A estratexia de marca da CSAG 'Mellor á Galega', finalista nos Premios Paraugas - CSAG
A estratexia de marca da CSAG 'Mellor á Galega', finalista nos Premios Paraugas
A CSAG opta ao galardón na categoría que recoñece iniciativas vinculadas á identidade e ao territorio galego
A peza publicitaria ‘Na Galega os anuncios duran para sempre’ opta ao galardón á mellor campaña publicitaria
A gala dos premios retransmitirase en directo por AGalega.gal, o 13 de novembro desde o Teatro Jofre de Ferrol

Santiago, 4.11.2026.- A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) opta con dúas candidaturas aos Premios Paraugas 2026, nas categorías de mellor campaña publicitaria e a de mellor acción ou estratexia vinculada a Galicia.
Na primeira, a CSAG compite coa peza ‘Na Galega os anuncios duran para sempre’, desenvolvida pola axencia Tío Phill. O proxecto é finalista xunto a ‘Hielo Estrella Galicia’, de Imaxe, Havas Media e Evercom para Hijos de Rivera, e ‘Menos Smart’, de Recados Carmen para Fnac.
A estratexia ‘Mellor á Galega’ da Corporación é candidata na categoría de mellor acción ou estratexia vinculada a Galicia, coa que os Premios Paraugas recoñecen iniciativas que contribúen á promoción da identidade, a lingua, a cultura e o territorio galegos. Esta estratexia de reposicionamento competirá con ‘Lenzos, as letras en cor’, de Nasas para Gadis, e ‘O galego xa é teu’, de Nasas para a Comisión Interuniversitaria de Galicia.
Os XI Premios Paraugas reúnen 39 candidaturas finalistas, distribuídos en trece categorías de distintos ámbitos da comunicación e o márketing. Na gala de entrega de galardóns, desvelaranse, amais, o Paraugas de Ouro e o Paraugas de Honor Galicia Calidade. A selección dos candidatos correu a cargo dun xurado integrado por quince profesionais vinculados a Galicia e presidido pola directora creativa executiva Xisela López.
Estes galardóns, organizados polo Clúster da Comunicación de Galicia, entregaranse o vindeiro 13 de novembro no Teatro Jofre de Ferrol, nunha gala que se emitirá por primeira vez en directo a través de AGalega.gal, a plataforma de contidos dixitais da Corporación.