O novo programa 'O campo é noso' chega este luns á TVG para descubrir o medio rural galego como nunca antes se vira - CSAG
O novo programa 'O campo é noso' chega este luns á TVG para descubrir o medio rural galego como nunca antes se vira
O formato, que triunfou noutras televisións autonómicas, aposta pola proximidade, o humor e a autenticidade para amosar o traballo e as historias das persoas que viven do campo e do mar

Santiago, 23.10.2026.- A Televisión de Galicia estrea este luns, ás 19:30 h, ‘O campo é noso’, un novo programa dedicado ao sector primario galego que amosará as historias e o traballo das persoas que viven do campo e do mar. O formato, que xa triunfou noutras televisións autonómicas, aposta pola proximidade, o humor e a autenticidade para achegarlles aos espectadores unha visión diferente do rural galego.
Lonxe dos tópicos e das visións tradicionais do campo, o programa propón unha ollada fresca, dinámica e entretida sobre a vida das persoas que traballan na agricultura, na gandaría e no mar. Unha oportunidade para descubrir como é o seu día a día, pero tamén para coñecer as súas inquedanzas, os seus soños, as súas relacións persoais e as súas formas de entender a vida.
Deste xeito, ‘O campo é noso’ poralles cara e voz a homes e mulleres que representan un sector primario vivo, diverso e en constante transformación. Persoas que, ademais de traballar, tamén se divirten, discuten, fan plans de futuro e protagonizan situacións tan sorprendentes como divertidas. O programa amosará un mundo cheo de actividade, de retos e de oportunidades, nun sector en que conviven a tradición e a innovación, en que hai espazo para o esforzo, pero tamén para o humor, as amizades e as pequenas aventuras de cada día.
Un elenco de protagonistas novos con moito que contar
O programa percorrerá diferentes puntos da xeografía galega da man dun grupo de protagonistas que abrirán as portas das súas explotacións, dos seus negocios e, sobre todo, das súas vidas. Todos son xente nova que representa o relevo xeracional dun sector moi vivo. Entre eles estarán Lucía Casal, unha moza gandeira de Melide; Víctor Bascoy, que amosará os segredos e as rutinas dunha explotación leiteira; Saúl Rouco, un mozo de Vilalba que cría porcos nunha fraga e que ten unha maneira moi particular de entender a vida no campo; Aitor Jamardo, que traballa a horta en Romai; Aitor Lata, dedicado ao cultivo de produtos como as sandías en Cesuras, e Manuel Vázquez, vinculado ao mundo do viño e á produción de uva godello en Castrelo do Val. O mar tamén terá un papel destacado coa presenza de María Maceiras, que achegará os espectadores á realidade do marisqueo, un oficio tan esixente como descoñecido para boa parte do público.
‘O campo é noso’ adapta á realidade galega unha fórmula televisiva que xa demostrou a súa capacidade para conectar co público noutras televisións autonómicas, especialmente en Aragón TV, onde ‘El campo es nuestro’ se converteu nun dos formatos máis recoñecibles da súa programación.
A combinación de historias reais, personaxes carismáticos, humor e proximidade é unha das claves dun formato que consegue achegar o campo a públicos de todas as idades. A versión galega manterá esa esencia, pero cunha identidade propia, marcada pola diversidade do territorio, a riqueza dos seus oficios e, especialmente, polo carácter dos seus protagonistas.