div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

O novo programa 'Velo para crelo' e o documental 'Mulleres da raia', estreas da semana en AGalega.gal

Coa primeira das propostas, David Vilares percorrerá Galicia para descubrir historias reais e extraordinarias, mentres que o filme de Diana Gonçalves recupera a memoria das mulleres que protagonizaron o contrabando na fronteira entre Galicia e Portugal

Novas entregas de ‘Amor con interese’, ‘BenLidos’ e ‘Sexo con Senso’ e a incorporación das películas ‘Bendita loucura’ e ‘Club de pais’ completan a oferta da plataforma dixital da CSAG

csag.gal 20/10/2026 09:00

Santiago, 20.10.2026.-    A plataforma AGalega.gal seguirá incorporando esta semana as novidades da grella da TVG, xunto con novas propostas de entretemento, divulgación, documentais e cine.

Entre os contidos destacados está a estrea, este martes, de ‘Velo para crelo’, novo formato seleccionado na última convocatoria de proxectos dixitais da CSAG. Presentado por David Vilares, percorrerá Galicia para descubrir historias reais, curiosas e extraordinarias. Cun ton humorístico, ritmo dinámico e moita retranca, porá a proba relatos sorprendentes e achegará personaxes, lugares e tradicións que demostran que a realidade pode superar as expectativas. Estarán dispoñibles todos os episodios da serie.

O mércores chegará a AGalega.gal ‘Mulleres na raia’, documental de Diana Gonçalves que recupera a memoria das mulleres que protagonizaron o contrabando e a emigración clandestina na fronteira entre Galicia e Portugal. A través dos testemuños das protagonistas, a película retrata a súa loita pola supervivencia e a das súas familias en tempos difíciles, cando transportaban mercadorías e outros produtos entre os dous lados da raia, afrontando os perigos e as dificultades da actividade.

A xornada completarase cun novo capítulo de ‘Amor con interese’. Nesta entrega, coñecerase a decisión de Miguel García e incorporarase a influencer Mia Skler, que chega ao programa coa intención de atopar unha parella á súa altura e convencida de que descubrirá quen é o cibercarracho.

Ao día seguinte, o xoves 22, porase á disposición un novo capítulo e ‘BenLidos’, o espazo de divulgación literaria presentado por Alba Mancebo, que lle dedica esta nova entrega a ‘Unha primavera para Aldara’, obra teatral de Teresa Moure, gañadora do Premio Rafael Dieste en 2007. Ambientada na Galicia do século XV, durante as Revoltas Irmandiñas, a peza cuestiona as normas sociais e as relacións de poder a través dunha historia que conecta os conflitos do pasado con cuestións vixentes na actualidade.

A oferta cinematográfica dese día incluirá ‘Bendita loucura’, unha comedia italiana protagonizada por Guglielmo Pantalei, un empresario romano dedicado á venda de artigos relixiosos, que, tras atravesar unha crise coa súa muller, coñece a Luna, unha moza que transforma a súa vida. O filme estará dispoñible durante 30 días.

O venres 23 de outubro ofrecerase unha nova entrega de ‘Sexo con senso’, o programa de divulgación sobre sexualidade presentado pola matrona Lidia Lestegás. O capítulo abordará a relación entre amor e sexualidade e lembra que, aínda que están vinculados, non sempre van da man. Tamén explorará a diversidade e a evolución das formas de vivir as relacións e o desexo.

Finalmente, AGalega.gal incorporará o sábado ao seu catálogo a comedia francesa ‘Club de pais’, protagonizada por Vincent, un home que pasa de coidar mascotas a facerse cargo de Bart, un neno de primaria. A súa nova responsabilidade introdúceo no peculiar universo das asociacións de nais e pais, entre reunións, actividades extraescolares e festas escolares. Unha experiencia que o levará a descubrir unha nova faceta de si mesmo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade