div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Os medios públicos galegos anticipan xa esta semana contidos divulgativos e de ficción sobre a eclipse

TVG e Radio Galega farán o 12 de agosto unha cobertura especial, desde o faro de Mera (Oleiros) e Ribadeo, con conexións nas catro provincias

O luns 10 porase en marcha a canle ‘FAST especial Eclipse’, con emisión ininterrompida durante 72 horas, en AGalega.gal

Na plataforma dixital poderase seguir o fenómeno astronómico desde diferentes puntos de Galicia cunha proposta multicámara para escoller en tempo real entre varios sinais
 

csag.gal 05/08/2026 10:30

Santiago, 05.08.2026.-   O documental ‘Un intre diante do sol’ e a miniserie de misterio francesa ‘A eclipse’ estrean esta semana a programación especial da Galega arredor da eclipse, en AGalega.gal e na G2. A estes primeiros contidos seguirá unha cobertura integral do fenómeno en TVG, Radio Galega e as súas canles dixitais.

Ademais a Corporación pon en marcha, en AGalega.gal e YouTube, unha canle FAST especial dedicada á eclipse total de Sol, con emisión ininterrompida de 72 horas, desde o luns 10 ata o mércores 12. Esta canle emitirá contidos de divulgación científica, directos, entrevistas e reportaxes, videopodcast, documentais e ficción arredor da astronomía e da exploración espacial. Ademais, a canle FAST retransmitirá en exclusiva as xornadas internacionais New Frontiers in Cosmology desde A Coruña os días 10 e 11.

As entrevistas e conversas con voces destacadas da ciencia e da divulgación, a xornalista María Solar falará con Jorge Mira, Minia Manteiga, Olalla López Costas e Xabier Pérez Couto. A oferta completarase con entrevistas a Óscar Blanco, Xosé Anxo Docobo e Igor Piñeiro, ademais dos videopodcast ‘As eclipses na historia do cine’, con Moncho Lemos, e ‘Lambóns de viaxe’, con Carlos García-Verdugo.

O día 12 a TVG permitirá seguir o fenómeno desde distintos puntos de Galicia e o longo de toda a xornada. O momento central será o ‘Especial eclipse’ (19:15 h), coincidindo coa fase decisiva do fenómeno. Presentado por Pablo Muñoz e Sabela Romar, o programa terá como escenario principal o faro de Mera, en Oleiros, cun amplo dispositivo de directos por toda Galicia. Entre outros, o Monte de San Pedro, as praias de Riazor e Orzán, o estadio de Riazor, a praia das Catedrais, a Muralla de Lugo, a Cidade da Cultura, o faro de Fisterra, o Altar do Sol de Lalín, Trevinca e a ría de Vigo. A emisión contará tamén con sinais permanentes do Sol desde diferentes puntos de Galicia, ademais de cámaras especiais e drons en directo coa imaxe do momento da ocultación total. Este especial contará coa análise de expertos como Jorge Mira, Minia Manteiga, Daniel Galán Diéguez e Mercedes Camiña.

A programación comezará xa pola mañá co informativo ‘Bos días’, e trasladarase a Mera nun ‘Telexornal mediodía’ ampliado que seguirá en directo como se van enchendo os principais puntos de observación, e con especial atención á situación do tráfico e aos dispositivos de seguridade.

Ribadeo será o outro gran escenario da xornada. Desde alí emitiranse as dúas edicións de ‘Hora eclipse’, pola mañá e pola tarde. E de noite, tras o Trofeo Teresa Herrera de fútbol, co Deportivo-Real Madrid, a praia das Catedrais acollerá ‘Eclipse Fest’, unha celebración coa enerxía de Panorama City, 9Louro e Francisco que prolongará a programación especial ata ben entrada a madrugada

Proposta multicámara para elixir escenario
  
AGalega.gal permitirá acceder a unha experiencia específica para seguir o evento cunha proposta multicámara e escoller en tempo real entre varios sinais do dispositivo da Corporación. Poderase ademais descargar secuencias en formato time-lapse xeradas a partir das distintas cámaras e compartilas nas redes sociais. 

E a canle programa este vindeiro domingo ‘España baixo a eclipse total’, unha produción de Somadrome para FORTA que aborda, con científicos, institucións e afeccionados, tanto a dimensión científica do fenómeno como os retos organizativos, de seguridade e mobilidade que implica un acontecemento destas características. O domingo a TVG estreará tamén ‘Segredos da eclipse’, un novo documental arredor do acontecemento astronómico.  

Radio Galega

A Radio Galega súmase á despregadura cunha programación especial. Kiko Novoa e Isabel Pichel estarán á fronte desta emisión, acompañados por expertos como Jorge Mira e Borja Tosar, que achegarán as claves científicas e divulgativas necesarias para comprender e seguir o fenómeno. Ademais, todos os informativos e programas da emisora adaptarán os seus contidos a este acontecemento e incorporarán información, entrevistas, divulgación e conexións permanentes para vivir a eclipse.

A campaña ‘A ECLIPSE, MELLOR Á GALEGA’, protagonizada polo baloncestista galego Fernando Romay, está a difundir esta cobertura de altura arredor do fenómeno astronómico, cun ambicioso dispositivo de produción. A ampla despregadura de medios da Corporación inclúe a produción dunha das pezas da programación especial no Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior plató virtual de España, con tecnoloxías de realidade aumentada, realidade virtual e realidade estendida mediante pantallas LED 4K de gran formato, e que está integrado en Pedralonga Estudios, na Cidade das TIC, o hub de produción audiovisual integral máis avanzado de Europa.



 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade