A película ‘A nadadora’, participada pola TVG, presentada na Seminci de Valladolid - CSAG
A película ‘A nadadora’, participada pola TVG, presentada na Seminci de Valladolid
A ópera prima de ficción de Sandra Sánchez, ambientada na Costa da Morte dos anos 90, proxectouse na sección oficial Punto de Encontro do festival
O equipo artístico e técnico, con intérpretes galegos como Diego Anido e Melania Cruz, participou nun coloquio co público tras a proxección da longametraxe, que conta coa música de Mercedes Peón

Santiago, 28.10.2026.- A película ‘A nadadora’, ópera prima de ficción da directora Sandra Sánchez e participada pola Televisión de Galicia, presentouse na 71ª edición da Semana Internacional de Cine de Valladolid (Seminci), dentro da sección oficial Punto de Encontro.
Ambientada na Costa da Morte dos anos 90, a longametraxe narra a historia de Nico, unha adolescente interpretada por Nuria López que, marcada por unha contorna familiar atravesada pola droga, desexa fuxir da realidade que a rodea. A moza sofre, ademais, misteriosos esvaecementos.
Producida por Setembro Cine, a primeira proxección reuniu unha ampla representación do equipo artístico e técnico, entre eles a directora, Sandra Sánchez, e os intérpretes Nuria López, María de Dina, Diego Anido e Melania Cruz. Tamén asistiron Cristina Zumárraga, Sandra Filippelli, de Antaviana, e Mercedes Peón, responsable da música da película.
A creación musical de Mercedes Peón, unha das grandes referentes da música galega contemporánea, achega ao filme unha dimensión sonora propia. A súa traxectoria, tan vinculada á recuperación da tradición musical galega e á experimentación sonora, achega un valor artístico e cultural moi especial ao proxecto.
Tras a proxección celebrouse un coloquio co público en que participaron Sandra Sánchez e as intérpretes Nuria López, María de Dina, Diego Anido e Melania Cruz, mentres o resto do equipo seguiu o encontro desde a primeira fila. A conversa estivo moderada pola xornalista Marta Medina. O equipo de ‘A nadadora’ amosouse especialmente satisfeito coa acollida da película neste primeiro encontro cos espectadores.
