King África, os galegos MJ Pérez e Eris Mackenzie e os lusos Porbatuka poñen ritmo e estilo nun 'Luar' dedicado aos chapeus - CSAG
King África, os galegos MJ Pérez e Eris Mackenzie e os lusos Porbatuka poñen ritmo e estilo nun 'Luar' dedicado aos chapeus
A Orquesta Triunfo e a Agrupación Chorima de Rois completan as propostas musicais, nunha nova edición en que o humor e ‘Recantos’ son tamén protagonistas

Santiago, 10.4.2026.- ‘Luar’ dedica este venres o programa aos sombreiros e aos complementos que os galegos poñemos nas cabezas e forman parte da nosa identidade, como panos, boinas e chapeus. Sobre o escenario pasarán artistas de estilos moi diversos, que garantirán espectáculo e ritmo ao longo do programa.
A música chegará da man de King África, que fará bailar ao público con ‘El cocodrilo’ e ‘O gato’, dous éxitos de música urbana cos que o artista latino fai bailar con enerxía e diversión.
A cantautora arzuá MJ Pérez presentará o seu novo traballo musical, ‘Je tiens bon’, un canto esperanzado á resistencia. Tras cinco anos sen publicar disco, este novo proxecto da artista nace dun proceso fondo de transformación persoal e creativa tras unha etapa que a reconectou co sentido de facer cancións e resistir desde a calma.
Tamén amosará unha das súas últimas propostas Eris Mackenzie, unha das promesas máis interesantes da música galega contemporánea, que anteriormente formou parte da banda LORA. O artista coruñés fusiona coa súa música a tradición galega e os sons actuais, cun enfoque persoal, íntimo e innovador.
Outra das marabillas da noite chegará coa forza percusiva de Porbatuka, un proxecto musical, artístico e cultural, que ten como base a percusión tradicional de Portugal. A festa completarase cos ritmos festivos da Orquesta Triunfo e cos sons tradicionais da Agrupación Chorima de Rois.
No apartado de humor, volverán Rosita de Penelas (Patricia Vázquez) e o dúo Todo Mal (Carla e Marcos), que nesta ocasión protagonizará un arresto policial en directo dentro do seu sketch semanal.
O certame ‘Recantos’ continúa coa competición, hoxe con Lamar, representando a zona de Noia-O Barbanza, e Tami Madoy, procedente do Baixo Miño, nun novo duelo sobre o escenario de ‘Luar’.