O 'ZigZag' da TVG, finalista dos premios da XVII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo - CSAG
O 'ZigZag' da TVG, finalista dos premios da XVII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo
O espazo cultural da Galega é recoñecido pola súa sección sobre arquitectura contemporánea galega, en colaboración coa arquitecta e investigadora Ruth Varela
Os gañadores daranse a coñecer o 11 de decembro en Ponferrada (León), na inauguración da BEAU 2025

Santiago, 07.11.2025.- O programa ‘Zigzag’, da Televisión de Galicia, é finalista nos premios da XVII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo (BEAU), organizados polo Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana. A decisión coñecerase o 11 de decembro, durante a inauguración da Bienal en Ponferrada (León).
A BEAU distingue o labor de ‘Zigzag’ na divulgación da arquitectura. O programa foi seleccionado pola sección creada coa arquitecta e investigadora da UDC Ruth Varela, emitida de forma quincenal entre 2023 e 2024. Nela, Varela explicou con linguaxe accesible a arquitectura contemporánea galega e as intervencións recentes na paisaxe.
‘Zigzag’ é un referente da información cultural en Galicia. Presentado por Pilar G. Rego e pola coordinadora de Cultura da CSAG, María Solar, leva máis de 15 anos en emisión continua, o que o converte no programa cultural diario máis veterano das televisións públicas autonómicas.
O espazo recibiu cinco premios Mestre Mateo e forma parte da estratexia #Cultura365 da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), e conta tamén co seu propio espazo na plataforma AGalega.gal. O seu obxectivo é achegar ao público a actualidade da cultura galega en todas as súas formas de expresión.
