitanxo’, de Zebra Canarias: é o primeiro achegamento documental con ambición cinematográfica que se fai sobre a traxedia do Vila de Pitanxo, construído desde a emoción, a tensión e a memoria, co rigor do xornalismo de investigación. A través do relato dos sobreviventes, das versións enfrontadas e da tensión xudicial, propón unha viaxe emocional arredor do afundimento e da busca desesperada da verdade e da xustiza. Dirixe o vigués Fernando Ureña, cunha longa traxectoria en documental de investigación, con nomeamentos e galardóns nacionais e internacionais. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade