‘Os Crononautas’ adéntranse este xoves na historia da galicia que entra no mundo contemporáneo - CSAG
‘Os Crononautas’ adéntranse este xoves na historia da galicia que entra no mundo contemporáneo
Trisha Fernández e David Vilares percorren os séculos XIX e XX para descubrir os cambios sociais, económicos e culturais que marcaron a evolución do país ata hoxe

Santiago, 12.12.2026.- Na última entrega do programa, ‘Os Crononautas’ percorrerán hoxe os séculos XIX e XX para descubrir os acontecementos que contribuíron á transformación da Galicia contemporánea. O episodio abordará as revoltas liberais, a emigración a América, a chegada do ferrocarril, o desenvolvemento do movemento obreiro, o Rexurdimento da lingua galega e outros cambios sociais, económicos e culturais que marcaron a evolución do país.
Despois de viaxar na súa primeira aventura a un mundo de océanos primitivos, montañas nacendo e unha terra que apenas empezaba a tomar forma, Trisha Fernández e David Vilares chegan esta noite ao outro extremo da súa viaxe: unha Galicia que xa mira cara ao mundo moderno, pero que aínda leva enriba séculos de loitas, soños e feridas. Un camiño longo, ás veces luminoso e outras veces durísimo, en que o país foi cambiando sen deixar de ser el mesmo.
Neste último treito, os espectadores coñecerán algunhas das historias que explican quen somos hoxe. Así, verán como un pobo de campesiños foi capaz de plantarlle cara ao exército máis poderoso do mundo; como un grupo de revolucionarios soñou cun país libre e pagou o prezo máis alto; como dous millóns de galegos cruzaron o Atlántico para levantar outra Galicia na outra beira do océano; como unhas cigarreiras demostraron que a revolución tamén podía comezar nunha fábrica; como Rosalía, Pondal e Curros lle devolveron a dignidade a unha lingua que moitos querían facer desaparecer, e como un pobo enteiro foi condenado a desaparecer baixo a auga. Historias de resistencia, emigración, memoria e identidade.