div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Televisión de Galicia celebra a eclipse cunha programación especial desde Oleiros e Ribadeo

O ‘Especial eclipse’ (19:15 h) achegará a fase de ocultación total do sol desde o faro de Mera, en Oleiros, e conexións en directo por toda Galicia 
 
Tras o evento, a TVG retransmitirá desde Riazor o Trofeo Teresa Herrera entre Deportivo e Real Madrid 
 
De noite, a música e as mellores imaxes galegas do fenómeno astronómico na emisión do Eclipse Fest, desde a praia das Catedrais, en Ribadeo

csag.gal 11/08/2026 11:18

Santiago, 11.8.2026.-  A TVG dedica este 12 de agosto unha programación especial pola eclipse total de sol, cunha cobertura en directo en puntos de toda Galicia. Xa pola mañá o informativo ‘Bos días’ conectará cos principais escenarios para avanzar como se vai vivir este día. Ao mediodía, o ‘Telexornal’ presentado por Marta Darriba ampliará a súa duración e emitirase desde Mera, en Oleiros. Os servizos informativos da canle seguirán a actualidade da xornada e como se van enchendo os principais puntos de observación, con especial atención á situación do tráfico e dispositivos de seguridade e ofrecerá conexións e entrevistas en directo con expertos.

Ribadeo é outro dos grandes escenarios deste mércores. Desde alí emitiranse as dúas edicións de ‘A hora da eclipse’, de mañá e de tarde (10:45 e 16:00 h), presentadas por Rocío Durán e Quique Morales, co apoio desde o estudio de Adrián Díaz, e o Eclipse Fest, xa pola noite. Nas dúas emisións do magazine, dez equipos de reporteiros estarán desprazados por diferentes puntos de Galicia, falando coa xente e amosando o ambiente. Amais, ‘A hora da eclipse’ contará con convidados en directo e rostros coñecidos, que lle avanzarán á audiencia o lugar elixido para observar o evento. 

‘Especial eclipse’, en directo, desde as 19:15 h

Desde Mera, a emisión do ‘Especial eclipse’, (19:15 h) coincidirá coa fase decisiva do fenómeno. Os xornalistas Pablo Muñoz e Sabela Romar coordinarán un amplo dispositivo de directos por toda Galicia para seguir a eclipse desde puntos como o Monte de San Pedro da Coruña, as praias de Riazor e Orzán, o estadio de Riazor, a praia das Catedrais, a Muralla de Lugo, a Cidade da Cultura, o faro de Fisterra, o Altar do Sol de Lalín, Trevinca e a ría de Vigo.

A emisión contará tamén con sinais permanentes do sol desde diferentes puntos de Galicia. Cámaras especiais e drons permitirán ofrecer en directo as imaxes do momento da ocultación total, que se poderá seguir tamén desde a plataforma dixital AGalega.gal. O ‘Especial eclipse’ combinará este seguimento en tempo real coa análise de expertos como o físico e investigador Jorge MiraMinia Manteiga, catedrática en Astrofísica da UDC e presidenta da Sociedade Española de Astronomía; o astrofísico Daniel Galán, e Mercedes Camiña, profesora de Fisioloxía Veterinaria na UDC. Tras a emisión do evento, a cobertura informativa da eclipse continuará na G2.

Trofeo Teresa Herrera: Deportivo-Real Madrid 

Ás 20:55 h, a TVG e a plataforma AGalega.gal ofrecerán outra das grandes citas da xornada: o partido entre o Deportivo e o Real Madrid, correspondente á 81ª edición do trofeo Teresa Herrera, no estadio de Riazor. O encontro supón a presentación oficial do Deportivo ante a súa afección tras o regreso do club coruñés á Primeira División e marca a volta do conxunto branco ao torneo 13 anos despois da súa última participación. O Deportivo é o máximo gañador da historia do torneo, con 26 títulos, mentres que o Real Madrid ocupa o segundo posto con nove. A narración estará a cargo de Suso Iglesias, cos comentarios técnicos dos adestradores Tito Ramallo e Javier Oreiro.

Eclipse Fest, música en directo desde a praia das Catedrais

Ao remate do partido arrancará en TVG o Eclipse Fest, unha celebración coa enerxía de Panorama City, 9Louro e Francisco que prolongará a programación especial ata ben entrada a madrugada. A gala combinará música, espectáculo e as mellores imaxes da eclipse desde distintos puntos de Galicia desde un escenario excepcional, ao carón da praia das Catedrais, nun recinto con capacidade para acoller ata 4.000 persoas.

Canle FAST e proposta multicámara para elixir escenario, en AGalega.gal

A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) está reforzando a cobertura da eclipse cunha canle FAST temática con emisión ininterrompida durante 72 horas. É accesible en AGalega.gal e no YouTube da TVG e inclúe todos os espazos de divulgación científica emitidos estes días nos medios públicos galegos -entrevistas, reportaxes, documentais, ficción, videopodcast e conexións en directo-.

A plataforma dixital AGalega.gal permitirá tamén acceder a unha experiencia específica para seguir a eclipse cunha proposta multicámara e escoller en tempo real entre varios sinais. Poderase ademais descargar secuencias en formato timelapse xeradas a partir das distintas cámaras e compartilas nas redes sociais. 

Radio Galega

Kiko Novoa e Isabel Pichel estarán á fronte desta emisión na Radio Galega, acompañados por expertos como Jorge Mira e o astrofísico Borja Tosar, que achegarán as claves científicas e divulgativas necesarias para comprender e seguir o fenómeno. Ademais, todos os informativos e programas da emisora adaptarán os seus contidos a este acontecemento e incorporarán información, entrevistas, divulgación e conexións permanentes para vivir a eclipse.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade