div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

CSAG Viva

Publicador de contidos

Basquet Coruña-Bilbao e Rácing de Ferrol-Pontevedra protagonizan as retransmisións da TVG e AGalega.gal durante esta fin de semana

Santiago, 2.10.2026.-   As retransmisións deportivas da Televisión de Galicia comezan esta fin de semana ao mediodía do sábado, coa emisión pola plataforma AGalega.gal do primeiro partido da eliminatoria europea de balonmán entre o Guardés e o Boden. A segunda cita da European League, prevista para o domingo ás doce, tamén poderá seguirse a través da G2.

Unha das citas destacadas situará as cámaras da primeira canle da TVG e da OTT no estadio da Malata o sábado, a partir das catro e media da tarde. O enfrontamento entre o Rácing de Ferrol e o Pontevedra é un clásico do fútbol galego entre dous dos cinco representantes autonómicos na categoría. 

A partir das sete da tarde, a G2 e AGalega.gal ofrecerán desde o pavillón de Navia o regreso do Celta á Primeira División do baloncesto feminino. O Gernika é o primeiro rival do equipo que prepara Cristina Cantero nunha categoría elite que cada semana contará coa retransmisión en directo dun partido en que participe un dos tres representantes da nosa comunidade. A TVG tamén emitirá todas as citas do Ensino Lugo e do Uni Ferrol na Eurocup.

Basket Coruña-Bilbao e a Segunda Federación de fútbol, o domingo

A TVG e AGalega.gal estarán o domingo ao mediodía no Coliseo da Coruña para contar o Basquet Coruña-Bilbao, da Liga ACB de baloncesto. É o primeiro partido do cadro que dirixe Carlos Marco ante a súa afección, despois de iniciar o curso con derrota no Palau ante o Barcelona.

A partir da dúas e media, os seareiros do motor teñen unha cita na G2 e na canle dixital AGalega.gal coas últimas mangas da Copa das Nacións de motocross. A proba desenvólvese no circuíto francés de Ernée. España opta ao podio cun equipo de gran nivel encabezado polo piloto lucense Jorge Prado, xunto ao vigués Rubén Fernández.

Pola tarde, ás cinco, a Segunda Federación volverá estar presente no formato multifútbol. Desta volta, AGalega.gal emitirá tres partidos: Bergantiños-Coruxo, Compostela-Oviedo Vetusta e Ourense C. F.-Arousa. 

Ao remate da xornada, contra as dez e media da noite, Gustavo Varela abrirá na G2 e en Agalega.gal a edición semanal de ‘En xogo’ centrada no resumo de todos os partidos dos nosos equipos nas categorías profesionais e nas ligas dependentes da RFEF. Esta fin de semana a atención principal estará posta no estadio do Molinón, onde o Celta Fortuna visita ao Spórting de Xixón. Ademais, os espectadores poderán ver os goles da Primeira, Segunda e Terceira RFEF, con atención especial ao Avilés-Lugo, Rácing-Pontevedra, Real Unión-U. D. Ourense e U. D. Logroñés-Fabril. O programa terá un segundo pase, en redifusión, contra a unha da madrugada na primeira canle da TVG.

A información, no ‘En xogo’

Durante a fin de semana, o espazo ‘En xogo’ actualiza na TVG toda a información do deporte galego, coa primeira edición ás tres da tarde e a segunda contra as nove e media da noite. Ademais, as conta de Instagram e de X xunto a web G24 recollen as noticias e as historias máis destacadas dos nosos equipos e deportistas. Ademais do fútbol, a ACB de baloncesto estará presente cos resumos do Obradoiro-Real Madrid, Basquet Coruña-Bilbao e Manresa-Breogán. Outra das disciplinas con repercusión á Liga Feminina de baloncesto con este calendario para as nosas: Celta-Gernika, Ensino-Euskotren e Uni Ferrol-Araski.

ler máis

Bolsas solidarias coa imaxe da TVG, á venda na Fundación AdCor da Coruña

Santiago, 02.10.2026.-  Lucir unha bolsa coa imaxe dos programas da TVG volve ser posible nunha nova colaboración da CSAG coa Fundación AdCor da Coruña.

             As 'Accións G' da Corporación reciclaron lonas de decorados de programas como 'En xogo’, os telexornais e mesmo o 40 aniversario dos medios públicos en bolsas solidarias. Os usuarios da Fundación AdCor transformaron esas lonas en bolsas e xa están dispoñibles na súa tenda D'Cuero, na rúa Enrique Dequidt da Coruña.

             Ademais, este venres o programa ‘Galicia por diante’ da Radio Galega deu voz á iniciativa e regalou varias bolsas aos seus ovintes. A emisora visitou a tenda da Coruña e houbo tempo tamén para unha conversa con usuarios da Fundación. Esta é terceira vez que se une o traballo de AdCor co compromiso social da Corporación, no marco da economía circular e no noso compromiso con apoiar e visibilizar o labor das entidades do terceiro sector de Galicia.

            A Fundación ADCOR é unha organización sen ánimo de lucro dedicada a mellorar a vida das personas adultas en situación de dependencia e conta con centros ocupacionais e centros especiais de emprego, entre os seus servizos.

ler máis

'Sexo con senso' e 'BenLidos', novas apostas de divulgación e servizo público para AGalega.gal

Santiago, 02.10.2026.-  A plataforma AGalega.gal incorpora nos vindeiros días novos contidos de divulgación e servizo público, entre os que destacan as estreas de ‘Sexo con senso’ e ‘BenLidos’, dous formatos seleccionados na última convocatoria de contidos dixitais da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG). As novas propostas súmanse á programación habitual da plataforma, que continúa ampliando a súa oferta con emisións deportivas, contidos de produción propia e novas estreas cinematográficas.

A primeira novidade chegará hoxe, 2 de outubro, coa estrea dunha nova tempada de ‘Sexo con senso’, o espazo presentado pola matrona e divulgadora Lidia Lestegás. O programa aborda cuestións relacionadas coa sexualidade, o desexo, as relacións e o pracer desde unha perspectiva próxima, rigorosa e libre de tabús. O capítulo inaugural estará dedicado á diversidade sexual e afondará nas diferentes formas de vivir a sexualidade, así como en aspectos vinculados á identidade, á orientación e á expresión sexual. O formato ofrecerá unha nova entrega cada semana ata o 6 de novembro.

Ese mesmo día incorporarase tamén ao catálogo da plataforma o filme ‘Dous bos nachos’, unha comedia de acción protagonizada por un detective privado e un matón a soldo que unen forzas para investigar a desaparición dunha activista medioambiental. A película estará dispoñible durante 30 días.

A programación cinematográfica continuará o sábado 3 coa chegada de ‘Crónica dunha relación pasaxeira’, unha historia sobre unha nai solteira e un home casado que deciden manter unha relación sen compromiso, pero que acabarán descubrindo unha conexión que cuestiona as condicións pactadas inicialmente.

Cómpre salientar a estrea de ‘BenLidos’ (xoves 8), presentado pola xornalista Alba Mancebo. O programa achegará de maneira breve e divulgativa os libros de lectura obrigatoria nos institutos galegos, ofrecendo explicacións, curiosidades e claves para facilitar a comprensión das obras e fomentar o interese pola lectura. O primeiro capítulo estará dedicado a ‘O único que queda é o amor’, de Agustín Fernández Paz, galardoado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2008. A serie contará cunha nova entrega semanal ata o 17 de decembro.

Ao día seguinte, ‘Sexo con senso’ (venres 9) continuará a súa nova tempada cun capítulo centrado nos comportamentos sexistas nas relacións sexuais, co obxectivo de ofrecer ferramentas para identificalos e promover relacións baseadas na liberdade e na igualdade. Ademais, AGalega.gal incorporará ao seu catálogo o thriller ‘A herexía laranxa queimada’, ambientado no mundo da arte.

A oferta de estreas completarase o sábado 10 coa chegada de ‘Rose’, unha película ambientada a finais dos anos noventa que relata a viaxe a París dunha muller que vive nun centro psiquiátrico xunto coa súa irmá e o seu cuñado, unha experiencia que porá a proba a convivencia e a relación entre os tres protagonistas. Permanecerá dispoñible na plataforma durante 30 días. 

ler máis

As músicas de María Vidal, Mariana Pérez, Patricia Sobreira e Los Caños, protagonistas no 'Luar' deste venres

Santiago, 2.10.2026.-    A música, o humor e a tradición son os ingredientes dun novo venres en ‘Luar’ (21:45 h), nunha edición dedicada aos alcumes. Os presentadores Xosé Ramón Gayoso e Laura Boado conducirán unha noite, que reunirá sobre o escenario artistas de estilos moi diversos. 

A andaluza María Vidal, unha das voces máis elegantes da copla española, ofrecerá en ‘Luar’ o emblemático ‘Te he de querer mientras viva’, tema inmortalizado orixinalmente por Marifé de Triana. Noutros estilos, cómpre salientar as intervencións da intérprete e compositora viguesa Mariana Pérez, que presentará a canción ‘Por si vuelves’, e da cantante e pandeireteira do Val Miñor Patricia Sobreira, que interpretará ‘Ai, que rabia teño!’.

A velada contará, ademais, coa presenza de Los Caños, o popular grupo gaditano que marcou unha xeración co seu pop melódico, regresa ao estudio de ‘Luar’ para interpretar dous dos seus temas máis coñecidos, ‘Niña piensa en ti’ e ‘Planeta azul’. Completa a oferta musical da noite a actuación da Orquestra Finisterre, unha das formacións galegas máis coñecidas do panorama verbeneiro.

No apartado dos ‘Recantos’ vivirase a estrea de dúas novas aspirantes, Antía, recanteira de Arzúa, e Noelifornia, representante da Terra Chá, que se subirán por primeira vez ao escenario do espazo. As súas actuacións serán valoradas polo xurado desta temporada, integrado por Nuria Lorenzo, Cristina Castaño e Manuel DeAndrade.

O humor chegará da man de Rosita de Penelas, personaxe interpretada por Patricia Vázquez, e tamén de Carla e Marcos, Todo Mal, que achegarán a súa divertida visión da vida. E para finalizar, o Mago Joaquín Matas sorprenderá o público cos seus números de ilusionismo.
 

ler máis

Spórting de Xixón-Celta Fortuna e Obradoiro-Real Madrid, esta fin de semana no 'Galicia en Goles' da Radio Galega e AGalegaAudio.gal

Santiago, 01.10.2026.-    ‘Galicia en Goles’, o programa deportivo de fin de semana da Radio Galega e AGalegaAudio.gal, despregará a axenda máis completa de retransmisións entre o venres e o domingo, cun total de 26 horas en antena.

O venres, de 20:00 a 00:00 h, a atención estará posta no Deportivo-Porto. O estadio de Riazor acolle un amigable con sabor histórico lembrando a eliminatoria de Champions da temporada 2003-04. Ademais, o programa conectará co Avilés-Lugo, da Primeira RFEF, e co Cangas-Valladolid, da Asobal de balonmán.

O sábado, desde as 14:15 h, o interese pasará pola Sangriña, para escoitar as protagonistas do Guardés na súa estrea na European League ante o Boden de Suecia. Logo, A Malata será o seguinte punto de directo ao acoller o clásico Rácing de Ferrol-Pontevedra, mentres en Irún a Unión Deportiva Ourense visita o Real Unión. A Primeira F estará presente desde Riazor, co Deportivo-Atlético de Madrid. No último treito do programa tomará o mando o baloncesto, coa visita do Breogán a Manresa na Liga ACB. O Nou Congost é un pavillón talismán para os galegos, xa que alí marcaron un dos rexistros máis lembrados da historia do club cunha vitoria contundente por 70-106. O comezo da Primeira feminina tamén terá oco durante a tarde, coa cobertura do Celta-Gernika en Navia, mentres no fútbol sala O Parrulo recibe en Ferrol o Valdepeñas.

Xa o domingo, a partir das 11:45 h, o ‘Galicia en Goles’ daralle voz á estrea como local do Básquet Coruña na ACB, recibindo o Bilbao. O outro punto de directo será o pavillón do Sar, onde o Obradoiro porá a proba o seu proxecto ante o Real Madrid. Durante o mediodía haberá conexións co Pazo de Lugo, onde o Ensino inicia a temporada ante o Euskotren. O fútbol da Primeira RFEF compartirá protagonismo, coa información do U. D. Logroñés-Fabril desde o histórico As Gaunas, e no fútbol sala destacará a visita do Barcelona ao Noia no Agustín Mouris.
    
A partir das 14:15 h, o fútbol profesional ocupará o primeiro treito da tarde co enfrontamento no Molinón entre o Spórting de Xixón e o Celta Fortuna. A Segunda e a Terceira RFEF completarán a oferta con atención especial a estes partidos: Bergantiños-Coruxo, Ourense C. F.-Arousa e Compostela-Oviedo Vetusta. A Malata entrará na rolda de conexións coa liga de baloncesto feminino e o encontro entre o Uni Ferrol e o Araski.

#GaliciaEnXogo

A última hora do domingo está reservada no ‘Galicia en Goles’ para o proxecto que leva o cancelo #GaliciaEnXogo. Ás 23:00 h, Rodrigo Pérez atenderá a información do motor, que esta fin de semana centra en Francia o evento máis destacado coa participación dos galegos Jorge Prado e Rubén Fernández na Copa das Nacións de Motocrós. Desde as 23:30 h, Toni López continuará co ciclo de entrevistas aos deportistas galegos que preparan os próximos Xogos dos Ánxeles 2028.

ler máis

A TVG e AGalega.gal retransmiten este venres o partido amigable entre o Deportivo e o Porto

Santiago, 30.09.2026.-  A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) ofrece esta semana dúas citas deportivas de gran nivel. O xoves, o Baxi Ferrol xoga a súa continuidade europea ante o Beroe Stara Zagora e o venres o Deportivo recibe en Riazor o F. C. Porto nun amigable con sabor histórico.

Baxi Ferrol-Beroe de Bulgaria, desde A Malata pola G2

Ás oito e cuarto da tarde do xoves, no Pazo de Deportes da Malata, o Baxi Ferrol disputa a volta da eliminatoria clasificatoria da EuroCup feminina de Baloncesto 2026-27 ante as búlgaras do Beroe Stara Zagora, tras xogar a ida en Bulgaria cunha cómoda vitoria por 15 puntos, 61-76. Quen supere esta eliminatoria previa entrará na fase de grupos da segunda competición continental máis importante do baloncesto feminino europeo a nivel de clubs.

O conxunto adestrado por Lino López afronta esta cita cun aval de luxo xa que na súa primeira participación na Eurocopa, na temporada 2024-25, o Baxi protagonizou unha traxectoria histórica que o levou, sen ningún precedente galego, ata a final do torneo, onde caeu fronte ao Villeneuve d'Ascq francés. Aquela campaña, coroada tamén cun posto de cuarto finalista o ano seguinte, converteu A Malata nun escenario habitual do baloncesto europeo e situou ao club ferrolán entre os grandes nomes emerxentes da competición.

A retransmisión do partido chegará a través da G2 e da plataforma AGalega.gal, coa narración de Pedro Pablo Alonso e os comentarios da ex xogadora Carla García.

Deportivo-Porto, o venres desde Riazor pola TVG

O venres. ás sete da tarde, Riazor acolle un partido amigable entre o Deportivo e o FC Porto. O encontro reedita un dos enfrontamentos máis lembrados da historia europea do club, a semifinal de Liga de Campións de 2004 en que un Porto, dirixido por José Mourinho, eliminou o Deportivo de camiño a gañar o título continental aquel ano. Máis de dúas décadas despois, o Dépor e os Dragões volven enfrontarse, agora nun ambiente festivo en Riazor.

A primeira canle da Televisión de Galicia e a plataforma AGalega.gal emitirán en directo este amigable, coa narración de Jesús Iglesias e os comentarios do adestrador Tito Ramallo.
 

ler máis

Amplo dispositivo informativo dos medios públicos galegos con motivo do Foro La Toja-Vínculo Atlántico 2026

Santiago, 30.09.2026.-    Televisión de Galicia desprega esta semana un amplo dispositivo informativo na illa da Toxa, onde se celebra ata o sábado 3 de outubro o Foro La Toja-Vínculo Atlántico 2026, coa participación de destacados representantes dos ámbitos político, económico e institucional.

A inauguración poderá seguirse este xoves en directo na TVG e g24.gal, mentres que a G2 e AGalega.gal ofrecerán todos os debates, intervencións e mesas de análise do foro, centrado este ano nas relacións atlánticas, a intelixencia artificial, a economía española, a cohesión territorial, a seguridade, o espazo iberoamericano e as relacións internacionais.

A TVG trasladará á Toxa os seus principais telexornais: o  xoves, Pablo Muñoz presentará desde a illa o ‘Telexornal’ das 21:00 h. O venres 2 de outubro, a cobertura reforzarase con dous telexornais realizados integramente desde a Toxa: Marta Darriba presentará o ‘Telexornal’ das 14:25 h e Pablo Muñoz, o das 21:00 h. Tamén a Radio Galega traslada estes días o seu foco informativo ao Foro, cun seguimento especial da súa actualidade e dos principais protagonistas. 

A edición deste ano contará coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; do presidente do Goberno, Pedro Sánchez; do rei Filipe VI; do presidente da República Portuguesa, Marcelo Rebelo de Sousa, e do presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, entre outros. Tamén participarán responsables institucionais e destacados representantes dos ámbitos económico, empresarial e internacional nacionais e internacionais.

Con esta cobertura especial, a Galega reforza a súa aposta por estar no lugar onde se produce a información e achegarlle en directo á audiencia galega os grandes asuntos e protagonistas da actualidade.

ler máis

AGalegaAudio.gal estrea ‘3x3’, un novo podcast de baloncesto 

Santiago, 29.9.2026.-  A Radio Galega pon en marcha ‘3x3’, un novo podcast semanal dedicado á actualidade do baloncesto galego e estatal. O espazo estará conducido por Pedro Pablo Alonso, narrador dos partidos de ACB e Liga Feminina Endesa na TVG; Tomás Alonso, xornalista da canle autonómica; e Iago Casal, adestrador e comentarista de baloncesto da TVG. Poderá escoitarse en AGalegaAudio.gal e, ademais, todos os venres, sobre as once da noite, dentro do espazo ‘Galicia en goles’, na FM da Radio Galega.

O primeiro programa conta como convidado co seleccionador español de baloncesto feminino, o vigués Miguel Méndez, que este mes de setembro logrou o bronce no Mundial de Alemaña coa selección española, tras superar a Alemaña (81-58) no partido polo terceiro posto disputado en Berlín, cunha Iyana Martín inspirada (22 puntos, 9 asistencias). España volveu así ao podio mundialista tras caer nas semifinais fronte a Estados Unidos, campión do torneo.

Pedro Pablo Alonso, Tomás Alonso e Iago Casal repasan con Méndez a actualidade da selección e analizan tamén os resultados dos equipos galegos na primeira xornada da Liga Endesa. O Breogán estreouse cunha vitoria de escándalo no Pazo dos Deportes ante o Joventut Badalona, campión da Supercopa Endesa, por 110-104, nun partido no que Danko Brankovic (29 de valoración) e Francis Alonso levaron o peso do ataque celeste. O Obradoiro tamén sumou os dous primeiros puntos na súa volta á ACB, mentres que o Básquet Coruña caeu no Palau Blaugrana fronte ao Barça (119-101), nun choque no que plantou cara durante tres cuartos.

‘3x3’ seguirá cada semana a actualidade do baloncesto galego, cun ollo posto tamén na Liga Femenina Endesa, que arrinca este fin de semana. O feito de que tres equipos galegos compitan tanto na ACB (Breogán, Obradoiro e Básquet Coruña) coma na Liga Femenina Endesa (Uni Ferrol, Ensino e Celta) amosa o gran momento que vive o baloncesto galego, cun total de seis equipos nas máximas categorías estatais, masculina e feminina, e cunha canteira que segue a dar froitos como o do propio Miguel Méndez ao fronte da selección española.

Con esta nova proposta, a Radio Galega e AGalegaAudio.gal amplían a súa aposta polo baloncesto e ofrecen un espazo de análise e debate arredor dun deporte que vive un momento de auxe en Galicia, con clubs históricos consolidados na elite e un fluxo constante de talento propio.

ler máis

A TVG presenta no Ourense Film Festival as ficcións 'Clínica Miranda' e 'O asasino do pelo roxo'

Santiago, 25.09.2026.-  A estrea do documental ‘Kiro’, dedicado á figura da cantante galega Ana Kiro é a primeira cita da TVG na 31ª edición do Ourense Film Festival (OUFF), que se celebra entre o 25 de setembro e o 4 de outubro. Ademais, Televisión de Galicia presenta no festival dúas propostas de ficción propia para este outono, as series ‘Clinica Miranda’ e ‘O asasino do pelo roxo’. A gala inaugural do OUFF poderase seguir en directo, a través da plataforma AGalega.gal hoxe, ás 20:00 horas.

O documental  ‘Kiro’ xira arredor da figura e carreira da cantante galega Ana Kiro, unha cantante icónica e unha das estrelas e presentadoras da TVG durante décadas. Esta produción participa na sección oficial ‘Panorama Galicia’, categoría competitiva que reúne algunhas das obras máis destacadas da creación audiovisual galega recente. Estrearase no Teatro Principal, este sábado, ás 17:00 horas, e volve proxectarse o martes 29, ás 22:00 horas.

Dúas series para o prime time da TVG

TVG presenta nesta edición do OUFF dúas das novas series de ficción que chegarán nos vindeiros meses á pequena pantalla. O xoves día 1 o Teatro Principal de Ourense acolle a proxección (19:30 h) do primeiro capítulo da serie ‘Clínica Miranda’ dentro da sección Fóra de Serie do festival. A produción está ambientada na Pontevedra dos anos 60, nun prestixioso centro sanitario que vive unha profunda transformación coa chegada dun brillante cirurxián formado en Nova York. A acción desenvólvese entre quirófanos, convencións sociais, conflitos de poder e a relación prohibida entre o cirurxián Mario e unha enfermeira de orixe humilde e extraordinario talento. Producida para a TVG por Outro SL, coa participación de Crea SGR, a serie está dirixida por Simón Casal e ten como intérpretes a Lucía Regueiro, Adrián Castiñeiras, Luís Iglesia, David Vilares, Sara Ferro ou Nacho Nugo.  

E dentro da sección Xanela do OUFF, que acolle proxectos audiovisuais galegos en desenvolvemento, terá lugar a presentación da ficción ‘O asasino do pelo roxo’, serie sobre un crime que conmocionou Galicia e cuxa investigación se prolongou durante anos. Gravada integramente en galego, a produción combina en seis capítulos a reconstrución dos feitos coa análise da investigación policial e do impacto humano do crime na familia da vítima e na comunidade. 

A serie está producida por Zenit TV para a TVG, dirixida por Inés Pintor, e conta no seu elenco con Manuel Estévez, Sergio Abelaira, Adrián Ríos, Xosé M. Esperante, Isabel Garrido, Alberto Rolán, Susana Sampedro, María Tasende e Nacho Castaño, entre outros. A presentación terá lugar o mércores día 30 (12:00 h) no café Ceres 1894 de Ourense.
    

ler máis

Radio Galega Música estrea etapa e reforza a aposta polo novo talento galego

Santiago, 14.09.2026.-  Radio Galega Música renova este luns 14 de setembro a súa proposta sonora, situando máis firmemente a puxante escena galega actual no centro da súa programación. As voces, bandas e proxectos que están a definir o presente musical de Galicia gañan peso na selección diaria da emisora e convivirán cunha escolma de grandes cancións e artistas de distintas épocas. A proposta busca ofrecer unha identidade recoñecible, próxima e conectada coa audiencia galega.

A radiofórmula continuará acompañando os oíntes durante as 24 horas do día e sen publicidade, cunha programación adaptada aos diferentes momentos da xornada: música para espertar nas primeiras horas, unha selección pensada para o tempo de traballo, unha fórmula máis pausada na sobremesa, música para a volta á casa e unha proposta de descanso durante a madrugada.

Novas noites temáticas e programas de referencia

Ás 22:00 h, as noites de luns a venres manterán a súa aposta polos programas musicais de autor. Os luns, Óscar Losada seguirá á fronte de ‘Raizame’, un espazo aberto ás músicas de raíz, á lusofonía e á creatividade sonora internacional. Os martes, Charly Domínguez regresará con ‘O lobo urbano’ e a súa selección arredor da cultura rock. Os mércores, Manuel de Lorenzo continuará descubrindo en ‘Cara B’ as historias, curiosidades e cancións que se agochan detrás da historia da música.

Os xoves, ‘Ondas indies’ suma unha nova temporada con Marcos Vázquez ao micro. O programa seguirá atento aos novos lanzamentos, concertos, festivais e artistas da escena independente. ‘Saúde e rock and roll’, presentado por Ricardo Alonso, aséntase nas noites dos venres como a cita coa música e coa cultura do rock para abrir a fin de semana.

A fin de semana conservará dous dos grandes espazos de referencia da emisora. Os domingos, ás 15:00 h, Xabier Díaz e Guillerme Fernández volverán con ‘Tres peixes voando’, unha fiestra ás músicas do mundo. Desde as 17:00 h, Emilio Españadero retomará ‘Lume na palleira’, programa especializado na música folk e tradicional galega, atento tamén ás propostas chegadas doutros territorios. Tamén os domingos, ás 22:00 h, MJ Pérez estreitará de novo os lazos musicais co país veciño en ‘De lá para cá’, un percorrido pola música portuguesa actual no que conviven artistas consolidados, proxectos independentes, fado, tradición e novas colaboracións.

Unha emisora máis próxima á creación galega, tamén en AGalegaAudio.gal

Todos os programas estarán dispoñibles en AGalegaAudio.gal, onde a audiencia poderá recuperar os espazos temáticos e escoitalos cando queira. A oferta complétase con Son Galicia Radio, dedicada as 24 horas á música de artistas galegos en galego, e Radio Picariña, a canle musical infantil e xuvenil.

ler máis

TVG estrea temporada con máis dunha ducia de novas propostas, series, realities e moito entretemento

Santiago de Compostela, 09.09.2026.-  ‘MELLOR Á GALEGA’, a programación de outono da Televisión de Galicia vestiuse de gala este mércores na sala Pelícano da Coruña, onde se desvelaron máis dunha ducia de novos contidos de entretemento que abranguen ficción, actualidade, realities, deportes e historia. A TVG presentou a grella da nova tempada cun musical presentado por Xosé Ramón Gayoso, Laura Boado e Arturo Fernández, que se emitirá o venres á noite, e que contou coa asistencia dos equipos de programas e producións da TVG para este outono.

A ficción propia viaxará ao pasado en ‘Clínica Miranda’, produción ambientada na Pontevedra dos anos 60; a crónica negra recente é o xénero de ‘O asasino do pelo roxo’, unha miniserie que descobre a historia real dun caso da recente crónica negra de Galicia; e, ademais, moito humor en ‘Millonarios’, formato de comedia que segue as divertidas situacións da vida de ricos de dous millonarios por accidente, con Xosé Antonio Touriñán e Eva Iglesias como protagonistas.

 A canle pública aposta pola proximidade e o ton optimista ao amosar a vida real de persoas anónimas e famosas en cinco realities. ‘Orgullo de familia’ achegará a realidade e as raíces de tres familias xitanas. Máis que tratar sobre relixión, o programa de encontros ‘Bos hábitos’ convida a mirar os curas desde o seu lado máis persoal e a súa interacción coa contorna. Coa ollada posta no rural, ‘O campo é noso’ é un agroreality, que segue o día a día de mozos e mozas agricultores e gandeiros. O coñecido experto en conduta animal Octavio Villazala abre as portas do seu centro en ‘Octavio e os seus animaliños’. E a artista Pili Pampín será a protagonista xunto coa súa familia no reality ‘Planeta Pampín’. 

Servizo público, alfabetización mediática e investigación

A historia como nunca se viu chega con ‘Os Crononautas’, un espazo presentado por David Vilares e Trisha Fernández que viaxa no tempo para coñecer momentos clave da nosa historia, con recreacións de grande impacto visual, apoiadas no uso da IA. Amais, a TVG ten prevista a estrea dun espazo cunha clara vocación de servizo público, ‘Desaparecidos’, que intentará atopar respostas aos centos de casos de desaparicións sen causa aparente e que se suma ao programa de investigación ‘Expediente oculto’.

Os espazos de decoración e rehabilitacións, ‘Casa de cor’ e ‘Galicia bonita’, veranse complementados con ‘A miña casa ten flow’, no que Yayina Torres desenvolverá reformas orientadas a mellorar a funcionalidade dos espazos. E no apartado da divulgación, cómpre salientar a estrea de ‘Conexión segura’, programa de investigación que se introducirá no lado oculto da Internet para revelar como operan os cibercarrachos e, sobre todo, como hai que protexerse deles; ademais, ‘Mirada allea’ achegará as historias de persoas que deciden asentarse en Galicia e ‘Cos pés no mar’ dará a coñecer as historias de persoas que fan unha aposta vital polo mar. 

Máis ‘Land Rober’, ‘En compañía de Loli’, ‘Luar’ ...

E, por suposto, seguen os clásicos comandados por ‘Luar’ e ‘Land Rober’, aos que se lle suman novas temporadas de ‘Bailamos anónimos’, ‘A liga dos cantantes extraordinarios’, ‘Talentos extraordinarios’ e ‘A orquestra perfecta’. Tamén se seguirá gozando das novas entregas de espazos queridos polos espectadores como ‘Curando o mundo’ ou ‘Latitude galega’, así como os magazines que achegan en directo o día a día da nosa comunidade: ‘O termómetro’, ‘Hora galega’, ‘En compañía de Loli’ e ‘Tarde piaches’, neste caso nas fins de semana.

Máis fútbol, Primeira RFEF e Celta Fortuna e Liga Endesa de baloncesto 

O compromiso co deporte galego poténciase: TVG e AGalega.gal son a fiestra de referencia para os afeccionados ao fútbol coa emisión en aberto dun partido por xornada da Primeira RFEF grupo primeiro, con cinco equipos galegos -Pontevedra, Rácing de Ferrol, Club Deportivo Lugo, Unión Deportiva Ourense e Fabril Deportivo-. A canle pública seguirá de preto tamén o Celta Fortuna, o filial celeste que debuta na Segunda División, e do que retransmitirá 12 partidos ata maio do 2027.

E os domingos ao mediodía será a quenda do baloncesto. Cada xornada emitirase un partido da Liga Endesa con presenza galega      -Río Breogán, Monbus Obradoiro e Leyma Coruña-. En total, serán retransmitidos seis derbis e 34 encontros da competición regular. E a G2 retransmitirá tamén os partidos europeos do Río Breogán.
 

ler máis

TVG reforza a información de proximidade e a presenza no territorio galego na nova temporada

Santiago, 07.09.2026.-    Televisión de Galicia presenta este luns a súa programación informativa para a temporada 2026-2027, cunha oferta que sitúa Galicia e a información de proximidade no centro da súa proposta. A presenza no territorio galego, os directos, o xornalismo propio e a vontade de ofrecer máis contexto e profundidade marcarán unha temporada que contará con María Cheda, Raúl Quián, Marta Darriba, Pablo Muñoz, Chus Tanoira e David Valverde entre as súas principais caras.

Máis territorio galego e directos desde primeira hora

María Cheda estará á fronte do ‘Bos Días’, de luns a venres entre as 08:00 e as 10:30 horas. O programa reforzará a súa vocación galega e terá nos directos e nas conexións co territorio galego un dos seus principais fíos condutores, coa intención de estar alí onde se produce a actualidade. O ‘Bos Días’ potenciará tamén a explicación dos asuntos que marcan a xornada, incorporando especialistas en diferentes ámbitos para ofrecerlle á audiencia claves e contexto sobre a actualidade galega.

Un mediodía con máis proximidade e profundidade
    
A información de proximidade terá un protagonismo especial no ‘Galicia Noticias’, que presentará Raúl Quián de 13:55 a 14:25 horas. O espazo centrará a súa atención nos sucesos, na sociedade comarcal e nos asuntos que afectan directamente á vida cotiá galega, cunha cobertura territorial equilibrada que lle dea presenza ao conxunto de Galicia.

Ás 14:25 h, Marta Darriba tomará o relevo no ‘Telexornal’, o principal informativo do mediodía, que abordará con maior profundidade as grandes cuestións da actualidade galega.

Pablo Muñoz, á fronte da edición serán do ‘Telexornal’

A edición da noite, a partir das 21:00 h e presentada por Pablo Muñoz, apostará especialmente por facer avanzar as noticias ao longo do día, actualizando os asuntos tratados ao mediodía con novos desenvolvementos, novas voces e novos enfoques. O obxectivo é que o espectador atope cada noite un informativo que incorpore valor á actualidade galega e que constrúa tamén unha axenda propia de Galicia.

Chus Tanoira e David Valverde, na fin de semana

A oferta informativa reforzarase tamén durante a fin de semana. Chus Tanoira presentará o ‘Bos Días’ dos sábados e domingos, cunha posta ao día áxil da actualidade e atención tamén á axenda cultural e de lecer galego.

David Valverde será a cara do ‘Telexornal’ na fin de semana, tanto ao mediodía como pola noite. A edición de mediodía combinará a actualidade galega coa información útil e de servizo, con atención ao tráfico, á meteoroloxía e ás propostas culturais e de lecer de Galicia. Pola noite, apostarase pola profundidade, a explicación e os directos, desenvolvendo os asuntos clave da xornada con novos materiais e enfoques para ampliar e contextualizar a información ofrecida ao mediodía.

A fin de semana incorporará ademais ‘Atmosféricos’, un novo formato presentado por Diego Viaño que tomará a meteoroloxía como fío condutor para contar Galicia a través do clima, a natureza e o medio ambiente galego.

‘En Xogo’, nova referencia para a información deportiva galega

A información deportiva afronta tamén unha nova etapa. Os principais espazos de deportes de TVG agrúpanse baixo a marca ‘En Xogo’, co obxectivo de construír un selo recoñecible para a audiencia e cunha aposta por un xornalismo deportivo máis próximo e narrativo.

O compromiso co deporte galego poténciase durante esta campaña. A TVG e AGalega.gal seguirán sendo a fiestra de referencia para os afeccionados ao fútbol profesional, coa emisión en aberto dun partido por xornada da Primeira RFEF, grupo primeiro, en que compiten cinco equipos galegos: Pontevedra, Rácing de Ferrol, Club Deportivo Lugo, Unión Deportiva Ourense e Fabril Deportivo.

A canle pública seguirá de preto tamén a participación do Celta Fortuna no fútbol profesional. O filial celeste, que debuta esta temporada na Segunda División, contará con 12 partidos retransmitidos pola primeira canle da TVG e de AGalega.gal ata maio de 2027.

Os domingos ao mediodía será a quenda do baloncesto. A TVG e AGalega.gal emitirán cada xornada un partido da Liga Endesa con presenza galega: Río Breogán, Monbus Obradoiro e Leyma Coruña. En total, ofreceranse seis derbis galegos cun total de 34 encontros da competición regular. Tamén a G2 retransmitirá os partidos europeos do Río Breogán.

Carlos Macía presentará o ‘En Xogo’ do mediodía, con Terio Carrera nos exteriores; Lorena Pose estará á fronte da edición da noite de luns a venres, e Irene Lourido presentará as edicións de mediodía e noite da fin de semana. Óscar Benito estará á fronte dos espazos ligados ás retransmisións dos sábados e domingos, mentres que Gustavo Varela presentará o resumo da xornada do domingo na G2.

A nova proposta deportiva ten como prioridade o deporte galego, desde os principais equipos de fútbol ata as categorías con ampla representación de clubs de Galicia, o baloncesto e as competicións femininas.

Xornalismo en profundidade e información especializada

A programación informativa mantén ademais a súa oferta de xornalismo especializado. ‘No Foco’, presentado por Marcos Sueiro, continuará afondando nos temas e protagonistas que marcan a axenda, ofrecendo o contexto e a perspectiva que non sempre poden desenvolver os informativos diarios. A oferta complétase con ‘Vivir o Mar’, ‘Labranza’, ‘Parlamento’, ‘Café sen Gotas’ e ‘Zigzag’, reforzando a presenza na programación da información do mar galego, do rural galego, da actividade parlamentaria galega e da cultura galega.

ler máis

Javier Romero, Noelia Rey e Bernardo Montaña toman o mando de 'O termómetro' nas mañás da TVG

Javier Romero e Noelia Rey serán este outono os presentadores de 'O termómetro', xunto a Bernardo Montaña.

Santiago, 24.08.2026.-    Pouco a pouco vanse desvelando as novas facianas da próxima temporada da Televisión de Galicia, e a volta de ‘O termómetro’ ás mañás da TVG despois do verán chega con sorpresas. A primeira, os presentadores que sentarán na mesa e no sofá do magazine. Serán Javier Romero, Noelia Rey e Bernardo Montaña quen acompañen a audiencia na nova temporada do programa desde o próximo luns 31 de agosto.

Os tres xornalistas marcarán a temperatura de ‘O termómetro’. Javier Romero, que chega avalado por unha sólida traxectoria como correspondente en Italia, será quen conduza o espazo de principio a fin, guiando os espectadores por cada un dos bloques de contidos. Noelia Rey achegará o punto máis desenfadado do programa, facéndose cargo da sección de sociedade e da saúde xeral. E os dous estarán acompañados por Bernardo Montaña, o home dos datos na gran pantalla do estudio do matinal.

Esta é a terceira temporada na Televisión de Galicia de ‘O termómetro’, un espazo de entretemento e actualidade en directo para as mañás de luns a venres. O magazine combina entrevistas, reportaxes, mesa de debate sobre asuntos do día e un gran espazo para charlar con convidados e especialistas en temas diversos.

Nesta temporada, os contidos do programa organízanse en grandes bloques temáticos sempre desde a perspectiva galega para falar de consumo, saúde, sociedade, actualidade etc. Os presentadores conectan tamén cada mañá cun gran equipo de reporteiros espallados por toda Galicia, a pé de praia, de mercado e de rúas, tomando cada día a temperatura das catro provincias, e o programa contará tamén cos seus habituais colaboradores nas mesas de debate e con algunha nova incorporación sorpresa.
 

ler máis

A Televisión de Galicia e AGalega.gal retransmitirán 12 partidos do Celta Fortuna na Segunda División

Santiago, 4.8.2026.-  A Televisión de Galicia seguirá de preto a participación do Celta Fortuna no fútbol profesional. O filial celeste, que debuta esta temporada na Segunda División, contará con 12 partidos retransmitidos pola primeira canle da TVG e da plataforma AGalega.gal desde agosto do 2026 ata maio do 2027.

O Celta Fortuna abrirá a súa andaina televisiva o vindeiro luns 31 de agosto, ás nove e media da noite. O estadio de Balaídos acollerá a visita do Castelló, un dos equipos sinalados como candidatos ao ascenso a Primeira División. 

Esta aposta da TVG polo Celta Fortuna dá continuidade ao compromiso da canle autonómica co fútbol galego profesional. No curso anterior, a canle autonómica emitiu 11 partidos do Deportivo, que acabou ascendendo á Primeira División. Agora, con 12 encontros do conxunto vigués programados para esta campaña, a TVG reafirma a súa vontade de seguir sendo a fiestra de referencia para os afeccionados coa emisión en aberto.

Últimos partidos da pretemporada 

A TVG continúa coa emisión de todos os partidos da pretemporada do Celta e do Deportivo, antes do comezo oficial do campionato da Primeira División o próximo 15 de agosto. Así, o mércores día 5 ás oito da tarde os espectadores poderá seguir pola primeira canle e por AGalega.gal o Sassuolo-Celta. O xoves día 6, a TVG e AGalega.gal ofrecerán o Fiorentina-Deportivo. O sábado día 8 haberá programa dobre, coa emisión por TVG do Nápoles-Celta ás nove da noite e á mesma hora, pola G2, o Genoa-Deportivo. As dúas citas chegarán tamén en directo por AGalega.gal. 

Xa o mércores día 12, ás nove da noite, a TVG e AGalega.gal retransmitirán desde Riazor o trofeo Teresa Herrera desde Riazor, co enfrontamento entre o Deportivo da Coruña e o Real Madrid. A edición feminina, programada para o xoves 13 ás cinco da tarde no estadio coruñés, estará en antena a través da G2 e de AGalega.gal co Deportivo e o Porto como protagonistas.

Primeira RFEF, na TVG e AGalega.gal

A primeira canle da TVG e AGalega.gal ofrecerán desde o sábado 29 de agosto un partido por xornada da Primeira RFEF, grupo primeiro, no que compiten cinco equipos galegos: Pontevedra, Rácing de Ferrol, Club Deportivo Lugo, Unión Deportiva Ourense e Fabril Deportivo. O primeiro está programado para o día 29 ás seis e media da tarde, entre o Arenas de Getxo e o Rácing de Ferrol. 
 

ler máis

Xosé A. Touriñán contará 'Moito Chiste' no 'prime time' de luns a xoves

Santiago, 31.07.2026.-    O vindeiro luns 3 de agosto chega á TVG ‘Moito Chiste’, un novo programa que, nas noites de luns a xoves (21:45 h), levará polos bares e tabernas de Galicia o mellor humor, da man de Xosé A. Touriñán. 

Cada día, catro veciños de cada localidade competirán contando os seus mellores chistes no “mellor programa, pero peor concurso da televisión”, en palabras de Touriñán, en que non gaña o máis simpático, senón quen máis familia leve como público.

Na súa estrea, ‘Moito Chiste’ estará en Vedra, na histórica Taberna do Mosqueiro, epicentro do viño da Ulla, que xa foi estudio de televisión nalgunhas temporadas da serie ‘Era Visto!’. Alí, Touriñán estará acompañado por Inés, Héctor, José e Cañete. Só un deles poderá facerse coa Cunca de Ouro.

ler máis

Volve este luns á TVG 'Magnum', a serie policial que marcou os anos 80 e fixo de Tom Selleck un ídolo

Santiago, 24.07.2026.-    A Televisión de Galicia recupera a partir do vindeiro luns, 27 de xullo, unha das series de produción allea máis icónicas da súa historia: ‘Magnum’, a ficción policial que lanzou ao estrelato a Tom Selleck e que marcou os anos 80. Ofrecerase durante este verán de luns a venres arredor das 11:15 h, desde o primeiro episodio e a razón de dúas entregas diarias.

Esta serie estadounidense, mestura de comedia, acción e drama, foi transmitida orixinalmente pola canle CBS de 1980 a 1988 e contou con 8 temporadas. Narra as aventuras de Thomas Sullivan Magnum, un investigador privado que vive en Hawái co mordomo Higgins, un exmilitar co que se leva como o can e o gato e que o ameaza cos seus cans gardiáns Zeus e Apolo. Magnum dedícase a resolver grandes casos, contando sempre coa axuda incondicional dos seus compañeiros Rick e TC, e mesmo de Higgins.

‘Magnum’ foi unha das series máis representativas da televisión popular dos anos 80. Un detective aposto e simpático, coas súas sempiternas bermudas e camisas floreadas, resolvendo os seus casos no idílico arquipélago de Hawái, rodeado de luxo e cartos a esgalla, foi unha das apostas gañadoras desa década. O Ferrari que conducía Selleck na ficción, un 308 GTS, era un participante máis do elenco e a día de hoxe, un obxecto de coleccionista que segue vinculado á fama da serie. O sopro de aire fresco que supuxo a súa aparición tivo influencia en moitas series posteriores que intentaron copiar ese novo estilo máis lixeiro e desenfadado.

Durante as súas oito temporadas, estivo entre as producións máis vistas tanto nos EUA como en todos os países onde se emitiu. Estreada pola TVG en 1985, converteuse automaticamente nunha das series máis seguidas da canle pública galega polo gran traballo de tradución e adaptación dos diálogos, con moitas frases feitas e retranca local.

O regreso de ‘Magnum’ á grella da Televisión de Galicia únese á recuperación da serie ‘Dallas’, un dos maiores fenómenos televisivos de todos os tempos, do que os espectadores están podendo gozar durante este verán no late night de luns a venres.

ler máis

Televisión de Galicia retransmitirá o Trofeo Teresa Herrera entre o Deportivo e o Real Madrid o 12 de agosto

Santiago, 10.07.2026.-    A Televisión de Galicia retransmitirá o 12 de agosto, ás nove da noite, unha nova edición do Trofeo Teresa Herrera, que este ano ten como protagonistas o Deportivo da Coruña e o Real Madrid. O equipo herculino aproveitará a cita para presentarse ante a súa afección días antes de debutar ante o Elx no regreso á Primeira División. O Deportivo e o Real Madrid son os clubs máis laureados deste clásico do verán no fútbol español. Entre os dous suman 35 torres das 80 finais disputadas. 

Este verán, a TVG adquiriu os dereitos das pretemporadas do Deportivo e do Celta, os dous equipos galegos que oito anos despois volverán coincidir na elite do fútbol profesional español.

Os telespectadores poderán desfrutar dos sete partidos programados polo Deportivo ante o Compostela, Oviedo, Lugo, St Pauli, Fiorentina, Génoa e Real Madrid e dos cinco previstos polo Celta. Os rivais confirmados dos celestes son o Braga, o Spórting de Xixón, o Sassuolo e o Nápoles. O quinto partido, que tamén será retransmitido pola TVG, está pendente de confirmación de rival e datas.

Onde e como ver a pretemporada na TVG e a G2

Á espera da confirmación do quinto partido do Celta, así queda o calendario de pretemporada:
    • Os dous primeiros partidos son coincidentes en data e horario. O sábado 18 de xullo a TVG emitirá a partir das 20:30 h a estrea do Celta ante o Braga, e a partir das 20:00 h pola G2 poderase ver o Compostela-Deportivo.
    • O día 25 intercámbianse os papeis para o dobre duelo galaico astúr. A partir das 19:30 h pola TVG poderase ver o Oviedo-Deportivo, e pola G2 a partir das 20:00 h o Celta-Sporting de Xixón.
    • O mércores 29 de xullo, ás 19:30 h, a TVG ofrecerá o Deportivo–Lugo, que se xogará no estadio da Magdalena, en Vilalba.
    • O  sábado 1 de agosto, ás 18:30 h, a TVG retransmitirá o encontro entre o St. Pauli e o Deportivo, desde o estadio Millerntor, en Hamburgo.
    • O mércores 5 de agosto, ás 20:00 h, será a quenda do Sassuolo-Celta, desde o Ricci Stadium. Un día despois, o xoves 6 de agosto, tamén ás 20:00 h, o Fiorentina-Deportivo, desde o estadio Artemio Franchi, en Florencia. Os dous partidos, pola TVG.
    • O sábado 8 de agosto volverán coincidir os compromisos dos dous equipos galegos nun dobre duelo italiano. A partir das 21:00 h, a TVG ofrecerá o encontro entre o R. C. Celta e o Nápoles, que se disputará no estadio Teofolo Patini, e á mesma hora, a G2 retransmitirá o Genoa-Deportivo, desde o estadio Luigi Ferraris.
    • A cobertura da pretemporada culminará o mércores 12, ás 21:00 h, coa retransmisión pola TVG do Trofeo Teresa Herrera, onde o Deportivo se vai enfrontar ao Real Madrid.

ler máis

A Televisión de Galicia retransmitirá todos os partidos de pretemporada do Deportivo

Santiago, 07.07.2026.-  A Televisión de Galicia retransmitirá toda a pretemporada do R.C. Deportivo da Coruña nun percorrido que levará o cadro herculino por Galicia, Asturias, Alemaña e Italia antes do inicio da temporada oficial de La Liga.

Primeiras citas

O primeiro partido será o sábado 18 de xullo, ás oito da tarde, co encontro que o Deportivo disputará ante a SD Compostela no estadio Vero Boquete de Santiago. Unha semana despois, o sábado 25 de xullo, ás sete e media da tarde, o equipo dirixido por Antonio Hidalgo visitará o Real Oviedo no Carlos Tartiere.

O terceiro compromiso terá lugar en Vilalba, onde o mércores 29 de xullo, ás sete e media da tarde, o Deportivo enfrontarase ao CD Lugo no estadio da Magdalena.

Xira internacional

A xira internacional comezará en Alemaña o sábado 1 de agosto, ás seis e media da tarde, cun desprazamento a Hamburgo para enfrontarse ao FC St. Pauli no Millerntor Stadion. A preparación continuará en Italia con dous encontros de alto nivel: o xoves 6 de agosto, ás oito da tarde, ante a Fiorentina no Stadio Artemio Franchi, e o sábado 8 de agosto, con horario pendente de confirmación, fronte ao Genoa no Stadio Luigi Ferraris.
 

ler máis

A CSAG presenta en Pontevedra a serie documental 'Camiño ao podio', dispoñible en AGalega.gal

Santiago, 03.07.2026.-    A CSAG presentou este xoves no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra a serie documental ‘Camiño ao podio’, unha produción de cinco episodios que segue o día a día de dez promesas do deporte galego que se forman neste centro.

Coincidindo coa súa chegada á plataforma AGalega.gal, onde desde hoxe se poden ver todas as entregas, o salón de actos do CGTD acolleu a presentación oficial da serie, coa participación de María Sabucedo, en representación da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia; Suso López, director do CGTD; e Damián Varela e Manuel Darriba, produtores e directores da serie.

A produción, realizada por Miramemira, foi un dos proxectos seleccionados na convocatoria de contidos dixitais de AGalega.gal e foi gravada ao longo do primeiro semestre de 2026 nas instalacións do centro e noutros espazos vinculados ao adestramento dos deportistas.

‘Camiño ao podio’ amosa o esforzo, a disciplina e os soños de cinco rapazas e cinco rapaces chamados a converterse na futura elite deportiva galega, ao tempo que ofrece unha visión do funcionamento do centro nos ámbitos deportivo, académico, residencial, sanitario e nutricional.

Ademais de en AGalega.gal, ‘Camiño ao podio’ pode verse na primeira canle da Televisión de Galicia, onde se emite os sábados e os domingos á sobremesa, arredor das 15:25 h.

ler máis

Volve 'Dallas' á Televisión de Galicia

Santiago, 3.7.2026.-   Ambición, poder, cartos, traizóns e conflitos familiares. A mítica serie ‘Dallas’, un dos maiores fenómenos televisivos de todos os tempos, regresa este verán á TVG co malvado X. R. Ewing á fronte. Televisión de Galicia recupera a emisión de ‘Dallas’ para a súa oferta de entretemento, desde o 6 de xullo en horario de late night -00:05 horas-.

De luns a venres, a canle galega emitirá dous episodios diarios desta produción centrada nos Ewing, unha das familias máis poderosas de Texas (EUA), que constrúe a súa fortuna arredor do petróleo e a gandaría, entre loitas polo control do imperio petroleiro, romances, vinganzas, alianzas cambiantes e segredos familiares. 

No centro de todas as intrigas atópase X.R. Ewing, interpretado por Larry Hagman, un dos grandes viláns da pequena pantalla. Astuto e implacable nos negocios, o herdeiro de Ewing Oil comparte o rancho Southfork cos seus pais, o seu irmán Bobby e a súa cuñada Pamela. O seu infeliz matrimonio con Sue Ellen deu lugar a algunhas das escenas máis lembradas da televisión e a expresións que quedaron gravadas na nosa memoria.

A chegada de ‘Dallas’ á TVG en 1985 constituíu un auténtico acontecemento social. Para moitos espectadores foi unha das primeiras grandes producións internacionais, con 150 capítulos, que seguiron en galego de maneira regular, contribuíndo á normalización da lingua e facendo que frases escoitadas na serie pasasen a formar parte das conversas cotiás dos galegos. A serie foi, ademais, unha das producións máis exportadas e dobradas da historia da televisión.
 

ler máis

div-crtvg-right1

Publicidade

div-crtvg-right2

Publicidade

div-crtvg-right3

Publicidade

div-crtvg-top2

Publicidade