Violeta Crespo busca en 'A grande escolla' o vestido de noiva perfecto para a súa voda con Eddy Insua - CSAG
Violeta Crespo busca en 'A grande escolla' o vestido de noiva perfecto para a súa voda con Eddy Insua
A influencer, que deberá elixir entre tres propostas nupciais moi diferentes entre si, confía no talento galego

Santiago, 19.5.2026.- ‘A grande escolla’ recibe este martes a Violeta Crespo, protagonista dunha das entregas máis emocionais da temporada. A influencer chega ao Pazo da Golpelleira, en Vilagarcía, acompañada do seu noivo, o fisterrán Eddy Insua, para afrontar unha das decisións máis especiais da súa voda: escoller o vestido perfecto para o gran día.
Namorada de Galicia e decidida a apostar polo deseño do país, Violeta busca un vestido con personalidade, elegante e actual, capaz de reflectir o seu estilo e a súa forma de entender este momento tan importante. Ao seu lado estará Eddy, aínda que sen poder ver os vestidos, xa que ambos queren manter viva a tradición. Separado por un biombo e mesmo con cascos para evitar escoitar os detalles máis sensibles, o noivo converterase nun dos grandes protagonistas da noite grazas ao seu sentido do humor e ás súas reaccións ante os prezos das propostas.
A primeira opción será Celine, un sofisticado deseño de corte serea con colo halter creado en Vigo por Maite Vázquez, que combina encaixe italiano, costas ao aire, capa desmontable e detalles de pedrería Swarovski. Un deseño que combina estrutura e movemento. Violeta conecta desde o primeiro momento. Ve nel un equilibrio entre elegancia e sensualidade, algo que encaixa co que buscaba. Na parte económica, a tensión trasládase ao outro lado do biombo. Eddy decide poñer os cascos antes de escoitar o prezo real. O custo final elévase ata os 3.800.
A segunda proposta, Branca Brisa, chegará desde O Porriño da man de Noa Estévez cun concepto máis atrevido e contemporáneo, construído ao redor dunha pamela con veo. O resultado é diferente, cun punto rompedor. Violeta valora a elegancia e a sinxeleza do conxunto, pero a pamela xéralle dúbidas. Non é un accesorio co que se sinta cómoda de entrada. Esta proposta está valorada en 2.000 euros.
Finalmente, Isabel Vilaverde sorprenderá coa espectacularidade de Miriel, un vestido de corte princesa, con cintura vasca, escote corazón e tul con aplicacións de crista e encaixe. Un vestido de alta costura con volume, brillo e presenza, cun prezo de 9.000 euros.
Ao longo do programa, a parella compartirá tamén os preparativos da voda, as dúbidas sobre o lugar da celebración e a ilusión coa que viven esta nova etapa. Coas tres opcións de vestido vistas e probadas, a elección non é evidente. Cada deseño responde a unha parte distinta do que busca Violeta. Os prezos son moi diferentes tamén, algo que Eddy valorou con ollo clínico desde o comezo.
Entre emocións, complicidade e moitas risas, Violeta decidirá cal das tres creacións será a súa grande escolla, este martes ás 22:45 horas na TVG.
