div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

O derbi galego entre o Obradoiro e o COB Ourense, este venres en directo na G2 e AGalega.gal

O domingo serán protagonistas na segunda canle o fútbol e o Mundial de Motocrós, coa retransmisión do partido Athlétic B-Rácing de Ferrol e do Gran Premio de Trentino

csag.gal 16/04/2026 17:09

Santiago, 16.04.2026.-   A Televisión de Galicia ofrecerá esta fin de semana unha completa programación deportiva en directo a través da G2 e da plataforma dixital AGalega.gal, con especial atención ás competicións nacionais e internacionais de primeiro nivel.

A actividade comezará hoxe venres ás 20:00 h coa emisión do derbi galego de baloncesto entre o Monbus Obradoiro e o Club Ourense Baloncesto, un encontro que reúne dous dos principais representantes do baloncesto galego nun momento clave da temporada. Os santiagueses dependen de si para regresar á Liga ACB, despois da traballada vitoria da semana pasada no Coliseum ante o Básquet Coruña. Mentres, o equipo das Burgas apura as últimas opcións matemáticas para entrar nos postos que dan dereito a disputar os playoff.

O sábado, a partir das 15:45 h a través da G2 e de AGalega.gal, será a quenda do ciclismo, coa retransmisión da etapa final da Volta O Gran Camiño, unha proba xa consolidada no calendario internacional e que contará cos mellores especialistas loitando pola vitoria na clasificación xeral.

Xa o domingo, a xornada arrancará ás 12.00 h co partido de fútbol entre o Athlétic Club B e o Rácing de Ferrol, que se emitirá pola G2. Á mesma hora, a plataforma AGalega.gal ofrecerá o encontro de balonmán da European Cup entre o Málaga e o Atlético Guardés, na apertura das semifinais, que se resolverán o próximo sábado no pavillón da Sangriña.

A partir das 14:00 e das 17:00 h, os afeccionados ao motor poderán gozar do espectáculo do Mundial de Motocrós MXGP, co Gran Premio de Trentino, unha das citas máis esixentes do calendario internacional, que se poderá seguir tanto pola G2 como en AGalega.gal. O vigués Rubén Fernández chega a esta cita tras obter a fin de semana pasada o quinto posto en Sardeña e ascendendo ata a sétima praza na clasificación xeral.

A tarde do domingo completarase cun multifútbol da Segunda RFEF en exclusiva por AGalega.gal, que permitirá seguir en directo os encontros U. D. Ourense-Lealtad S. D., Sarriana-Marino de Luanco e Coruxo-Raio Cantabria, ofrecendo conexións simultáneas para non perder detalle do que aconteza nos distintos campos.

‘En Xogo’

O programa deportivo ‘En Xogo’ regresa este domingo cunha nova edición cargada de análise e actualidade, baixo a condución de Gustavo Varela e coa participación de Roberto Lago, Dani Mallo e Xabier Rodríguez Campos.

O espazo emitirase ás 22:25 h na G2 e, xa pasada a medianoite, tamén poderá verse na primeira canle da Televisión de Galicia, ofrecendo unha completa análise do máis destacado da xornada futbolística.

Nesta ocasión, o protagonismo recaerá especialmente nas competicións das ligas da RFEF, con resumo e debate arredor dos principais encontros con presenza galega. O programa tamén porá o foco na previa dun dos partidos máis agardados da Segunda División, o enfrontamento entre o Deportivo da Coruña e o C. D. Mirandés programado para a noite do luns en Riazor.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade