Risas aseguradas este xoves na TVG co 'Land Rober + Show' e a tripla entrega de 'Era Visto! A Choupana' - CSAG
Risas aseguradas este xoves na TVG co 'Land Rober + Show' e a tripla entrega de 'Era Visto! A Choupana'
A noite combina espectáculo e humor coas novas propostas do ‘Land Rober’ e ‘A Choupana’, antes dunha nova sesión de ‘A noite de Era Visto!’

Santiago, 20.11.2025.- A noite do xoves chega á TVG cunha programación pensada para gozar con propostas onde o humor é protagonista. Á emisión do ‘Land Rober + Show’ seguiranlle tres novos capítulos de ‘Era Visto! A Choupana’ e unha entrega de ‘A noite de Era Visto!’, que encherán de risas a velada.
A xornada nocturna arrinca ás 21:45 horas co ‘Land Rober + Show’, que chega este xoves cargado de música. O ‘Land Rober’ afronta un programa de altos voos cunha convidada que debullará os segredos da aeronáutica. Antes diso, Pepe e Lucas mostrarán o resultado da semana de traballo que levaron a cabo con Pili Pampín. Coa cantante gravaron un corto de humor que sairá á luz en exclusiva no programa deste xoves.
Como colaboradora estará Ana Ageitos, filla de Tonhito de Poi. A de Ribeira traerá consigo un cantante de orquestra que contará a súa traxectoria e cuxa intención é interpretar algunha peza con Néstor Pardo e Eva Iglesias. Na ficción, o tema a tratar polo equipo de Roberto Vilar será a posibilidade de revivir tras ser obxecto dunha crioxenización.
Tres novos capítulos de ‘Era Visto! A Choupana’
A continuación, ás 22:45 horas, chega outra das citas máis agardadas polos espectadores cos tres novos capítulos de ‘Era Visto! A Choupana’, a secuela que crea agora un universo arredor de Kevin José, convertido nun pai de familia que vive na Choupana.
O primeiro episodio da noite, ‘A IA’, xoga co encontro entre Kevin e a intelixencia artificial, un descubrimento co que acaba enganchado á aplicación que ten instalada no móbil, aínda que non tarda en desilusionarse cando se fai evidente que a IA non é capaz de dar resposta ás dúbidas máis elementais dos habitantes da Choupana.
En ‘Monster quad’, o maior espectáculo do mundo do motor, chega a Galicia. Poderá Kevin asistir a un evento co que leva soñando toda la vida? Podería ser. Ou non, depende dos moitos obstáculos que atope no camiño.
E para pechar, ‘Unha copa’ mergulla os habitantes nun novo conflito territorial. Vaise celebrar a fase final do campionato de fútbol da zona e na Choupana ninguén está interesado en participar. Todo cambia, ao saberse que Lameiro quere optar pola organización e Kevin non quere verse en medio dun conflito entre localidades.
A noite de humor remata coa entrega de ‘A noite de Era Visto!’, que recupera capítulos destacados da icónica ficción.
