AGalega.gal e Xabarin.gal celebran o Samaín en galego, con contidos para todos os públicos que combinan medo, humor e tradición - CSAG
AGalega.gal e Xabarin.gal celebran o Samaín en galego, con contidos para todos os públicos que combinan medo, humor e tradición
A proposta de AGalega.gal inclúe as películas ‘O Apóstolo’ e ‘O corpo aberto’, programas especiais e documentais como ‘George Romero: Zombies e Santa Compaña’
Os máis pequenos da casa poderán gozar de capítulos temáticos de series moi queridas, como, entre outras, ‘Os Bolechas’, ‘Doraemon’, ‘Ladybug’, ‘Paddington’, ‘Monster Allergy’, ‘Bibopalula’ e ‘Caracois’

Santiago, 30.10.2025.- As plataformas AGalega.gal e Xabarin.gal presentan desde mañá, 31 de outubro, novas seccións especiais dedicadas á celebración do Samaín, con contidos temáticos para todos os públicos.
En AGalega.gal, o público poderá gozar dunha completa selección audiovisual pensada para a noite máis terrorífica do ano. A proposta inclúe películas como ‘O Apóstolo’ e ‘O corpo aberto’; programas especiais como ‘Soño contigo: Lugares de medo’ e ‘Historias a pé de páxina: A Santa Compaña e os zombies’, e documentais como ‘George Romero: Zombies e Santa Compaña’ e ‘Buscando a Santa Compaña’. Tamén se incorporará un especial de ‘Era Visto!’ titulado ‘Contos de medo’.
Pola súa parte, Xabarin.gal ofrecerá unha sección especial de Samaín para o público infantil, con capítulos temáticos de series moi queridas polo público galego como ‘Os Bolechas’, ‘Doraemon’, ‘Ladybug’, ‘Paddington’, ‘Monster Allergy’, ‘Pipo’, ‘Diario de Alice’, ‘Caracois’, ‘Bibopalula’, ‘O home máis pequerrechiño do mundo’, ‘Glumpers’ e ‘Os contos do camiño’.
Así pois, as canles dixitais dos medios públicos galegos ofrecen dúas propostas complementarias que celebran o Samaín en galego, combinando medo, humor e tradición para gozar en familia.