Grandes actuacións esta noite en 'A liga dos cantantes extraordinarios', con Fátima Pego como convidada - CRTVG
Grandes actuacións esta noite en 'A liga dos cantantes extraordinarios', con Fátima Pego como convidada
A cantante galega, que asiste como ‘extraordinaria de ouro’, interpretará un sensacional dueto con Roi Casal

Santiago, 24.6.2025.- O espectáculo de ‘A liga dos cantantes extraordinarios’ (21:45 h) segue imparable. Unha noite máis, vivirase un programa con grandes actuacións por parte dos concursantes e tamén dos padriños. A cantante galega Fátima Pego visita o estudio como ‘extraordinaria de ouro’ e porá os espectadores e o xurado ao día das súas andanzas musicais. Unirase aos padriños, amais, nun ‘medley’ ou popurrí dedicado ás cumbias.
Unha vez máis as ‘particellas’ volven crear momentos de tensión entre os padriños e os concursantes, pero Fátima e Roi presentarán un novo tema, ‘Un día contigo’, co que conseguirán que todo se calme ofrecendo un gran dueto final. Neste sétimo programa tamén a presentadora, María Mera, compartirá cos espectadores os seus nervios por ter que cantar e bailar soa no espazo.
Os oito concursantes están apadriñados por artistas que representan as catro mellores orquestras de Galicia. Deste xeito, Yordanys Miguel e Lucía Samoelle contarán co apoio de Kiko Bea como padriño pola escudaría París de Noia; Jesús Mogo e Nerea Blanco contan con Lito / Nati Méndez, da Panorama; Aroa Miralles e Ángel Mosquera están apoiados por Diego Barbazán, da Olympus, e Kelly Tajes e Iván Pérez teñen ao seu carón como padriño a Noly, de Los Satélites. E como en cada entrega, a presentadora María Mera, César Romero e o xurado, integrado polo produtor musical Iago Pico e os artistas Carolina Rubirosa, Roi Casal e Antón Reixa, achegarán as súas impresións sobre as actuacións dos concursantes.