div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Os partidos Celta-Xirona e Mirandés-Deportivo, esta fin de semana no 'Galicia en Goles' da Radio Galega

No polideportivo, destacan o torneo de Ourense de baloncesto e o comezo da Liga Asobal de balonmán

csag.gal 11/09/2025 19:00

Santiago, 11.09.2025.-    As retransmisións desta fin de semana comezan na Radio Galega e AGalegaAudio.gal na noite do venres, coa primeira edición do ‘Galicia en Goles’. Pedro Pablo Alonso conducirá as semifinais do torneo de baloncesto no pavillón Paco Paz de Ourense, que reúne o equipo local xunto a tres conxuntos da ACB: Breogán, Gran Canaria e Bilbao. Ademais, o programa atenderá a Primeira División de fútbol sala coa cobertura do Murcia-Noia, xunto á presentación do Baxi Ferrol con vistas á temporada 25-26.

O sábado, a partir das 14:15 h, o interese vai estar en Mendizorroza, onde o Deportivo visita o Mirandés na Segunda División profesional de fútbol. Logo de catro xornadas, os homes de Antonio Hidalgo manteñen a condición de invictos, con dúas vitorias e dous empates. Mentres, o rival suma dous puntos menos e vén de menos a máis, pois comezou sufrindo dúas derrotas para encadear dous triunfos de xeito consecutivo en Granada e Albacete.

Durante a tarde, outros puntos de directo serán o estadio Romano, co Mérida-Celta Fortuna, os campos da Terceira Federación e o pavillón Paco Paz, coa xornada final de baloncesto.

Xa o domingo, a sesión matinal comezará ás 12:00 h da man de Rodrigo Pérez Pardo para seguir tres partidos. O primeiro reúne en Riazor os equipos femininos do Deportivo da Coruña e do Athlétic de Bilbao, mentres no Couto o Ourense C. F. recibe o Talavera na Primeira RFEF. O Burgos Promesas-Unión Deportiva Ourense completa a axenda matinal.

Ás 13:45 h chegará Roberto Carlos Carballo para capitanear o amplo equipo despregado en Balaídos para dar voz á Primeira División masculina, co Celta-Xirona desde Balaídos. Tras o paro polas seleccións, Claudio Giráldez confía en conseguir a primeira vitoria do curso ante un rival que é o pechacancelas, sen puntuar logo de disputar tres xornadas.

Ao remate estarán presentes as ligas da Federación, con tres citas de interese: Rácing de Ferrol-Ponferradina, na Malata; Pontevedra-Tenerife, en Pasarón, e Zamora-Lugo, no Ruta de la Plata. Na Segunda RFEF destaca o derbi Coruxo-Fabril, desde o campo do Vao. No polideportivo prestaráselle atención ao comezo da Liga Asobal de balonmán, en que o Cangas recibe no Gatañal o Ademar León.

#GaliciaEnXogo

Os domingos pola noite, de 23:00 a 00:00 h, a Radio Galega pon en marcha o proxecto #GaliciaEnXogo con atención ao mundo do motor na primeira media hora e, a partir das 23:30 h, co seguimento á actividade dos deportistas galegos que preparan os Xogos Olímpicos dos Ánxeles 2028.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade