O 'Land Rober Tunai Show' estrea temporada liderando o 'prime time' en Galicia - CSAG
O 'Land Rober Tunai Show' estrea temporada liderando o 'prime time' en Galicia
Cun 14,4% de cota de pantalla, o programa da Galega impúxose a rivais como ‘La Revuelta’ (RTVE) e ‘El Hormiguero’ (Antena 3TV)
A audiencia da franxa de prime time foi do 12,7% e a do total do día do 9,7%

Santiago, 12.09.2025.- A Televisión de Galicia arrincou con forza a súa nova temporada de entretemento. A estrea do ‘Land Rober Tunai Show’ converteuse onte no líder indiscutible do prime time galego cun 14,4% de audiencia, superando os seus competidores directos, ‘La Revuelta’ en RTVE e ‘El Hormiguero’ en Antena 3.
O espazo presentado por Roberto Vilar e Eva Iglesias regresaba tras o verán cun cartel de convidados no que destacaron o doutor Manuel Viso e o presentador da Galega Juan Fuentes. A nova etapa promete novidades e sorpresas, consolidando o formato como unha das grandes referencias de entretemento da canle.
A boa resposta do público non quedou só no programa estrela: a audiencia da franxa de prime time da TVG foi do 12,7%, mentres que o conxunto do día acadou o 9,7%, con boa parte da grella superando os dous díxitos.
Un outono cargado de novidades na Galega
Este éxito marca o punto de partida da programación de outono da Televisión de Galicia, que será presentada oficialmente este venres no programa ‘Luar’ (21.45 h) cunha gala especial. A aposta da canle combina proximidade coa audiencia, innovación nos formatos e reforzo da identidade cultural galega, buscando conectar coa súa audiencia en todas as franxas.