O equipo de 'Galicia Bonita' emprende esta semana a reforma do refuxio de animais Vacaloura, en Arzúa - CSAG
O equipo de 'Galicia Bonita' emprende esta semana a reforma do refuxio de animais Vacaloura, en Arzúa
O lugar dispón dunhas instalacións envexables para todo tipo de especies, pero para as persoas a cousa cambia bastante

Santiago, 13.10.2026.- O espazo singular onde pasará a semana o equipo de ‘Galicia Bonita’ (22:50 h) non os librará de multitude de dificultades. O refuxio de animais Vacaloura, en Arzúa, dispón dunhas instalacións envexables para todo tipo de especies, mais para as persoas como Inés, a súa directora, o conto cambia bastante.
Neste santuario animal, situado nun terreo que antigamente era unha granxa e afastado dos grandes núcleos de poboación, gozan dunha segunda vida máis de 200 animais dunha ducia de especies, entre cans, vacas, touros, ovellas, cabras, gansos, parrulos, galiñas, coellos, pombos, porcos, etc. Pero toda a boa intención que puxo Inés nos seus habitantes non chegou á terrible vivenda pegada ao refuxio.
En Vacaloura investiron todos os recursos e as forzas nas instalacións para os animais, e ata agora fixeron o santuario habitable para vivir alí, seguir traballando e levar os animais, pero as cousas dos humanos quedaron bastante mal. Hai que pintar as fachadas, darlles unha volta ás portas, unificar, etc. Ese é hoxe o reto de Rosa Facal e os seus axudantes.