O programa 'Luar' contará este venres coas actuacións de Shaila Dúrcal e de Tinho Vaamonde - CSAG
O programa 'Luar' contará este venres coas actuacións de Shaila Dúrcal e de Tinho Vaamonde
Tamén pasarán polo escenario a orquestra Marbella e a Banda de Acordeóns Metropolitana de Vigo

Santiago, 13.11.2026.- O programa ‘Luar’ (21:45 h) contará hoxe coa presenza dunha das voces máis recoñecidas do panorama hispano, Shaila Dúrcal, a filla máis nova de Rocío Dúrcal e Junior, que iniciou a súa carreira musical á sombra da súa nai e despois continuou como solista, encadeando desde entón éxito tras éxito. Shaila consolidou a súa traxectoria a ambas beiras do Atlántico no eido da música rancheira e pop, e deulle continuidade ao legado da súa familia, con éxitos e homenaxes que a converten nunha figura moi querida polo público.
Tamén está convidado ao ‘Luar’ deste venres Tinho Vaamonde, músico e cantante coruñés formado en canto lírico e jazz. Compositor desde os 15 anos, desenvolveu a súa traxectoria en diferentes bandas antes do seu exitoso paso por ‘Operación Triunfo’. Agora comeza unha nova etapa na súa carreira con ‘Pensando en ti’, primeiro adianto do seu primeiro álbum en solitario, un sinxelo que se sitúa na vertente máis roqueira que sempre o definiu.
Ademais, pasarán polo escenario a orquestra Marbella e a Banda de Acordeóns Metropolitana de Vigo, que o ano pasado gañou o 75ª Trofeo Mundial do Acordeón celebrado en Francia.
No tempo do concurso de talentos ‘Recantos’, esta semana chega a quenda de Iria Álvarez, procedente da comarca Noia-O Barbanza, e de Álex Villasuso, representando a Terras da Coruña.