div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

O partido España-Portugal centra o ‘Galicia en goles’ deste luns na Radio Galega e AGalegaAudio.gal

Desde as sete e media da tarde e ata as doce da noite, edición especial polos oitavos de final

csag.gal 05/07/2026 19:00

Santiago, 5.7.2026.-    A Radio Galega e AGalegaAudio.gal ofrecerán este luns unha edición especial de ‘Galicia en goles’ coa retransmisión do partido España-Portugal, correspondente aos oitavos de final do Mundial 2026. O programa comeza ás sete e media da tarde e prolongarase ata a medianoite, baixo a dirección de Lucía Junquera, para contar todo o que suceda no AT&T Stadium de Dallas (Texas).

A selección española goleou a Austria por 3-0 con dous goles de Mikel Oyarzabal e un de Pedro Porro, nunha exhibición que confirmou o equipo de Luis de la Fuente como un dos grandes candidatos ao título. Pola súa banda, Portugal superou a Croacia por 2-1 nun partido moi polémico, definido nos instantes finais coa intervención do VAR. Cristiano Ronaldo igualou desde o punto de penalti e Gonçalo Ramos selou o billete luso cunha cabezada no minuto 93, antes de que o árbitro anulase un tanto de Gvardiol que forzaría a prórroga.

Ata o momento, España e Portugal enfrontáronse en dúas ocasións na Copa do Mundo. Hai dezaseis anos en Suráfrica, tamén na rolda de oitavos de final, vitoria por 1-0 con gol de David Villa. Hai oito anos, na fase de grupos en Rusia, empate a tres goles, con hat-trick de Cristiano Ronaldo. O enfrontamento máis recente foi o ano pasado en Alemaña, na final da Nations League, con vitoria lusa no desempate dos penaltis tras o fallo no último lanzamento do dianteiro Álvaro Morata.

Este verán, a Radio Galega e AGalegaAudio.gal programan ‘Galicia en goles’ cando xoga a selección española no Mundial. De superar esta eliminatoria, a actual campioa de Europa volvería actuar o venres 10 de xullo ante a anfitrioa, os Estados Unidos, ou Bélxica. Unha vez que remate o campionato, o equipo de deportes continuará contando a actualidade nos meses de vacacións con edicións informativas os venres ás dez da noite, ademais dos sábados e os domingos ás dúas e ás oito da tarde. O calendario de pretemporada dos nosos equipos, xunto ás competicións típicas da temporada como a Liga ACT e a Liga Galega de traiñeiras son os contidos principais do espazo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade