Volve este luns á TVG 'Magnum', a serie policial que marcou os anos 80 e fixo de Tom Selleck un ídolo - CSAG
Volve este luns á TVG 'Magnum', a serie policial que marcou os anos 80 e fixo de Tom Selleck un ídolo
A icónica ficción, unha das máis seguidas na historia da canle pública galega, ofrecerase durante este verán nas mañás de luns a venres, desde o primeiro episodio e a razón de dúas entregas diarias

Santiago, 24.07.2026.- A Televisión de Galicia recupera a partir do vindeiro luns, 27 de xullo, unha das series de produción allea máis icónicas da súa historia: ‘Magnum’, a ficción policial que lanzou ao estrelato a Tom Selleck e que marcou os anos 80. Ofrecerase durante este verán de luns a venres arredor das 11:15 h, desde o primeiro episodio e a razón de dúas entregas diarias.
Esta serie estadounidense, mestura de comedia, acción e drama, foi transmitida orixinalmente pola canle CBS de 1980 a 1988 e contou con 8 temporadas. Narra as aventuras de Thomas Sullivan Magnum, un investigador privado que vive en Hawái co mordomo Higgins, un exmilitar co que se leva como o can e o gato e que o ameaza cos seus cans gardiáns Zeus e Apolo. Magnum dedícase a resolver grandes casos, contando sempre coa axuda incondicional dos seus compañeiros Rick e TC, e mesmo de Higgins.
‘Magnum’ foi unha das series máis representativas da televisión popular dos anos 80. Un detective aposto e simpático, coas súas sempiternas bermudas e camisas floreadas, resolvendo os seus casos no idílico arquipélago de Hawái, rodeado de luxo e cartos a esgalla, foi unha das apostas gañadoras desa década. O Ferrari que conducía Selleck na ficción, un 308 GTS, era un participante máis do elenco e a día de hoxe, un obxecto de coleccionista que segue vinculado á fama da serie. O sopro de aire fresco que supuxo a súa aparición tivo influencia en moitas series posteriores que intentaron copiar ese novo estilo máis lixeiro e desenfadado.
Durante as súas oito temporadas, estivo entre as producións máis vistas tanto nos EUA como en todos os países onde se emitiu. Estreada pola TVG en 1985, converteuse automaticamente nunha das series máis seguidas da canle pública galega polo gran traballo de tradución e adaptación dos diálogos, con moitas frases feitas e retranca local.
O regreso de ‘Magnum’ á grella da Televisión de Galicia únese á recuperación da serie ‘Dallas’, un dos maiores fenómenos televisivos de todos os tempos, do que os espectadores están podendo gozar durante este verán no late night de luns a venres.