Televisión de Galicia modifica a súa programación tras o pasamento de Xosé Manuel Beiras - CSAG
Televisión de Galicia modifica a súa programación tras o pasamento de Xosé Manuel Beiras
Esta noite ofrecerase unha entrevista co histórico dirixente nacionalista, emitida no seu día no programa ‘Galeg@s’ (G2, 23:30 h), e o venres tres capítulos de ‘Crónicas da transición’
A plataforma dixital AGalega.gal habilita a sección ‘Lembrando a Xosé Manuel Beiras’, cunha selección de espazos do arquivo da CSAG relacionados co político galego falecido este xoves

Santiago, 08.10.2026.- Televisión de Galicia modifica a súa programación con motivo do pasamento de Xosé Manuel Beiras. Esta noite emitirase pola segunda canle (23:30 h) unha entrevista en profundidade co histórico dirixente nacionalista no programa ‘Galeg@s’, na que o político aborda, entre outras cuestións, a capacidade de Galicia para decidir sobre os seus recursos, a súa economía e as condicións de vida da cidadanía.
A continuación, a G2 recuperará o primeiro capítulo do histórico programa ‘O veciño do xoves’, emitido en 1987 e presentado por Xosé Ramón Gayoso. Este espazo conserva un momento especialmente singular, no que Xosé Manuel Beiras e o tamén político e profesor Xosé Luís Barreiro compartiron interpretacións ao piano.
Ademais, este venres (17.40 h), a G2 emitirá tres capítulos de ‘Crónicas da transición’ centrados na evolución do galeguismo e do nacionalismo durante a Transición: ‘A resiliencia galeguista interior e exterior’, ‘O renacer do nacionalismo’ e ‘O encerellado camiño cara a un Estatuto digno’.
A plataforma dixital AGalega.gal habilitará unha sección especial, ‘Lembrando a Xosé Manuel Beiras’, que reunirá unha selección de contidos do arquivo histórico da CSAG relacionados coa figura e a traxectoria do político galego.