O Baxi Ferrol-Sosnowiec de Polonia pecha este mércores na G2 e AGalega.gal a primeira fase da Eurocup de baloncesto - CSAG
O Baxi Ferrol-Sosnowiec de Polonia pecha este mércores na G2 e AGalega.gal a primeira fase da Eurocup de baloncesto
O partido comeza ás oito e cuarto do serán, no pavillón da Malata

Santiago, 25.11.2025.- Co mes de novembro remata a primeira fase da Eurocup Women de baloncesto. O Baxi Ferrol ten asegurada a clasificación para as eliminatorias decisivas, pero para acceder como primeiro de grupo necesita non perder por máis de sete puntos ante o Zaglebie Sosnowiec de Polonia. Na primeira volta, o equipo departamental gañou por 83-90 nun partido que se decidiu no último cuarto.
A segunda canle da Televisión de Galicia e a plataforma AGalega.gal retransmiten a partir das oito e cuarto do serán deste mércores a sexta cita do calendario continental. Patricia Rodríguez Juste encargarase da narración do xogo, cos comentarios técnicos do especialista Edgar Paz.
O Baxi Ferrol é o líder sólido do grupo K da Eurocup Women, con cinco vitorias noutros tantos encontros. As polacas, mentres, teñen un triunfo menos xa que o único no que caeron foi ante a escuadra que prepara Lino López.
A temporada do conxunto galego en Europa é ata o momento espectacular, pero na Liga española non acaba de funcionar. A última derrota, a cuarta da temporada, déixao na décima praza da clasificación con tan só tres triunfos.
O Baxi Ferrol-Sosnowiec abre este mércores as retransmisións deportivas da semana. A seguinte será o sábado, ás catro e cuarto da tarde desde Lezama e pola G2, coa visita do Club Deportivo Lugo ao filial do Athlétic de Bilbao. A primeira canle emitirá ás seis e media, desde o Carlos Belmonte, o partido do líder da Segunda División, o Deportivo da Coruña, ante o Albacete.
A plataforma AGalega.gal reserva para a tarde do domingo o fútbol da Segunda Federación. Os afeccionados poderán vivir de xeito exclusivo e no formato multifútbol, a partir das cinco da tarde, o derbi na Ribela entre a Sarriana e o Fabril Deportivo xunto ao Bergantiños-Oviedo Vetusta no campo das Eiroas.