div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

O ‘Galicia en goles’ retransmite esta fin de semana o Penafiel-Deportivo e o Celta Fortuna-Sabadell

A Radio Galega e AGalegaAudio.gal adican unha ampla despregadura ao comezo da Liga ACB de baloncesto

csag.gal 25/09/2026 07:00

Santiago, 25.9.2026.-  A Radio Galega e AGalegaAudio.gal preparan unha nova fin de semana de máxima intensidade deportiva con ‘Galicia en goles’, que volverá converter a antena da emisora pública nunha gran ventá ao deporte galego desde a tarde do venres ata a noite do domingo.

A programación de retransmisións principia o venres, ás oito da tarde, co Penafiel-Deportivo, un amigable que vai moito máis alá dun simple partido de preparación. O encontro, que se disputará no Estadio 25 de Abril, enmárcase na relación que manteñen as dúas entidades e permitirá reforzar os vínculos institucionais entre os dous clubs. Será tamén unha oportunidade para comprobar a evolución dun Dépor que chega á parada ligueira coas lesións de Casadó e Aubameyang.

O sábado ‘Galicia en goles’ emitirase entre as dúas e cuarto da tarde e as doce da noite. Un dos focos estará en Balaídos co Celta Fortuna-Sabadell, correspondente á sétima xornada da Segunda División. O filial celeste chega ao encontro con 7 puntos en seis partidos, mentres que o Sabadell suma 11 puntos, con tres vitorias, dous empates e unha derrota. 

A tarde de fútbol na Primeira Federación reserva no Anxo Carro o derbi Lugo-Rácing de Ferrol. O conxunto lucense chega á cita instalado no grupo de cabeza: suma 10 puntos tras catro xornadas, con tres vitorias e un empate. O Rácing, pola súa banda, acumula sete puntos, despois de dous triunfos, un empate e unha derrota. Ao remate, a atención desprazarase a Abegondo para o Deportivo Fabril-Real Unión. O filial deportivista chega con cinco puntos tras catro xornadas, mentres que o Real Unión suma sete.

O baloncesto estará presente coa xornada inaugural da Liga Endesa. O Obradoiro visita Andorra no seu regreso á elite con incorporacións como Leo Meindl e Joel Soriano. Tamén o Basquet Coruña inicia o curso a domicilio, enfrontándose ao Barça no Palau.

Xa o domingo, a Radio Galega ofrecerá a retransmisión do Breogán-Joventut, desde o Pazo dos Deportes de Lugo, a partir das doce menos cuarto. Durante a mañá haberá conexións co fútbol de Primeira RFEF no Couto, onde a U. D. Ourense recibe ao Cacereño. Moi preto, en Oira, o Auriense inicia ante o San José a previa da Copa do Rei. A eliminatoria ten o premio de xogar a próxima rolda ante un equipo da Primeira División.

A partir das dúas e cuarto, o ‘Galicia en goles’ seguirá o Deportivo-Español da Primeira F, xunto ao Pontevedra-Ponferradina de Primeira RFEF e todo o calendario da segunda e terceiras categorías dependentes da Federación Española de Fútbol.

Durante toda a fin de semana, o equipo deportivo estará moi pendente do que pase en Pontevedra, onde se disputan as Series Mundiais de tríatlon. As probas elite celébranse durante as tardes da fin de semana, o sábado as da categoría feminina e o domingo é a quenda para a masculina. Desde o mércores, máis de cinco mil atletas participan nesta competición de primeiro nivel internacional.

Na última hora de emisión, contra as once da noite, Rodrigo Pérez analizará cos protagonistas o rally do Carballiño, proba que pecha o campionato galego. Ás once e media, Toni López repasará dentro do proxecto que leva o cancelo #GaliciaEnXogo a actualidade dos galegos que preparan os Xogos dos Ánxeles 2028.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade