O espazo 'Os crononautas' viaxa este xoves pola historia das mulleres que axudaron a construír Galicia - CSAG
O espazo 'Os crononautas' viaxa este xoves pola historia das mulleres que axudaron a construír Galicia
O percorrido irá desde os inicios da nosa historia ata as grandes transformacións sociais e culturais do país, con nomes destacados como Exeria, Isabel Zendal, Concepción Arenal, Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán

Santiago, 5.11.2026.- Trisha Fernández e David Vilares, ‘Os Crononautas’ da TVG, percorrerán este xoves (22:50 h) diferentes momentos da historia de Galicia para coñecer a traxectoria de mulleres que desempeñaron un papel relevante en ámbitos como a cultura, a educación, a ciencia e a acción social.
Durante séculos, a historia escribiuse case sempre en masculino. Pero, mentres os homes marchaban á guerra, ao mar ou á emigración, Galicia quedaba nas mans delas. E é que esta é unha terra de mulleres que nunca pediron permiso para facer historia. Mulleres que sostiveron casas, criaron familias, defenderon cidades e tamén romperon as normas do seu tempo. Cambiaron a nosa cultura, a política e a forma de entender o mundo, mentres ao seu arredor moitos intentaban deixalas en silencio.
O programa viaxará pola historia das mulleres que axudaron a construír Galicia, un percorrido desde os inicios da nosa historia ata as grandes transformacións sociais e culturais do país. Os espectadores coñecerán mulleres que se enfrontaron ao poder e outras que aprenderon a utilizalo. Historias de valentía, de resistencia e tamén de silencios impostos, de mulleres que tiveron que conquistar o seu lugar nun mundo que poucas veces lles permitiu ocupalo.
Deste xeito, ao longo da viaxe, ‘Os Crononautas’ achegaranse a figuras como Exeria, Isabel Zendal, Concepción Arenal, Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán, e descubrirán a súa contribución á historia de Galicia en distintas épocas.