div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Os medios públicos galegos ofrecerán debates electorais e entrevistas en todas as súas canles

Este luns, ás 09:30 h, terá lugar o debate en TVG moderado por Marta Darriba, coa participación de Francisco Conde, do PP; Patricia Otero, do PSdeG-PSOE; Paulo Carlos López-López, de Fronte Ampla, e Néstor Rego, do BNG

Poderase seguir tamén en AGalega.gal e g24.gal, con intérprete de LSE, e pola noite, en redifusión en prime time na G2 ás 22:30 h 

De martes a venres, tamén ás 09:30 h, será o tempo de catro entrevistas electorais 

Haberá un segundo debate na Radio Galega, o 23 de novembro, ademais de entrevistas electorais na emisora pública

csag.gal 12/11/2026 16:29

Santiago, 12.11.2026.-    Os medios públicos galegos ofrecerán dous debates e oito entrevistas electorais no marco da campaña dos comicios xerais do 29N e coa participación de candidatos das catro formacións representativas recollidas no plan de cobertura.

O primeiro debate celebrarase en Televisión de Galicia o luns 16 de novembro ás 09:30 h, moderado por Marta Darriba, subdirectora dos Servizos Informativos da CSAG. Os candidatos -do PP, Francisco Conde; do PSdeG-PSOE, Patricia Otero; de Fronte Ampla, Paulo Carlos López-López; e do BNG, Néstor Rego- poderán confrontar as súas posicións en catro bloques temáticos. Os temas acordados son vivenda, custo da vida e reformas, infraestruturas e servizos públicos e, por último, situación política actual e rexeneración democrática, cunha duración aproximada de 13 minutos para cada bloque, e seguidos dun minuto final para cada formación. O debate poderase seguir en directo tamén nas canles dixitais AGalega.gal e g24.gal, con intérprete de lingua de signos. Ademais, quedará dispoñible na sección especial de Eleccións Xerais 29N da plataforma dixital e emitirase de novo no prime time da G2, o luns ás 22:30 h.

A Radio Galega ofrecerá tamén un debate o 23 de novembro, ás 20:00 h, moderado pola xornalista Silvia Pereira e coa participación dos candidatos Julio García Comesaña, do PP; Abel Losada, do PSdeG-PSOE; Paulo Carlos López-López, de Fronte Ampla, e Carme da Silva, polo BNG.
Entrevistas en TVG e Radio Galega

O tempo para as entrevistas en TVG arranca o martes 17 e ata o venres 20. Serán dirixidas polo xornalista Pablo Muñoz. Nas citas participarán Olalla Rodil (BNG), o martes; Paulo Carlos López-López (Fronte Ampla), o mércores; Obdulia Taboadela (PSdeG-PSOE), o xoves e, por último, Ana Vázquez (PP), o venres. Todas serán emitidas ás 09:30 h.

As entrevistas na Radio Galega serán no ‘Galicia por Diante’, co xornalista Luís Ojea, e terán lugar ás 08:15 h: o martes 24, con Noa Presas (BNG); o mércores  25, con Paulo Carlos López-López (Fronte Ampla); o xoves 26, con Carmen Dacosta (PSdeG-PSOE), e o venres 27, con Fabiola García (PP).

Para esta cobertura, a CSAG despregará un amplo dispositivo de recursos humanos e técnicos para garantir a calidade e pluralidade que require unha campaña electoral. A asignación de tempos ás persoas candidatas das catro formacións representativas fíxase no plan de cobertura da CSAG, de acordo cos principios e criterios establecidos na Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG) e nas instrucións da Xunta Electoral Central. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade