CRTVG Viva - CRTVG
div-crtvg-top1
Navigation Menu
Barra de busca
Camiño de navegación
CRTVG Viva
Publicador de contidos
A Galega ofrece este domingo, en directo, o choque Atlético de Madrid-Deportivo Abanca de fútbol feminino
Santiago, 13.09.2024.- A G2 e a plataforma dixital AGalega.gal volven ser esta fin de semana canles especializadas en ofrecer deporte galego en directo. Desde o seu regreso á máxima categoría e por primeira vez nos medios públicos galegos, os afeccionados ao fútbol poderán ver o domingo, ás 16:00 horas, o partido que disputarán as xogadoras do Deportivo Abanca contra o Atlético de Madrid no Centro Deportivo Civitas de Alcalá de Henares.
Haberá máis fútbol nos medios públicos, o sábado, ás 20:00 horas, co derbi provincial que enfrontará o Deportivo Fabril co SD Compostela no estadio de Riazor, correspondente á terceira xornada da Segunda Federación. O filial coruñés acode coa confianza recuperada tras acadar a súa primeira vitoria na anterior cita fronte ao Valladolid Promesas, mentres que o Compos acode cun único punto rescatado no último minuto ante o Pontevedra.
E o domingo, ás 18:00 horas, o Coruxo intentará reverter o seu mal comezo de temporada que o sitúa de pechacancelas fronte a un Bergantiños motivado e no cuarto posto da táboa.
Supercopa de chave e billarda
Os deportes tradicionais terán este sábado o seu oco nas canles galegas, xa que este sábado, ás 16:30 horas, poderanse seguir as probas finais da Copa Xunta de Galicia de Chave e Billarda, desde Bueu, nunha cita que reúne os mellores xogadores destes deportes autóctonos.
Traiñeiras e motocrós
Como punto final da temporada de traiñeiras, a Galega ofrecerá o sábado a primeira xornada dos ‘play-off’ femininos (17:30 h) e masculinos (18:05 h) e a Bandeira Piskin Marinoil-Bermeo (18:50 horas); mentres que, o domingo comezará coa disputa dos ‘play-off’ (a partir das 11.25 h) e se asistirá ao remate da Liga Eusko Label, coa celebración da Bandeira El Corte Inglés-Portugalete (12:40 h).
E por último, o Campionato do Mundo de Motocrós tamén se achega á súa conclusión este luns no seu penúltimo trofeo e coa emocionante contenda que vivirán os pilotos no regreso ao calendario MXGP do Gran Premio da China en Shanghai. Tras a súa última vitoria en Turquía, o lucense Jorge Prado mantén vivas as súas opcións de revalidar o título do Mundial fronte a Tim Gajser. As dúas roldas poderanse seguir, en directo, ás 07:00 e ás 10:00 horas, a través da G2 e da plataforma dixital AGalega.gal.
'Luar' arranca esta noite a súa 33ª temporada coa música de Tanxugueiras, Ázucar Moreno e Jorge González, e co regreso do exitoso concurso 'Vai de baile'
Santiago, 13.09.2024.- A música tradicional e o humor seguirán sendo protagonistas na nova temporada, a 33ª, do programa ‘Luar’, que este venres comeza na Televisión de Galicia. Presentado por Xosé Ramón Gayoso e Esther Estévez, a novidade máis importante é o regreso do concurso ‘Vai de Baile’, que tanto éxito conseguiu en edicións anteriores. Cada semana, dúas parellas bailarán, vestidas ‘de rúa’, ritmos de muiñeira, xota e agarrado.
Ademais, continúa, alcanzando xa a súa 15ª edición, o concurso de talentos da canción ‘Recantos’, coa presentación dos participantes deste ano, que serán avaliados polo xurado integrado por Laura Añón, Olaia Maneiro e Manuel DeAndrade. Os encargados de abrir a competición serán Brian Cameselle, procedente de Vigo, e Candela, representante da comarca Miño Oriental.
Para abrir a temporada, o espazo da TVG contará cunhas convidadas de excepción: as Tanxugueiras, o trío que conseguiu triunfar fóra das nosas fronteiras fusionando o folclore galego coa electrónica e mesturando as súas voces cunha contundente percusión.
Tamén estarán presentes as irmás Antonia e Encarna Salazar, Azúcar Moreno, que este 2024 fan 40 anos no mundo da música consagradas como o dúo máis exitoso de toda unha xeración. Comezaron a súa andaina na industria como coristas de Los Chunguitos e en 1984 unha discográfica decatouse do seu talento e decidiu publicar o seu primeiro álbum. A partir de aí, a súa traxectoria foi un éxito e a súa música traspasou fronteiras.
Ademais, os espectadores gozarán coa actuación de Jorge González, exconcursante de OT, que subiu a temperatura no último Benidorm Fest coa súa canción ‘Caliente’, que hoxe interpretará no escenario de ‘Luar’.
Outro dos convidados neste arranque de curso será Amoebo, un proxecto musical que ofrece unha reconstrución da verbena galega e que se alimenta de ritmos latinos e do idol pop dos anos 80. Amoebo é festa e diversión sen reservas, bailes desmedidos e moito humor, todo isto reflectido en temáticas que tocan o costumismo galego, o amor, o sexo e o día a día da xuventude galega.
As actuacións do recoñecido coro Cantigas e Agarimos, cos seus temas que forman parte da cultura popular galega, e da histórica orquestra Compostela completan a oferta musical deste primeiro ‘Luar’ da temporada 24-25.
O Córdoba-Deportivo abre este venres as retransmisións de 'Galicia en Goles'
Santiago, 12.09.2024.- O equipo deportivo da Radio Galega amplía esta fin de semana a despregadura para contar toda a xornada da Liga. O venres, desde 20:15 h, Roberto Carlos Carballo conducirá a retransmisión do partido de Segunda División entre o Córdoba e o Deportivo da Coruña, que se disputa no estadio Arcángel. Javi Torres viaxará ata a cidade andaluza, acompañado nos comentarios polo exadestrador do equipo herculino, Juan Antonio Anquela. Durante o programa tamén haberá conexións co baloncesto en Pontevedra, onde se celebran as semifinais do trofeo Interrías: Básquet Coruña-Valencia e Breogán-Mónaco.
O sábado, a partir das 14:30 h e ata as 00:00 h, Xoán Galán porá en marcha unha edición centrada no fútbol das competicións organizadas pola Federación. No Couto, o Ourense C. F. recibe a Segoviana, na Primeira RFEF, xunto ao derbi da Segunda RFEF Fabril-Compostela, desde o estadio de Riazor. A Terceira RFEF tamén adianta encontros para a tarde: Silva-Boiro e Alondras-Vilalonga.
Ademais, haberá baloncesto, coa xornada de clausura do Trofeo Interrías en Pontevedra e a Copa Federación no Paco Paz, entre o Ourense e o Mataró.
Un domingo máis, o ‘Galicia en Goles’ non terá parada nin para o xantar. Desde as 11:45 e ata as 00:00 h, a sesión continua principiará no Anxo Carro co Lugo-Barakaldo, de Primeira RFEF. Logo chegará o Celta-Valladolid desde Balaídos, na Primeira División, e o Cádiz-Racing de Ferrol, na Segunda profesional. Ademais, o Celta Fortuna visita o Osasuna Promesas, en Pamplona, mentres na Segunda RFEF o Pontevedra xoga en Soria ante o Numancia e hai derbi Coruxo-Bergantiños no Vao. Pola súa parte, o Deportivo da Coruña afronta a primeira visita do campionato na Primeira Feminina ante o Atlético de Madrid.
No último treito, de 22:00 a 00:00 h, Pedro Pablo Alonso pasará consulta cos especialistas de ‘Ao Contraataque’ para analizar os resultados dos equipos galegos nas principais categorías.
Entradas para os próximos partidos de Primeira e Segunda
Esta fin de semana os oíntes poderán xogar a través do WhatsApp ás porras dos partidos. Entre os acertantes, o equipo deportivo da Radio Galega sorteará entradas o sábado pola tarde para o Celta-Valladolid e pola noite porá en xogo invitacións para o Deportivo-Burgos. Durante o domingo o premio será localidades para o Rácing de Ferrol-Albacete.
Audios de Radio Galega nas canles de televisión
Os afeccionados do Celta, Deportivo e Rácing de Ferrol poden compaxinar as imaxes dos partidos polo seu operador de televisión coas narracións de ‘Galicia en Goles’ a través das distintas opcións de audio. O Celta-Valladolid chegará a través do dial 54 de Movistar, mentres o Córdoba-Deportivo e o Cádiz-Rácing de Ferrol poderanse seguir a través das máis de 20 canles con dereitos de emisión.
#GaliciaEnXogo
O sábado, ás 23:00 h, Rodrigo Pérez informará da actualidade na primeira entrega da nova temporada do ‘Galicia En Xogo-Motor’. A partir das 23:30 h chegará o espazo dedicado aos olímpicos galegos, aínda co balance dos pasados Xogos Paralímpicos desenvolvidos en París.
O labor dos medios rexionais públicos europeos reunidos en CIRCOM, recoñecidos no 'FesTVal' de Vitoria-Gasteiz
Santiago, 10.09.2024.- A canle de televisión vasca EITB outorgou un dos premios Saria da XVIª edición do FesTVal de Vitoria-Gasteiz á rede de canles europeas de televisión CIRCOM en recoñecemento da solvencia desta asociación “que traballa no eido dos medios audiovisais públicos rexionais promovendo a colaboración das canles a través de toda Europa”. O galardón foi recollido por Fernando R. Ojea, director de Contidos da CRTVG e secretario xeral de CIRCOM, quen salientou a extensa rede de traballo que supón CIRCOM-Regional e a recente incorporación á asociación do sistema público regional de Ucrania.
Ojea agradeceu o galardón e explicou na súa intervención que a entidade reúne “250 televisións e centros de produción que agrupan arredor de 12.000 xornalistas e que cada semana producen 2.000 horas de informativos”. Tamén, que “o traballo das canles de CIRCOM-Regional supón un centenar de emisións en linguas territoriais, cooficiais ou minoritarias”.
Na mesma gala recoñeceuse tamén o labor de FORTA, Federación de Organismos ou Entidades de Radio e Televisión Autonómicos, polos seus 35 anos coordinando ás entidades asociadas “no intercambio de contidos e polo seu apoio integral”.
A plataforma AGalega.gal preestrea os martes os cinco capítulos semanais da ficción 'Saudade de ti'
Santiago, 26.08.2024.- Os fans da ficción galega ‘Saudade de ti’ teñen desde mañá a oportunidade de ver na plataforma AGalega.gal os cinco episodios semanais da serie, previa á súa estrea na Televisión de Galicia. Cada martes, os seguidores da serie terán unha oportunidade única para coñecer con antelación as tramas e a súa evolución, desde calquera dispositivo e á hora que o desexen.
O día seguinte, o mércores 28, a plataforma publicará a película ‘Everly’. O filme conta a historia de Everly, unha prostituta que traballa como escrava sexual para un xefe do crime xaponés, Taiko, e que se enfronta aos axentes que lle enviou este ao descubrir que estaba colaborando coa policía para derrubar a súa organización. Estará dispoñible durante 30 días.
Coincidindo coa celebración do Día Mundial do Videoxogo (29 de agosto), AGalega.gal publica a serie ‘Xogando en galego’, cinco pequenos capítulos que tratan sobre videoxogos que se poden xogar en lingua galega. Esta produción de Recuncho Gamer presentada por Ángela Triana e Jon Amil abrangue aventuras gráficas de corte pixelado como 'Yuppie Psycho', matamarcianos con inimigos que parecen sacados dunha ría galega como 'Fullblast', crebacabezas coloridos como 'Magic Twins', ou xogos de velocidade, ben sexa en coches veloces como os do 'Super Woden GP 2', ou ben en carrilanas por Esteiro adiante como no 'Gran Prix Turbotalina'.
Os espectadores poderán ver, amais, esta semana a última entrega de ‘O armario’, espazo exclusivo da plataforma e dirixido á Xeración Z, en que se descobren os armarios dalgúns dos galegos máis coñecidos nas redes sociais. A protagonista deste capítulo será a comunicadora Natalia Alcayde.
E o sábado 31 de agosto, a TVG e AGalega.gal estarán en directo desde a Festa da Istoria de Ribadavia a partir das 10:30 h.
Os medios públicos lanzaron en xaneiro a nova plataforma dixital AGalega, desde onde se emiten os directos correspondentes ás dúas canles, TVG e G2, así como máis de 13.000 contidos audiovisuais de forma gratuíta e en galego, na que é a maior oferta de contido na nosa lingua. Desde o 17 de xaneiro, máis de 750.000 persoas accederon ao conxunto de plataformas da CRTVG en 4,4 millóns de sesións, converténdoas na referencia dos contidos audiovisuais non só á carta, senón tamén de directo, xa que AGalega.gal tamén integra os sinais de TVG e a G2 na súa oferta. Tanto AGalega como as app AGalegaAudio e Xabarín son gratuítas e están á disposición da audiencia desde calquera parte do planeta, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma.
Volve a Primeira División de fútbol á Televisión de Galicia, desde o 26 de agosto
Santiago, 05.08.2024.- A CRTVG volve emitir partidos da Primeira División da Liga de Fútbol Española. O acordo asinado polos medios públicos galegos cos propietarios dos dereitos televisivos desta Liga 2024/25 fai posible que se emitan, desde o 26 de agosto, partidos do R. C. Celta de Vigo, único representante galego na máxima categoría do fútbol español.
A estrea das retransmisións será o partido Vilarreal-R. C. Celta o luns 26 de agosto, ás 21: 30 h desde Castelló. O partido poderá verse pola primeira canle de TVG e pola plataforma dixital AGalega.gal.
A Televisión de Galicia será medio oficial do Atlantic Fest 2024
Santiago, 10.07.2024.- A CRTVG volve ser este verán ‘medio oficial’ do Atlantic Fest, que se celebrará na praia da Concha de Vilagarcía de Arousa do 19 ao 21 de xullo. Convertido nun dos grandes eventos musicais do verán galego, o festival foi presentado este mércores nun acto no Pazo da Golpelleira, en que participou o director de Proxección Social da Corporación, Xaime Arias.
O festival contará con artistas como MIKA ou Crystal Fighters e coa a actuación especial de Los Planetas, celebrando o trixésimo aniversario do seu álbum ‘Super 8’. Soarán tamén Silvia Pérez Cruz, Carlos Sadness, Depedro, Andrés Suárez, Sidonie, Derby Motoreta’s Burrito Kachimba, Elefantes, Cariño, Luis Fercán, The Parrots, Gazella e Rocío Saiz.
Ao longo do ano, a CRTVG apoia e colabora cun amplo número de eventos culturais por toda a xeografía galega, e viaxará este verán ata ‘onde estás ti’, como reza a súa campaña de estío. Deste xeito, estará presente en festivais musicais, de cinema, artes escénicas ou do eido audiovisual, como xa fixo no PortAmérica, retransmitindo en streaming o festival a través da plataforma AGalega.gal. A TVG pechou a temporada 23/24 como a canle de España con máis tempo de programación dedicado á música. É tamén a primeira canle en cota de pantalla no xénero de artes escénicas, cun 12,5%, e a que máis cota de pantalla acada en España sobre programas culturais.
AGalega.gal estrea este mércores en exclusiva o programa 'O Armario', dirixido á xeración Z
Santiago, 08.07.2024.- AGalega.gal suma esta semana novos contidos, entre os que se atopa ‘O armario’, un programa exclusivo da plataforma da CRTVG, dirixido á Xeración Z, en que os espectadores descubrirán como empregan algúns dos galegos máis coñecidos nas redes sociais o seu armario e cales son as súas pezas de roupa preferidas, entre outras cousas. Estará dispoñible a partir do mércores 10 de xullo.
O venres 12 de xullo a CRTVG trasládase ao Festival de Ortigueira, que desde hai máis de catro décadas é un dos referentes musicais do verán en Galicia e unha cita ineludible para os amantes da música folk de todo o mundo, para retransmitir en directo (00:50 h) por AGalega.gal a actuación dunha das novas promesas da música galega: Fillas de Cassandra. Este dúo interpreta temas que fusionan melodías tradicionais con ritmos contemporáneos, o que as converteu nun dos grupos de referencia da escena trad. As súa proposta aposta pola creación de novas líricas, con influencias que beben da tradición oral, a electrónica ou a música clásica.
A oferta de cinema tamén segue medrando na plataforma dixital dos medios públicos: o venres estréase ‘Xubilación imposible 2’, unha divertida produción francesa de 2022 que conta a historia duns avós que pensan que van gozar dunha tranquila xubilación ata que chegan os netos a cambialo todo. Está dirixido a maiores de 7 anos.
Ademais, este mesmo luns poderán comezar a consumirse os capítulos dos novos programas ‘Fake News’ e ‘Confidencias’, tras as súas emisións na TVG. E o martes estará dispoñible a cuarta emisión de ‘Música no foco’, en que distintos autores da música contemporánea galega interpreten un dos seus temas nun marco natural. Desta volta, estará protagonizada por Filloas, artista de pop urbano en galego, e a canción ‘NPC’ na Fervenza de Casariños, en Fornelos de Montes. Ese mesmo día, estarán dispoñibles ao completo todas as temporadas da serie de éxito ‘Serramoura’, un thriller rural que se desenvolve nunha aparentemente tranquila vila do interior galego.
O xoves chegará á AGalega.gal o documental ‘Xosé Conce Corbal, creación e compromiso’, sobre a figura do pintor pontevedrés, influenciado pola xeración Nós e cunha extensísima obra ás súas costas. O seu fardel componse de retratos, prazas, feiras, fauna e paisaxes; mais tamén reserva un espazo para a denuncia social cunha escura serie sobre os terribles sucesos da Guerra. Tamén se publicará un novo capítulo de ‘Raíña-me’, un contido exclusivo de AGalega.gal en que a artista Alexa Evans abre as portas do seu ‘Odragoiro’ a unha convidada especial, neste capítulo, a creadora dixital Leti da Taberna, para transformar o seu aspecto por completo.
Estrea en Xabarin.gal de ‘Osmar, a primeira rebanda do pan de molde’
Ademais destas emisións, o mércores 10 de xullo será a estrea en Xabarin.gal da serie de animación ‘Osmar, a primeira rebanda do pan de molde’, que conta a historia dunha tapa do pan de molde que comparte apartamento coa baguette Stevie. Os dous sobreviven aos infortunios do día a día como poden, métense en leas e toman malas decisións. Poranse a disposición do público os dez primeiros capítulos, engadindo un novo cada semana.
Tamén chegan a Xabarín.gal os contidos dos finalistas e gañadores de ‘Nós tamén creamos 2024’, un concurso de curtas realizado por estudantes das escolas de Galicia.
Os medios públicos lanzaron en xaneiro a nova plataforma dixital AGalega, desde onde se emiten os directos correspondentes ás dúas canles, TVG e G2, así como máis de 13.000 contidos audiovisuais de forma gratuíta e en galego, no que é a maior oferta de contido na nosa lingua. Desde o 17 de xaneiro, preto de 750.000 persoas accederon ao conxunto de plataformas da CRTVG en 4,4 millóns de sesións, converténdoas na referencia dos contidos audiovisuais non só á carta, senón tamén de directo, xa que AGalega.gal tamén integra os sinais de TVG e a G2 na súa oferta, elemento este diferencial con respecto a outras plataformas, o que fai que a televisión lineal ampliara desde xaneiro o seu alcance máis aló do tradicional consumo a través do aparello de televisión.
Tanto AGalega como as app AGalegaAudio e Xabarín son gratuítas e están á disposición da audiencia desde calquera parte do planeta, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. Actualmente, á AGalega AGalegaAudio e a Xabarín pode accederse vía web e tamén poden descargarse desde Google Play e Apple Store, Chromecast e nas principais televisións intelixentes.
A serie británica de ciencia ficción 'The feed' chega este mércores á plataforma AGalega.gal
Santiago, 03.07.2024.- A plataforma AGalega.gal suma esta semana novos contidos, entre os que se atopa ‘The Feed’, unha produción británica ambientada nun futuro próximo. A serie conta a historia dunha familia que crea un implante cerebral usado para manter conectada a sociedade e gardar recordos, pero todo cambia cando a vida da xente comeza a estar en perigo. Esta ficción de suspense foi producida e dirixida polos autores de ‘Black Mirror’ e ‘The Walking Dead’. A temporada enteira estará dispoñible a partir de hoxe mércores.
E este venres 5 de xullo estréase ‘Saliut, heroes do espazo’, unha película baseada en feitos reais sobre a fazaña dos cosmonautas soviéticos no seu intento por salvar a estación espacial Saliut 7. O filme está protagonizado por Lyubov Aksyonova, Vitaliy Khaev, Pavel Derevyanko e Oksana Fandera, entre outros, e en 2017 foi candidato a mellor película no Festival de Sitges e nos Golden Eagle Awards.
Ademais, segue medrando a oferta de producións galegas en Agalega.gal: o xoves 4 de xullo publícase un novo capítulo de ‘Raíña-me’, a serie de entrevistas e retos para ver quen pode ser a nova raíña do drag. Esta semana o convidado será o grupo galego de música urbana Amoebo.
Os medios públicos lanzaron en xaneiro a nova plataforma dixital AGalega, desde onde se emiten os directos correspondentes ás dúas canles, TVG e G2, así como máis de 13.000 contidos audiovisuais de forma gratuíta e en galego, no que é a maior oferta de contido na nosa lingua. Desde o 17 de xaneiro, preto de 750.000 persoas accederon ao conxunto de plataformas da CRTVG en 4,4 millóns de sesións, converténdoas na referencia dos contidos audiovisuais non só á carta, senón tamén de directo, xa que AGalega.gal tamén integra os sinais de TVG e a G2 na súa oferta, elemento este diferencial con respecto a outras plataformas, o que fai que a televisión lineal ampliara desde xaneiro o seu alcance máis aló do tradicional consumo a través do aparello de televisión.
Tanto AGalega como as app AGalegaAudio e Xabarín son gratuítas e están á disposición da audiencia desde calquera parte do planeta, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. Actualmente, á AGalega AGalegaAudio e a Xabarín pode accederse vía web e tamén poden descargarse desde Google Play e Apple Store, Chromecast e nas principais televisións intelixentes.
A serie animada de ciencia ficción 'Atomic Betty' chega este martes a Xabarin.gal
Santiago, 01.07.2024.- Esta primeira semana de xullo chegan novidades á aplicación Xabarin.gal, que o martes día 2 estrea a serie animada de ciencia ficción ‘Atomic Betty’, cuxa protagonista é unha nena de dez anos que, aínda que lle gustan as cousas típicas da súa idade, tamén forma parte dunha organización que ten como misión salvar a galaxia axudada por un piloto alieníxena, Sparky, e o robo X-5.
Ademais, Xabarin.gal porá o venres a disposición dos usuarios, en exclusiva, unha colección de curtametraxes sobre a aceptación das propios orixes para valorar o que nos fai diferentes.
Esta nova oferta está integrada por ‘O meu amigo tigre’, sobre a amizade entre unha cría de tigre e unha nena que reside na cidade; ‘Falas de marabilla’, en que unha nena de ascendencia camboxana sente vergoña das súas orixes debido aos ataques racistas que sofre na vida diaria; ‘Idodo’, unha lenda fantástica indíxena do clan Ziag Zagaz de Papúa Nova Guinea que narra por que os peixes dos arrecifes presentan tal cantidade cores; ‘Curry azul’, un reflexión sobre a cor de pel da xente, e ‘Día de lavado’, sobre unha rapariga que ten unha masa de pelo tan longa e rebelde que non o dá peiteado a xeito.
Os medios públicos lanzaron en xaneiro a nova plataforma dixital AGalega, desde onde se emiten os directos correspondentes ás dúas canles, TVG e G2, así como máis de 13.000 contidos audiovisuais de forma gratuíta e en galego, no que é a maior oferta de contido na nosa lingua. Tanto AGalega como as app AGalegaAudio e Xabarín son gratuítas e están á disposición da audiencia desde calquera parte do planeta, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. Actualmente, a AGalega, AGalegaAudio e Xabarín pode accederse vía web e tamén poden descargarse desde Google Play e Apple Store, Chromecast e nas principais televisións intelixentes.
A Galega estará este verán "onde estás ti"
Santiago, 21.06.2024.- A Galega está...“Onde estás ti”. Este é o claim co que arranca a programación de verán da Televisión de Galicia. Unha temporada chea directos cos que a TVG estará presente nos principais eventos que se van celebrar por toda a nosa xeografía, comezando co San Xoán. A TVG estará na Rapa das Bestas de Sabucedo, na Feira Franca de Betanzos, no Festival de Ortigueira, no Resurrection Fest, na Dorna en Ribeira, ou en Combarro co Armadiña Rock. En Burela, na Festa do Bonito, en Silleda coa empanada, na Istoria de Ribadavia, en Cangas e as danzas ancestrais de Darbo, en Arnoia, en Pardiñas, e Catoira, na Guarda... Centos de localizacións por toda a xeografía galega cunha despregadura sen precedentes para contar todo o que vaia pasar en Galicia durante o verán.
As novidades da grella arrancan xa este domingo á noite con ‘Chegou o día’ (22:55 h), un programa que retransmitirá en directo e con multicámara os eventos máis multitudinarios de Galicia: o primeiro, a festa de San Xoán, xusto despois do ‘Telexornal Serán’, que se emitirá desde A Coruña, unha das cidades de España onde máis se vive esta data coas espectaculares fogueiras da praia de Riazor.
Ao prime time chega tamén ‘Chanzo arriba’ (22:00 h), a versión estival de ‘Atrápame se podes’, con moitas sorpresas. Comezará este domingo e a partir de aí emitirase de domingo a xoves. Os venres de xullo seguen a ser para ‘Luar’, que ten pendente o desenlace do concurso ‘Miss Vaca 2024’. En agosto descansa ‘Luar’ e colle a remuda ‘Sala G’, un programa que percorrerá as salas de festas máis míticas das catro provincias.
Nas tardes da fin de semana, TVG estreará un novo concurso de rúa, ‘Fake News’, en que os participantes deberán adiviñar o que é verdadeiro ou falso, e que percorrerá todas as vilas galegas. A grella desa tarde completarase con ‘Un guiri na Ribeira Sacra’, que amosa a un profesor inglés percorrendo as paisaxes e poboacións arredor dos ríos Sil, Cabe e Miño.
No eido da ficción, o martes 25 chega a agardada terceira temporada da serie ‘Saudade de ti’, que volve despois do éxito de audiencia das primeiras temporadas e que se emitirá no prime time dos martes, mércores e xoves. Tamén estará dispoñible, xunto coas dúas primeiras temporadas, na plataforma AGalega.gal.
Este verán emitirase tamén o derradeiro concerto da orquestra Panorama na praza do Obradoiro; unha edición especial do formato ‘Bicos e Bicas’, que desvelará o prato preferido polos galegos; e novas entregas dos espazos ‘Festa na baiuca’, ‘Comisión de Festas’ e ‘Festigaliando’, co percorrido estival da xente moza polos principais festivais musicais. A TVG inclúe tamén na proposta dous programas de corte social para os domingos. Polas mañás, ‘Grazas!’, coas historias de heroes anónimos de Galicia, persoas que fronte a unha situación extrema dan o mellor de si. E pola noite, no late night, será a quenda de ‘Confidencias’, espazo de entrevistas, debate e saídas á rúa, coa evolución dos valores morais, relixiosos e éticos na sociedade como pano de fondo.
Máis cine galego en AGalega.gal
A nova plataforma dixital seguirá estreando contidos semanalmente, destacando a chegada de máis cine galego con ‘Os demos de barro’ (hoxe, 21 de xuño) e ‘O home e o can’ (25 de xullo), así como da serie británica de ciencia ficción ‘The feed’. En Xabarin.gal haberá unha estrea cada semana do verán, coa agardada ‘Doraemon’ (o luns 24 de xuño), ‘Os Bolechas: historia de Galicia’ (25 de xullo) e ‘Bloques de cores’ (1 de agosto).
Estreas de xullo na G2: músicos emerxentes e artesanía
'Sesión fóra de sitio’ emitirase nas noites musicais da segunda canle, os mércores, para presentar o traballo de intérpretes emerxentes en lugares inesperados e diferentes do habitual, proporcionando unha experiencia única tanto para os artistas como para o público. E na noite da cultura dos xoves, ofrecerase ‘Galicia en pezas’, unha serie documental que achega a cara máis contemporánea da artesanía en Galicia destacando algunhas actividades que triunfan noutros territorios.
E máis música na Radio Galega para a sobremesa
A emisora pública segue a emitir no verán os seus programas senlleiros de información, entretemento e cultura, e incorpora un espazo de música para as tardes de luns a venres: ‘Bailas ou que?’, programa sobre a música do momento, producido polo actor e comunicador Toño Casais. Escoitarase de 15.00 a 16.00 h. Ademais, os magazines renovarán a súa proposta de seccións de verán e os servizos informativos reforzarán os boletíns coa actualidade de última hora.
TVG volve reunir a parellas de distintas xeracións nun concurso de coñecementos de habilidades
Dúas novas parellas de distintas xeracións competirán este luns nunha serie de probas que avalían os seus coñecementos e habilidades, nunha nova entrega do concurso ‘Xeracións’ (22:00 h), presentado por Iván Mariñas, coa colaboración de Luís Iglesia e Jose Torres. Neste cuarto programa, os boomers Juan Luis e Santiago, dous amigos de Vilagarcía e da Illa de Arousa, enfróntanse a Vanesa e Cristhian, dous amigos de Friol.
As parellas terán que levantar un tabique de ladrillos, facer a cama, responder ás enxeñosas preguntas do "cóctel xeracional" e, coma sempre, dalo todo na proba final, "A batalla de baile". A parella gañadora pasará á seguinte fase e estará máis preto do gran premio: un coche.
O documental ‘Inside the iranian uprising’ e a película 'Sweet Virginia', nas estreas de AGalega.gal esta semana
A plataforma AGalega.gal estrea este xoves 13 de xuño o documental ‘Inside the iranian uprising’, que narra os acontecementos en Irán durante as protestas que sacudiron o país no 2023. ‘Inside the iranian uprising’ permite ver desde dentro, e baixo unha nova luz, un réxime baixo unha presión sen precedentes tralas protestas que sacudiron Irán desde a morte dunha moza en custodia policial, cunha colección de imaxes filmadas polos manifestantes, moitas das cales nunca foron vistas previamente.
E o venres 14 amplíase a oferta de cine da plataforma coa estrea do thriller indie ‘Sweet Virginia’, película aclamada pola crítica estadounidense que fusiona o western co xénero noir e retrata unha Norteamérica moi desgastada a través da historia e das relacións de catro personaxes. Esta longametraxe, do director Jamie M. Dagg, amosa a vida de Sam, quen foi campión de rodeos e agora vive apartado nunha vila pequena de Alasca, onde rexenta un motel. Un sanguento atraco na zona, que acaba en asasinato, levarao a unha situación que non espera e chea de segredos e violencia.
Estas dúas incorporacións súmanse aos novos capítulos de series e programas como ‘É pecado’, a miniserie de éxito sobre os anos oitenta en Londres; o programa ‘Galegos’, que ofrece perfís de persoas sobranceiras da vida política, social e cultural de Galicia; ou os espazos ‘Buscadores de naufraxios’ e ‘Os ríos da vida’.
Os medios públicos lanzaron en xaneiro a nova plataforma dixital AGalega, desde onde se emiten os directos correspondentes ás dúas canles, TVG e G2, así como máis de 13.000 contidos audiovisuais de forma gratuíta e en galego, no que é a maior oferta de contido na nosa lingua. Desde o 17 de xaneiro, preto de 750.000 persoas accederon ao conxunto de plataformas da CRTVG en 4,4 millóns de sesións, converténdoas na referencia dos contidos audiovisuais non só á carta, senón tamén de directo, xa que AGalega.gal tamén integra os sinais de TVG e a G2 na súa oferta, elemento este diferencial con respecto a outras plataformas, o que fai que a televisión lineal ampliara desde xaneiro o seu alcance máis aló do tradicional consumo a través do aparello de televisión.
Tanto AGalega como as app AGalegaAudio e Xabarín son gratuítas e están á disposición da audiencia desde calquera parte do planeta, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. Actualmente, á AGalega AGalegaAudio e a Xabarín pode accederse vía web e tamén poden descargarse desde Google Play e Apple Store, Chromecast e nas principais televisións intelixentes.
Os espectadores de ‘Cos pés na terra’ probarán o shiitake, un manxar chegado de Asia, esta noite no prime time da TVG
Santiago, 11.06.24.- Esta noite, no prime time, TVG ofrece unha nova entrega de ‘Cos pés na terra’, seguido do espazo ‘Os ríos da vida’, no que se coñecerá todo o percorrido do río Umia desde o seu nacemento ata a ría de Arousa. No ‘Cos pés na terra’ deste martes van saltar chispas, concretamente as que deixa detrás de si Álvaro, un rapaz afeito a transformar o ferro en coitelos.
Ademais, os espectadores están convidados a probar o shiitake por Pazos, produtor deste manxar chegado de Asia, un manxar que en Galicia non tratamos nada mal. E tamén, da man do mestre Avelino, ‘Cos pés na terra’ meterase de cheo nun curso de mozos preparadores de vacas de concurso. Alí os nenos van aprender a lavar, peitear e manexar estes animais.
Deseguido, o programa ‘Os ríos da vida’ realiza esta semana un itinerario polo Umia, que percorre toda a provincia de Pontevedra. Na entrega desta noite, Laura Vaqueiro percorrerá o río desde que nace na Raigosa, entre os concellos da Estrada e Forcarei, xusto a medio camiño entre os ríos Deza e Lérez. Despois percorre 60 quilómetros, toda a provincia de Pontevedra, para desembocar en Cambados, formando un fermoso esteiro na ría de Arousa.
A CRTVG acode esta semana ao 45º Celtic Media Festival, en Gales, con 14 candidaturas
Santiago, 03.06.2024.- Cardiff, a capital de Gales, acolle esta semana a 45ª edición do Celtic Media Festival, certame internacional do sector audiovisual en que a CRTVG ten unha presenza activa e ao que acode con 14 candidaturas. Doce producións teñen o selo da canle pública (a película ‘O Corno’ é candidata en dúas categorías) mentres que a Radio Galega pode ser nomeada a ‘Estación de radio do ano’. Os galardóns iranse anunciando entre o 4 e o 6 de xuño.
Outras producións candidatas aos premios son o filme de animación ‘O soño da sultá’; os documentais ‘María Casares’, a muller que viviu mil vidas’ e ‘Galegos D’Ouro’; a serie ‘Operación Marea Negra’ e o concurso escolar ‘Pim Pam Experimenta’. As candidaturas da Televisión de Galicia aos Premios Celtic Media Festival 2024 complétanse cos programas ‘Galicia Bonita’, ‘Unha historia de crimes’, ‘Comisión de Festas’, ‘O mellor tractor do mundo’, ‘Coa luz do corazón’ e ‘Ondas Novas’.
No programa de traballo do festival, a xefa de Contidos da CRTVG, Montse Besada, intervirá como xurado na sesións de pitching de presentación de proxectos. Ademais, o mércores día 6, María Sabucedo, xestora da nova plataforma dixital AGalega.gal, participará no panel dedicado á programación infantil e o consumo dixital de contidos ‘Where are the kids?’ (‘Onde están os nenos?’), en que se reflexionará sobre o abandono da televisión como canle para a programación infantil e xuvenil, o que nos medios públicos galegos se aborda coa ampliación da oferta para este público na plataforma Xabarin.gal.
O Celtic Media Festival, que promove a cultura e linguas dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación, ten lugar desde hai 45 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualles e a Bretaña francesa. Trátase dunha cita obrigada en que participan canles de orixe celta, como a BBC británica en Escocia, Gales e Irlanda do Norte, as irlandesas RTE e TG4 e France 3 Bretagne. A CRTVG participa anualmente nela para poñer en valor os produtos audiovisuais galegos na contorna internacional e establece sinerxías con televisións internacionais europeas, que posibilitan, entre outras cousas, acordos de cesión de contidos e proxectos comúns. Os seus foros e programas de actividades supoñen un interesante espazo de traballo do que xorden proxectos audiovisuais e intercambio de coñecemento.
A CRTVG presenta a súa plataforma dixital AGalega no marco da Cátedra CIRCOM-UVigo
Santiago, 26.04.2023.- A CRTVG presentou este venres a súa plataforma dixital AGalega (AGalega.gal, AGalegaAudio e Xabarín), creada en xaneiro, no marco do workshop ‘Shaping Media for the Future’ ou ‘Moldeando os medios de comunicación para o futuro’ da Cátedra CIRCOM-UVigo, xornada que reúne profesionais e académicos nacionais e internacionais para debater sobre xestión e innovación nos medios de comunicación. O director de Contidos da CRTVG, e secretario xeral de CIRCOM, Fernando R. Ojea, e o reitor da Universidade, Pachi Reigosa, inauguraron a xornada.
A directora do proxecto da nova OTT da CRTVG, María Sabucedo, realizou a primeira intervención do taller, que conta coa participación de profesionais de canles como RTVE, a televisión de Suecia SVT, a RTP de Portugal e de universidades como a London School of Economics. Este evento, o primeiro que organiza a Cátedra CIRCOM-UVigo creada en 2023, conta con relatorios sobre innovación nos medios de comunicación de servizo público e o novo relato informativo no eido dos medios na era dixital, facendo unha análise sobre os procesos de modernización nas televisións públicas europeas.
A Cátedra CIRCOM-UVigo está xestionada desde as dúas institucións, a universidade viguesa e CIRCOM Regional, a asociación das televisións rexionais europeas, que reúne preto de 250 canles de televisión públicas de 30 países europeos. Os principais responsables do proxecto son o profesor e xornalista da TV pública eslovena Zoran Medved e o profesor Xosé Rúas, da Universidade de Vigo.
O obradoiro está sendo seguido presencialmente por universitarios e profesorado galego e tamén en streaming desde distintos puntos de Europa.
AGalega, AGalegaAudio e Xabarín incorporan a día de hoxe máis de 10.000 contidos audiovisuais de forma gratuíta e en galego, no que é a maior oferta de contido na nosa lingua do mundo. As tres plataformas están a disposición da audiencia desde calquera parte do planeta, a demanda, e cun abano de títulos que abarca desde as series e programas míticos da TVG ata espazos nativos dixitais desenvolvidos exclusivamente para a plataforma. Actualmente, a AGalega, AGalegaAudio e Xabarín pode accederse vía web, e tamén poden descargarse desde Google Play e Apple Store, e nas principais televisións intelixentes.
Televisión de Galicia gaña o premio europeo CIRCOM co documental 'A Cero.5'
Santiago, 17.04.2024.- O documental da Televisión de Galicia ‘A Cero.5’ alzouse co Premio CIRCOM 2024 na categoría Minorías sociais, segundo foi anunciado este mércores pola entidade, a asociación das televisións rexionais europeas, que reúne preto de 250 canles de televisión públicas de 30 países europeos. Trátase do documental autobiográfico do vigués Gonzalo Suárez, quen narra as súas vivencias despois de quedar parapléxico a raíz dun accidente. A peza, producida en 2021, amosa como a práctica do baloncesto no club vigués AMFIV, a competitividade e o compañeirismo axúdaronlle a superalo. ‘A Cero.5’ atópase dispoñible na plataforma dixital AGalega dos medios públicos.
Os Premios CIRCOM serán entregados este ano nunha gala que terá lugar na cidade de Poznan, en Polonia, o 23 de maio, no marco da celebración da 40ª conferencia anual da organización. O seu xurado, formado por 14 profesionais das áreas de produción e emisión das canles europeas, reuniuse na sede da BBC en Birmingham (Reino Unido) e salientou a alta participación nesta edición, con producións de canles de 23 países. Ademais da TVG, tamén foi premiada a produción da EITB ‘El conquistador del fin del mundo’, na categoría de entretemento e ficción, e acadaron mencións especiais outras dúas producións da canle vasca e da televisión autonómica de Cataluña.
Este premio para o documental ‘A Cero.5’ súmase aos galardóns acadados pola TVG en edicións anteriores deste certame. En 2023, a serie da TVG e a RTP ‘Motel Valkirias’, gañara o premio CIRCOM no apartado de entretemento e ficción. En 2022 resultaran premiadas a presentadora Noelia Rey, co galardón ao Novo Talento en Pantalla, e a produción ‘3 camiños’, cunha mención especial na categoría Entretemento e ficción. O premio Novo Talento en Pantalla recaera xa en 2019 na xornalista da TVG Alba Mancebo.
E en 2020 CIRCOM premiara o documental ‘Máis ca vida’, cunha mención especial na categoría Minorías en sociedade. En anos anteriores, a serie ‘Matalobos’ lograra o premio a mellor ficción de televisión. O programa ‘No bico un cantar’ e unha reportaxe de ‘Deporte extra’ foran tamén distinguidos con respectivas mencións especiais en pasadas edicións do Prix CIRCOM.
Estrea da película para toda a familia 'Voando xuntos' e curtas para nenos en AGalega e Xabarín
Santiago, 26.03.2024.- A plataforma dixital AGalega propón cine infantil e familiar para estas vacacións de Semana Santa. Para o público infantil, Xabarín.gal conta coa sección ‘Filmes pequenos’ con catro películas curtas: ‘O Grúfalo’, ‘A filla do Grúfalo’, e ‘A rebelión dos contos I’ e ‘A rebelión dos contos II’.
‘O Grúfalo’ é unha curtametraxe de animación de media hora que namorou a medio mundo: foi candidata ao Óscar como mellor curtametraxe de animación no ano 2009. En ‘A filla do Grúfalo’, a pequena grúfala adéntrase no bosque disposta a coñecer a ese terrible rato ao que tanto teme seu pai. Existirá de verdade ese malvado ser? As aventuras do Grúfalo e da filla do Grúfalo son dúas encantadoras historias, baseadas nos contos clásicos da escritora inglesa Julia Donaldson, recoñecida como un dos referentes da literatura infantil contemporánea.
Baseadas na obra homónima de Roald Dahl, as curtametraxes ‘A rebelión dos contos I’ e ‘A rebelión dos contos II’, ofrecen unha nova visión dos contos clásicos, cambiando os roles dos protagonistas e, en consecuencia, o seu final, cunha narración en verso enxeñosa e humorística. Imaxinemos que Carapuchiña Vermella e Brancaneves son vellas amigas. Aliaríanse para desfacerse dos depredadores esfameados ou da sogra asasina? E que pasaría se a Cinsenta non quixese o príncipe azul?
Película de aventuras para todos: 'Voando xuntos', este mércores
Agalega.gal estrea este mércores a película de aventuras ‘Voando xuntos’, baseada nunha historia real. Nela Thomas, un rapaz obsesionado cos videoxogos, non quere pasar unhas vacacións en plena natureza co seu pai, científico dedicado ao estudo dos gansos salvaxes. Porén, pai e fillo uniranse nunha aventura incrible: salvar unha especie en perigo de extinción coa axuda dun ultralixeiro.
AGalega naceu en xaneiro con dúas apps integradas, Xabarín e AGalegaAudio, que tamén se poden descargar de forma individual. Ao igual que outras plataformas como Netflix ou Amazon Prime, os contidos de AGalega van rotando e non están dispoñibles todos ao mesmo tempo, na procura dun servizo atractivo para o usuario, que pode rexistrarse para gozar das funcionalidades personalizadas e os avisos de contidos exclusivos da plataforma. agalega.gal
Este venres chega aos cinemas o documental 'Rapa', dirixido por Alejandro Enríquez e apoiado pola TVG
Santiago, 20.03.2024.- O documental ‘Rapa’, dirixido por Alejandro Enríquez, e que conta co apoio da TVG, chegará aos cinemas galegos este venres. Esta película retrata a tradición da Rapa das Bestas na Galicia rural e ofrece un relato sensible sobre a loita dunha comunidade por manter vivo o seu vínculo ancestral coa terra e os cabalos salvaxes.
Alejandro Enríquez guía o público cara a unha viaxe visual e emocional, explorando a crise existencial do cabalo galego de monte, ameazado, entre outras cousas, polos ladróns de gando, os lobos e os parques eólicos. ‘Rapa’ é un relato con conflitos equinos e humanos nun contexto onde as persoas están conectadas coa natureza.
O filme está protagonizado polos veciños e veciñas da pequena aldea de Sabucedo, que preserva algo único: un vínculo ancestral e íntimo cos cabalos salvaxes. Os conflitos dos cabalos son os conflitos da comunidade, pero case non queda xente para defender o territorio. Unha vez ao ano, a aldea celebra a Rapa das Bestas e 15.000 persoas acoden para ver os veciños cortando as crinas dos cabalos nun enfrontamento corpo a corpo. Pero todos marchan e ninguén ve a realidade detrás da rapa: cada ano hai menos bestas no monte e, coma nun espello, menos xente na aldea.
A estrea de ‘Rapa’ nos cinemas, que terá lugar o 22 de marzo, contará cunha xira especial en salas de varias localidades galegas, que promete ser unha experiencia cinematográfica que vai máis aló dun simple testemuño visual da tradición galega.
O documental 'O futuro é das cabras', de Oliver Laxe, chega a AGalega
Santiago, 15.03.2024.- Agalega.gal estreou este xoves a última obra de Oliver Laxe, o documental ‘O futuro é das cabras’, unha visión do futuro de Galicia a través da singular mirada dun dos cineastas galegos máis premiados internacionalmente.
‘O futuro é das cabras’ explora a visión do futuro de Galicia a través da narrativa singular de Oliver Laxe, quen utiliza o simbolismo e a metáfora para reflexionar sobre o futuro da rexión, tecendo a relación entre a vida tradicional de Galicia e as súas perspectivas para ofrecer unha visión do que podería ser o futuro da Galicia rural. Neste documental, Oliver Laxe achega o seu mundo máis próximo, A Vilela, onde intenta construír o seu proxecto de vida ao tempo que reflexiona sobre a espiritualidade, o sinxelo e o simbólico, sobre o terreo en que está enraizado o noso futuro. O documental relata como en maio de 2021 un grupo de arqueólogos comeza os traballos de estudo do castro do Teso da Ermida nunha montaña dos Ancares (Lugo). Na outra ladeira, Suso e Oliver, veciños de Vilela, preparan o peche para introducir cabras nunha zona abandonada. Pretenden facer un cinto que protexa as casas e o monte dos posibles incendios.
O catálogo de AGalega conta tamén con ‘O que arde’, a aclamada longametraxe de Laxe gañadora en Cannes no 2019 do Premio do Xurado da sección ‘Un certain regard’. ‘O que arde’, a película con máis recadación e máis vista en lingua galega, foi a primeira cinta en galego proxectada na sección oficial do festival francés.
En xaneiro deste 2024 naceu a plataforma dixital dos medios públicos galegos, acompañada das app AGalegaAudio e Xabarín. En total, sumando estas tres novas canles, son máis de 10.000 os contidos dispoñibles ata o momento.