div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Roberto Carlos Carballo, a fichaxe do verán do 'Galicia en goles' da Radio Galega

Co inicio da Liga de fútbol esta semana, Carballo asume a dirección e presentación do programa deportivo decano da emisora pública 

‘Galicia en goles’ leva dúas décadas sendo sinónimo de emoción, proximidade e paixón polo deporte galego

Xoán Galán deixa o micrófono tras 26 anos para asumir a xefatura de Deportes da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia
 
A Radio Galega dedicará 17 horas de programación deportiva esta fin de semana

Roberto Carlos Carballo. Roberto Carlos Carballo.
csag.gal 14/08/2025 10:29

Santiago, 14.08.2025.-    O ‘Galicia en goles’ da Radio Galega iniciará este sábado nova etapa. Roberto Carlos Carballo, unha das voces máis recoñecibles e respectadas do xornalismo deportivo galego, asume a dirección e presentación do programa, que ata agora recaían en Xoán Galán. Despois duns días en que as redes sociais do programa avanzaban unha gran fichaxe de verán, o propio Carballo sinala que afronta o reto “coa ilusión de manter viva a esencia do programa, pero tamén con vontade de introducir novas dinámicas que conecten coas demandas actuais dos oíntes e espectadores”.

O debut de Carballo como director e presentador producirase o sábado ás 17:00 h, na retransmisión do partido de Segunda División Granada-Deportivo da Coruña desde Os Cármenes. E o domingo, a programación continuará a partir das 16:00 h cunha ampla cobertura desde Balaídos para o encontro entre Celta de Vigo-Xetafe, na estrea ligueira dun curso que trae consigo o regreso do equipo celeste á Europa League.
 
‘Galicia en goles’ leva dúas décadas sendo sinónimo de emoción, proximidade e paixón polo deporte galego. Baixo a batuta de Xoán Galán, o programa converteuse nun referente para milleiros de oíntes, que cada fin de semana se conectan á Radio Galega para vivir, minuto a minuto, as xornadas de fútbol e outras competicións. Así seguirá na nova etapa, combinando a tradición que o fixo grande coas innovacións necesarias para seguir liderando a información deportiva de fin de semana en Galicia, adaptándose ás novas formas de consumo e mantendo a súa esencia: narrar o deporte coa mesma paixón que o viven os seus protagonistas e seguidores.

Carballo: experiencia e paixón polo deporte

Licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, Roberto Carlos Carballo chegou á Radio Galega a finais de 1996 como bolseiro. Tras dous meses nos Servizos Informativos, incorporouse á redacción de Deportes, onde se integrou no equipo de ‘Galicia deportiva’, dirixido por Xoán Galán. Desde entón, Carballo foi construíndo unha traxectoria sólida e versátil. Presentou programas nocturnos de información deportiva como ‘Caneando’ e ‘Galicia en goles semana’. Foi narrador de multitude de eventos deportivos, destacando o seu papel, desde 2018 como voz oficial das retransmisións do Real Club Celta de Vigo. A súa capacidade para transmitir a emoción dos partidos, combinada co rigor informativo, consolidárono coma unha das voces máis recoñecibles das retransmisións deportivas da emisora. 

O adeus ao micrófono de Xoán Galán

Xoán Galán deixa o micrófono para asumir un novo reto como xefe de Deportes da Corporación. Galán pecha así unha etapa de 26 temporadas sendo a voz inconfundible dos deportes da Radio Galega. Cada fin de semana durante máis de 10 horas repartiu xogo por todos os campos e fogares galegos chegando a milleiros de oíntes coas retransmisións do deporte galego. Vinculado á emisora desde 1988, Xoán Galán compaxinou durante a última década a coordinación do equipo deportivo coa presentación de ‘Galicia en goles’. Péchase así unha etapa de máis de dúas décadas levando a emoción do deporte galego a milleiros de oíntes.

Cobertura multiplataforma para todos os públicos

A Radio Galega dedicará 17 horas de programación deportiva esta fin de semana, cubrindo tamén o resto da xornada nas competicións profesionais e os partidos amigables dos equipos galegos que preparan as súas temporadas en Primeira e Segunda Federación. O ‘Galicia en goles’ poderá seguirse a través da FM da Radio Galega e tamén na plataforma dixital AGalegaAudio.gal, que ofrece a opción de emisión visual para vivir en directo o ambiente e funcionamento do programa desde dentro. Este sábado, ademais, quen vexa o Granada–Deportivo pola televisión terá a posibilidade de seleccionar a narración da Radio Galega a través das canles de audio dispoñibles no seu operador, reforzando así a conexión entre o público televisivo e radiofónico. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade