Unha despedida de solteira por todo o alto, Loli falando galego e unha aventura sobre rodas, esta noite, en 'Orgullo de familia' - CSAG
Unha despedida de solteira por todo o alto, Loli falando galego e unha aventura sobre rodas, esta noite, en 'Orgullo de familia'
O programa que segue a vida cotiá de tres familias xitanas galegas ofrecerá tres novos retos e moitos momentos por compartir

Santiago, 30.9.2026.- Os espectadores da TVG asistirán este mércores á noite a tres novos retos e moitos momentos por compartir no programa ‘Orgullo de Familia’ (22:50 h), que continúa seguindo a historia e a vida cotiá de tres familias xitanas galegas.
Na entrega desta semana, os Jiménez Jiménez ultiman os preparativos para un dos momentos máis esperados antes da voda: a despedida de solteira de Aitana, unha celebración pensada para gozar xuntas e sorprender a futura noiva.
Pola súa parte, Loli, dos Jiménez Hernández, acepta un reto da man de Esther Estévez, de ‘DígochoEu’: perfeccionar o seu galego e poñer en práctica todo o aprendido nun escenario moi especial: o mercado de abastos.
Os Ventos Romero, pola contra, comezan a reforma da futura casa de Aroa e Mikel e fan plans para a súa próxima aventura familiar: unha viaxe en caravana para a que terán que escoller a súa particular casa sobre rodas.