Sábado de Entroido con 'O baile das máscaras', en que caras coñecidas da TVG intentarán adiviñar a identidade dunha serie de personaxes - CSAG
Sábado de Entroido con 'O baile das máscaras', en que caras coñecidas da TVG intentarán adiviñar a identidade dunha serie de personaxes
Cantantes, comunicadores, actores e políticos cantarán coa orquestra Los Satélites e ofrecerán pistas que deberán desentrañar os ‘detectives’ deste programa especial (21:55 h), presentado por Arturo Fernández

Santiago, 14.02.2026.- Este sábado de Entroido a TVG ofrece o programa especial ‘O baile das máscaras’, presentado por Arturo Fernández, en que 16 caras coñecidas da Galega exercerán de detectives e terán que adiviñar quen son unha serie de personaxes enmascarados despois de escoitalos cantar coa orquestra Los Satélites.
O Percebe que me quere, a Superpolbeira, o Oso máis fermoso... Son algúns dos personaxes da identidade galega que irán desfilando polo programa. Pero quen está detrás deles? Quen canta? Trátase de personaxes internacionais de ata tres países diferentes e tamén da nosa terra. Poden ser cantantes, actores, comunicadores, políticos... Para descubrilo, ‘O baile das máscaras’ contará na investigación coa axuda de distintos presentadores e presentadoras da Televisión de Galicia.
Deste xeito, o formato presentará oito personaxes cuxa identidade se descoñece. Cada un deles cantará un tema e, a continuación, os 16 detectives irán pasando de dous en dous para intentar adiviñar cada parella un personaxe. Terio Carrera e Trisha Fernández, Raquel Atanes e Esther Estévez, Rocío Durán e Adrián Díaz, María Mera e Fernando Tato, Belén Vara e Pepe Capelán, Rosa Facal e Carlos Pérez, Fran Nogueira e Iván Mariñas e Loli Gómez e Sevi Martínez serán os investigadores que intentarán desenmascaralos.
Para axudalos, cada personaxe dará pistas sobre súa personalidade. Algúns acertarán e outros fallarán. Desde a casa, os espectadores tamén poderán xogar para intentar descubrir quen é quen en ‘O baile das máscaras’.