div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

O actor Tamar Novas e o cociñeiro Manuel Domínguez, anfitrión e convidado este domingo en 'A miña gran cidade', que visita Santiago

O artista picheleiro amosaralle ao chef ourensán a súa visión máis particular da capital galega co obxectivo de convencelo para quedar uns días

csag.gal 22/02/2026 02:00

Santiago, 22.02.2026.-    O programa deste sábado de ‘A miña gran cidade’ (22:50 h) terá como escenario Santiago de Compostela, a capital e epicentro político e cultural do país, onde converxen institucións, universidade, relixión e turismo coma en ningún outro sitio. Pero hai moito máis que peregrinos e estudantes. Un afamado picheleiro ensinaralle a súa visión máis persoal da cidade a un convidado sorpresa co obxectivo de convencelo de quedar uns días. A través de catro experiencias, o visitante coñecerá a Compostela do seu anfitrión. Pero ao final, a decisión está nas súas mans. Quedará en Santiago ou collerá o billete de volta?

O anfitrión de hoxe é un famoso actor que triunfa desde moi noviño no cine español, un artista que compartiu pantalla cos máis grandes e que ten o agarimo de público e crítica: Tamar Novas. Con só 11 anos probou sorte no cásting de ‘A lingua das bolboretas’ e a súa vida deu un xiro radical, ata chegar á escena internacional con ‘Mar adentro’, película pola que recibiu un Goya ao mellor actor revelación.

Recibirá de convidado un recoñecido cociñeiro ourensán, o primeiro galego en gañar unha estrela Michelín fóra do país: Manuel Domínguez, o chef das estrelas galegas en Madrid. Neto de taberneiros do Carballiño, comezou no oficio con 16 anos, botándolle sal e pemento ao polbo. Hai dúas décadas fundou Lúa, un restaurante convertido en punto de encontro para a comunidade galega da capital, onde ofrece unha reinterpretación da cociña tradicional galega con toques actuais.

Para conquistalo, Tamar ten preparado un paseo polo Ensanche compostelán, onde medrou esfolando os xeonllos entre balóns de fútbol e pelotas de béisbol. Para a segunda experiencia, pasarán da zona nova á vella para tomar uns viños en La Flor, un clásico moi transitado polos bohemios da cidade.

Ademais, ofreceralle ao seu convidado un xantar de luxo no Dezaseis, onde poderá degustar o seus marabillosos polbo á brasa e lacón con grelos. A xornada rematará cunha visita ao Museo do Pobo Galego, un espazo en que aprender moito sobre o noso país, o seu pasado e, sobre todo, a nosa identidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade