Bolsas solidarias coa imaxe da TVG, á venda na Fundación AdCor da Coruña - CSAG
Bolsas solidarias coa imaxe da TVG, á venda na Fundación AdCor da Coruña
O ‘Galicia por diante’ da Radio Galega regalou algunhas delas aos seus ouvintes, e visitou a tenda para coñecer como traballan os seus usuarios

Santiago, 02.10.2026.- Lucir unha bolsa coa imaxe dos programas da TVG volve ser posible nunha nova colaboración da CSAG coa Fundación AdCor da Coruña.
As 'Accións G' da Corporación reciclaron lonas de decorados de programas como 'En xogo’, os telexornais e mesmo o 40 aniversario dos medios públicos en bolsas solidarias. Os usuarios da Fundación AdCor transformaron esas lonas en bolsas e xa están dispoñibles na súa tenda D'Cuero, na rúa Enrique Dequidt da Coruña.
Ademais, este venres o programa ‘Galicia por diante’ da Radio Galega deu voz á iniciativa e regalou varias bolsas aos seus ovintes. A emisora visitou a tenda da Coruña e houbo tempo tamén para unha conversa con usuarios da Fundación. Esta é terceira vez que se une o traballo de AdCor co compromiso social da Corporación, no marco da economía circular e no noso compromiso con apoiar e visibilizar o labor das entidades do terceiro sector de Galicia.
A Fundación ADCOR é unha organización sen ánimo de lucro dedicada a mellorar a vida das personas adultas en situación de dependencia e conta con centros ocupacionais e centros especiais de emprego, entre os seus servizos.