div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

O ‘Galicia en goles’ retransmite esta fin de semana o regreso da Liga de fútbol cos partidos Celta-Valencia e Deportivo-Cádiz

Breogán-Unicaja, o sábado pola noite desde o Pazo de Lugo

csag.gal 01/01/2026 15:00

Santiago, 1.1.2026.-   O ‘Galicia en goles’ entra no 2026 cunha apertada axenda de retransmisións. O venres, ás oito e media do serán, Roberto Carlos Carballo conduce a primeira edición do aninovo coa análise do calendario galego, falando cos especialistas dos nosos equipos e ofrecendo as roldas de previa dos adestradores.

O sábado, o programa adianta o comezo ás dúas menos cuarto da tarde para situar á audiencia no Celta-Valencia que se disputa no estadio de Balaídos. Malia quedar eliminado na Copa do Rei, o equipo de Claudio Giráldez rematou o 2025 con opcións de continuar na Europa League e o máis importante, sétimo na clasificación da Primeira División. O rival, mentres, trata de escapar da zona perigosa e unha derrota en Vigo podería colocalo nos postos de descenso. Outra das citas destacadas do día é o derbi de históricos en Pasarón na Primeira RFEF, co enfrontamento entre o Pontevedra e o Rácing de Ferrol. Os dous ocupan postos de fase de ascenso ao fútbol profesional, pero a tendencia granate vai cara arriba en tanto que os departamentais non acaban de acomodarse na categoría tras o descenso do pasado curso. Por último, o Ourense C. F. recibe no Couto o Avilés, co único obxectivo a partir de agora de consolidarse na división despois de ter que compaxinar Liga e Copa no último trimestre do ano. Ademais, os oíntes poderán escoitar durante a tarde aos protagonistas do partido matinal que disputan no Anxo Carro o Club Deportivo Lugo e o Mérida.

O baloncesto tamén estará presente o sábado pola noite na sintonía da Radio Galega e de AGalegaAudio.gal coa retransmisión desde o Pazo de Lugo do partido entre o Breogán e o Unicaja Málaga. As últimas derrotas ante o Joventut e o Baskonia reduciron as opcións galegas de entrar na Copa, pero un triunfo ante os andaluces abriría de novo todas as opcións matemáticas.

Xa o domingo, a edición matinal principia ás doce co fútbol e o baloncesto como protagonistas. Destaca o encontro de filiais no Alfredo Di Stefano entre o Real Madrid Castela e o Celta Fortuna, dous candidatos ao ascenso. Mentres, o Arenteiro quere seguir a serie de vitorias no Príncipe Felipe ante o Cacereño. Na Segunda RFEF, a atención estará posta no anexo ao José Zorrilla coa visita do líder, o Fabril Deportivo, ao filial do Real Valladolid.

O Basquet Coruña xoga no Coliseum ante o Cantabria coa presión de que o Obradoiro xa está a unha vitoria do liderado, polo que non pode fallar para seguir ao mando da categoría.

A sesión de tarde estará en antena a partir das dúas e cuarto, primeiro co fútbol da Segunda RFEF e o derbi na Ribela entre a Sarriana e o Bergantiños. A Unión Deportiva Ourense visita o Sámano e o Coruxo recibe o Burgos Promesas no Vao. Tamén haberá seguimento ao baloncesto da FEB coas saídas do Obradoiro a Palencia e do Ourense á pista do Estudiantes xunto ao Baxi Ferrol-Joventut da competición feminina.

Pola noite, o estadio municipal de Riazor será o último punto de directo do domingo coa retransmisión do encontro da Segunda División entre o Deportivo da Coruña e o Cádiz. O equipo herculino acaba de reforzarse coa chegada do porteiro Álvaro, procedente do Sevilla, e o defensa Altimira, ata hai uns días no Vilarreal. O mes de xaneiro vai ser complexo porque todos os rivais son candidatos ao ascenso: Cádiz, As Palmas, Almería e Rácing de Santander. Ademais terá que afrontar a eliminatoria da Copa do Rei, na que é posible que o rival sexa un dos participantes na Supercopa de España que se disputa a próxima semana en Arabia.

                                                                                 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade