Shaila Dúrcal e Maret, dúas traxectorias a ambos lados do Atlántico, achegan esta noite en 'Luar' as súas músicas - CSAG
Shaila Dúrcal e Maret, dúas traxectorias a ambos lados do Atlántico, achegan esta noite en 'Luar' as súas músicas
Os galegos Guillermo Castro, co seu premiado ‘Galicia baila’; o ilusionista Martín Varela, co espectáculo ‘Reinventio’; Airiños da Peneda e a Orquestra Trébol, completan as propostas artísticas deste venres

Santiago, 16.1.2026.- O ‘Luar’ (21:40 h) deste venres mergullarase nas expresións que forman parte do léxico da xente nova, como bro ou crush, nunha entrega onde a lingua e a música irán da man para conectar xeracións distintas da audiencia galega.
O programa contará coa presenza dunha das voces máis recoñecidas do panorama hispano, Shaila Dúrcal, que consolidou a súa traxectoria a ambos lados do Atlántico no eido da música rancheira e pop, e deu continuidade ao legado da súa familia, con éxitos e homenaxes que a converten nunha figura moi querida polo público.
Outra das convidadas especiais da noite será Maret, unha luareira mítica que leva dez anos facendo ‘as Américas’ e que reside en Texas. Maret, gañadora da primeira edición de ‘Recantos’ e presentadora de ‘Luar’ na temporada 2011-12, promete emocións sobre o escenario con interpretacións como ‘Como la primera vez’ e ‘Bótame a min a culpa’.
As actuacións musicais seguirán coa enerxía do compositor e intérprete vigués Guillermo Castro, quen achegará ‘Galicia baila’, o tema de ritmos latinos en galego, co que gañou o Premio Latino 2025 á Mellor canción rexional; Airiños da Peneda, que traerá unha mostra do seu repertorio tradicional coa canción ‘Rosa do xardín’, e coa Orquestra Trébol, que sumará baile e ritmo ao escenario de ‘Luar’.
Cómpre salientar tamén a presentación de Reinventio, espectáculo creado e dirixido polo ilusionista galego Martín Varela, que combina maxia, danza e circo nun formato de gran produción. Tras percorrer varias cidades galegas, Martín Varela amosará hoxe parte desta viaxe escénica, que xoga coa idea de reinventarse e recuperar a ilusión, na compaña da artista suíza Milena Blatter.
Na vertente competitiva musical de ‘Recantos’, esta noite loitan pola continuidade Lamar (Noia-O Barbanza) e Flor Becerra (Galicia centro), dous talents que aspiran conquistar o público coa súa voz e presenza escénica.
O humor tamén ten un lugar privilexiado no programa, coa presenza do ‘arranxatodo’ Lalo Penelas (interpretado por Xosé A. Touriñán), que achegará a ración habitual de gargalladas de cada venres.