A voz e a música das cantareiras e pandereiteiras resoarán na TVG e a Radio Galega na Semana das Letras - CRTVG
A voz e a música das cantareiras e pandereiteiras resoarán na TVG e a Radio Galega na Semana das Letras
‘Os nomes da nosa terra’, ‘Pandeireta-tok’, ou a produción da RAG ‘Se canto é porque quero’ son algún dos contidos previstos
Televisión de Galicia emitirá cine galego ao longo da semana, coas multipremiadas ‘O corno’, ‘O corpo aberto’ e ‘Eroski Paraíso’
AGalega.gal, a plataforma dixital, reunirá os contidos na canle específica ‘Letras Galegas 2025’, accesible durante un mes

Santiago, 09.05.2025.- A CRTVG volve ser altofalante da celebración do Día das Letras Galegas cunha programación especial arredor da poesía popular oral e das figuras homenaxeadas este ano, as cantareiras Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira e as Pandeireteiras de Mens -Manuela Lema Villar e Prudencia e Asunción Garrido Ameijende-. A TVG e a G2 achegarán, a través de documentais, entrevistas e pezas recuperadas do Arquivo sonoro e audiovisual, a extraordinaria contribución do cancioneiro popular á cultura galega.
Os medios públicos farán un completo seguimento informativo dos actos conmemorativos do día 17. Os informativos e programas da CRTVG garantirán a cobertura completa da actualidade. O magazine ‘Galicia por diante’ da Radio Galega modificará a súa estrutura habitual e emitirase en colaboración co ‘Diario cultural’, cubrindo en directo os actos institucionais, como o pleno extraordinario da RAG e o acto oficial da Xunta de Galicia. Tamén contará con entrevistas a destacadas figuras da cultura galega.
O cultural ‘ZigZag’ emitirase no Día das Letras Galega na primeira canle da TVG. O equipo de cultura elaborou un monográfico especial sobre as cantareiras, recuperando a súa obra e vida no seu contexto histórico e cultural. O espazo contará coa participación de músicos, familiares, amigos, académicos e estudosos do cancioneiro popular, e abordará a pegada da poesía popular oral na xente máis moza e nas novas correntes musicais.
Para multiplicar a difusión, as canles dixitais e as redes sociais da CRTVG faranse eco da programación e da actualidade da semana. E a efeméride será, como cada ano, protagonista a nivel institucional dunha das #AcciónsG anuais dentro da Responsabilidade Social Corporativa da CRTVG.
‘Pandeireta-tok’, unha peza sobre a música tradicional vista polos mozos e os seus novos medios de difusión, así como a serie documental ‘Os nomes da nosa terra’ (A Illa de Arousa, A Serra do Cando, Rodeiro, Baiona) son algúns dos contidos previstos na TVG, xunto coa produción da Real Academia Galega ‘Se canto é porque quero’.
A voz e a música das homenaxeadas e do cancioneiro popular galego resoarán na Radio Galega grazas aos fondos do Arquivo Sonoro da CRTVG e ás colaboracións con institucións culturais. O espazo ‘Diario cultural’, nas súas edicións de mañá e tarde, emitirá entrevistas e reportaxes sobre a pegada da poesía popular e a contribución da música tradicional á preservación do patrimonio cultural de Galicia. A programación afondará no perfil das homenaxeadas, no fenómeno das pandeireteiras en toda Galicia e na evolución das coplas ata as novas manifestacións artísticas actuais. Ademais, emitirase un ‘Diario cultural’ especial, o sábado 17 de maio.
AGalega.gal estreará o venres 16 a canle específica ‘Letras Galegas 2025’ que estará dispoñible durante un mes e que reunirá, entre outros contidos, o documental ‘Pandeireita-tok’; as series ‘Se canto é porque quero’ e ‘Non canto por cantare’; o documental ‘Dorothè na vila’; así como o Especial das Letras de ‘Zigzag’ e o Concerto da Letras do CCG. Sumaranse tamén o novo espazo dixital sobre lingua ‘Bótalle azucre’ así como os máis de 200 capítulos de ‘Alalá’.
Así mesmo, quedará tamén dispoñible a gala de entrega dos Premios Escolares DígochoEu 2025, que se celebrará o martes 13 de maio na Cidade da Cultura, e que tamén emitirá a TVG o sábado 17. Pola súa banda, a plataforma de audio AGalegaAudio.gal incluirá tamén unha sección especial dedicada ás Letras Galegas.
AGalega.gal tamén estreará a miniserie documental ‘Canta, miña compañeira’, que explora a evolución da música popular a través das mulleres que a mantiveron viva, celebrando o seu rexurdir nos torreiros do século XXI. Esta serie, dirixida especialmente a un público mozo de entre 15 e 35 anos, conecta o pasado co presente e serve como unha guía para redescubrir a nosa identidade musical.
‘O corno’, ‘O corpo aberto’ e ‘Eroski Paraíso’, os sábados á noite
As noites dos sábados 10 e 17 de maio, son para o cine galego. TVG programa no prime time ‘O corno’ gañadora da Cuncha de Ouro en San Sebastián no 2023, e ‘O corpo aberto’, a cinta triunfadora nos Premios Mestre Mateo 2023. E a G2, o mesmo sábado 17, emitirá ‘Eroski Paraíso’. ‘O home e o can’, ‘Lúa vermella’ ou ‘Unicorn wars’ son outros títulos que se poderán ver ao longo da semana.
Concerto das Letras do Consello da Cultura Galega
A programación especial inclúe a emisión do ‘Concerto das Letras’ do Consello da Cultura Galega. A G2 vai emitilo o propio día 17, no prime time, e tamén quedará dispoñible na plataforma AGalega.gal. O concerto estará a cargo de Do Bertau, unha formación efémera coordinada por Richi Casás e creada expresamente para esta ocasión. Integrada por 11 artistas de distintos eidos musicais, Do Bertau interpretará unha ducia de pezas dos cancioneiros para ofrecer, cunha envoltura de jazz, muñeiras, comparsas, xotas, pasodobres e outros tipos de cantos tradicionais de diferentes zonas de Galicia.
Documentais e música tradicional, na G2
A celebración das Letras Galegas vertebra a programación da G2 xa desde o luns 12 coa estrea dos documentais ‘Dorothé na vila’ que narra a experiencia de dous mozos que inician unha viaxe tras os pasos da musicóloga suíza Dorothé Schubarth para descubrir as voces que ela gravou hai 40 anos en Galicia; e ‘Non canto por cantare’ (estrea no prime time do martes 13) serie que explora en seis episodios a evolución da música popular galega a través das mulleres que a mantiveron viva e celebra o rexurdir do folclore nos torreiros do século XXI, conectando o pasado co presente nunha guía para redescubrir a nosa identidade musical.
A ‘noite da música’ incluirá tamén varios capítulos especiais do programa de musica tradicional galega ‘Alalá’ que salientan o labor das cantareiras na transmisión da lírica popular, tal como recoñece a RAG dedicándolles o Día das Letras Galegas deste ano.