O programa 'Expediente Oculto' analiza esta noite o perfil do asasino en serie Antonio Gali Balaguer - CSAG
O programa 'Expediente Oculto' analiza esta noite o perfil do asasino en serie Antonio Gali Balaguer
O espazo da TVG presentado por Patricia Abet (22:45 h) tamén porá o foco nas familias vinculadas á delincuencia

Santiago, 16.11.2026.- En ‘Expediente Oculto’, abordarase esta semana, coa axuda do catedrático de Criminoloxía Jorge Sobral, o perfil criminal máis perigoso: o dos asasinos en serie. Este é o caso do valenciano Antonio Gali Balaguer, protagonista do programa desta noite, que viviu nunha aldea galega e que acumula tres delitos de sangue.
O espazo presentado por Patricia Abet indagará na psique deste depredador e analizará o asasinato da súa última vítima, Aurora Dacunha Brito, unha muller, nai de dous fillos, que exercía a prostitución en Ourense e a quen matou en novembro de 2005 nunha paraxe apartada do municipio de Maside.
A continuación, ‘Expediente Oculto’ porá o foco nas familias vinculadas á delincuencia, analizando como os lazos de sangue acaban converténdose en verdadeiras bandas criminais, cos roles perfectamente definidos, que fan que funcione unha maquinaria moi ben engraxada. Como verán os espectadores, a venda de droga é transversal nestes casos, co tráfico polo miúdo como xeito de vida, son itinerantes e utilizan o medo como elemento de presión.
Para abordar estes asuntos, ademais de Jorge Sobral, o programa contará coa presenza dos colaboradores Xosé Antonio Vázquez Taín, Elena Villanueva, Raquel Ares e Antón López.