Unha traizón mortal en Monte Alto e a desaparición de Sonia Iglesias, a análise no 'Expediente Oculto' deste luns - CSAG
Unha traizón mortal en Monte Alto e a desaparición de Sonia Iglesias, a análise no 'Expediente Oculto' deste luns
O programa reconstrúe o asasinato dun ancián que acolleu os seus verdugos, expón o caso da pontevedresa desaparecida e departe sobre o aumento dos ataques de mandas de cans

Santiago, 13.4.2026.- ‘Expediente Oculto’ (22:40 h) reconstrúe este luns o crime de Monte Alto, en que un home foi asasinado na súa propia casa tras acoller a dúas persoas necesitadas, nun caso marcado pola traizón e a ingratitude. Os dous asasinos mataron a Manuel Lodeiro, un ancián de 78 anos, que lles dera acubillo na súa casa de Orillamar en 2011, de forma provisional, ante a falta de vivenda dos indixentes. Dous meses despois, ese home e esa muller agradecéronlle a súa solidariedade matándoo. A convivencia fixérase tan insoportable para a vítima, á que roubaban e ameazaban, que acudira á policía para poñer unha denuncia, que logo retirou.
O programa, que conduce Patricia Abet na TVG, abre tamén o expediente de Sonia Iglesias, a pontevedresa desaparecida no verán de 2010 sen deixar rastro. Con 38 anos, nai dun fillo e dependenta dunha tenda de roupa, saíu aquela mañá da súa casa para facer uns recados, pero nunca chegou ao seu posto de traballo. Desde entón, anos de investigacións e rexistros infrutuosos, sen resultado.
E na actualidade, porase o foco nos ataques de mandas de cans, cunha impactante testemuña que volve alertar sobre este fenómeno.