div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Os documentais 'Viva Mary' e 'Vémonos en Kosovo', estreas destacadas en AGalega.gal estes primeiros días de xuño

Están protagonizados, respectivamente, por unha muller de 90 anos cunha vida marcada pola creación artística, a docencia e o feminismo, e polo regreso da xornalista galega Ana Expósito, 20 anos despois da guerra, a un Kosovo libre

A plataforma da CSAG ofrecerá en directo o día 11 a xornada ‘O profesional sénior nos medios públicos en 2035’, e incluirá no seu catálogo as películas ‘Débeda de honor’, ‘O fantasma do Open’, ‘Pais e nais’ e ‘Madeleine Collins’

csag.gal 03/06/2026 10:57

Santiago, 03.06.2026.-    AGalega.gal continúa ampliando o seu catálogo coa incorporación de todas as estreas e programas destacados da TVG, consolidándose como o espazo de referencia para acceder á oferta audiovisual pública galega cando e onde a audiencia queira.

Ademais, durante as vindeiras semanas, a plataforma dixital da CSAG ofrecerá unha selección de contidos destacados que inclúe documentais, cinema internacional e retransmisións en directo. Así, este mércores estréase, en versión orixinal con subtítulos en galego, a longametraxe documental ‘Viva Mary’, que se achega á figura dunha muller de 90 anos cunha vida marcada pola creación artística, a docencia, o feminismo e a paixón por viaxar. A través das súas lembranzas e reflexións, o filme constrúe un retrato íntimo sobre a liberdade, o paso do tempo e a capacidade de seguir soñando.

O mércores seguinte, 10 de xuño, chegará a AGalega.gal ‘Vémonos en Kosovo’, unha miniserie documental de dous capítulos en que a xornalista galega Ana Expósito regresa 20 anos despois da guerra a un Kosovo libre, pero con feridas visibles que aínda non pecharon.

O catálogo de cinema da plataforma tamén se ampliará durante estes días coas películas ‘Débeda de honor’ (4 de xuño), que relata a perigosa viaxe de Mary Bee Cuddy desde Nebraska ata Iowa para acompañar tres mulleres que perderon o xuízo; ‘O fantasma do Open’ (5 de xuño), comedia dramática baseada na historia real dun traballador británico que, sen experiencia previa, decide participar nun dos torneos de golf máis prestixiosos do mundo; ‘Pais e nais’ (11 de xuño), unha comedia sobre unha parella que intenta integrarse na comunidade educativa da nova escola da súa filla, e ‘Madeleine Collins’ (12 de xuño), un thriller dramático protagonizado por unha muller que mantén dúas vidas paralelas entre Francia e Suíza. Todas elas estarán dispoñibles durante 30 días.

Ademais, o xoves 11 de xuño AGalega.gal ofrecerá en directo a xornada ‘O profesional sénior nos medios públicos en 2035’, un encontro organizado pola Universidade de Santiago de Compostela, a CSAG e a FORTA. Responsables de Innovación e Transformación das doce canles de televisión que forman a FORTA, docentes universitarios e especialistas do sector debaterán nesta xornada, en que se escoitará tamén a voz dos profesionais júnior e estudantes en prácticas, sobre a xeración que exercerá como sénior en 2035. Deste xeito combinarase a visión institucional e estratéxica desde o interior dos medios coa perspectiva dos formadores e dos profesionais máis novos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade