div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Estepona-Ensino, este xoves pola tarde na G2 e AGalega.gal

O partido corresponde á segunda xornada da Liga Feminina de baloncesto, xusto unha semana antes de que o equipo lugués debute na Eurocup

csag.gal 07/10/2026 16:30

Santiago, 07.10.2026.-    A segunda canle da Televisión de Galicia e a plataforma AGalega.gal emitirán este xoves 8 de outubro, ás 20:00 h, o encontro da segunda xornada da Liga Feminina Endesa entre o Impulso 360 Estepona e o Durán Maquinaria Ensino, desde o pavillón José Antonio Pineda.

O conxunto lucense comezou o curso cunha derrota no Pazo dos Deportes fronte ao Mirai Euskotren (53-72). É un tropezo inesperado nun inicio de temporada especialmente esixente para o Ensino, que vive un exercicio histórico ao disputar a Eurocup. A súa estrea continental chegará o 15 de outubro en Montpellier, no Grupo J, que completan Gorzów e Panserraikos. O 21 de outubro xogará en Lugo contra o Gorzów.

O Estepona tampouco tivo o comezo desexado. O cadro que dirixe César Aneas caeu en Zaragoza fronte ao Casademont, subcampión da pasada liga, por 68-41. Foi un partido en que as andaluzas tiveron problemas no acerto, na defensa e no rebote, e quedaron en só 41 puntos. É a segunda participación consecutiva do club malagueño na máxima categoría e aspira a repetir a boa campaña anterior, en que acabou oitavo, cun balance de 14 vitorias e 16 derrotas.

Os antecedentes recentes amosan dous equipos moi parellos. Na liga regular 2025-26, o Ensino finalizou sexto, con 16 vitorias en 30 xornadas, e o Estepona, oitavo, con 14. Os dous chegaron aos cuartos de final do playoff, onde caeron contra dous dos grandes. O Ensino perdeu co Valencia Basket, futuro campión, e o Estepona foi eliminado polo Casademont Zaragoza.

A cita ten ademais un valor engadido para o baloncesto galego. A Liga Feminina Endesa 2026-27 é a primeira deste século en que compiten tres equipos galegos á vez: o Ensino, o Baxi Ferrol e o Celta Femxa Zorka. Nos anos 90 chegaron a coincidir o Autopistas Coruña, o Xuncas Lugo e o Celta. O Ensino, campión da Liga Feminina 2 en 2018, regresou á elite ese mesmo ano tras once temporadas na categoría de prata e leva desde entón consolidándose entre os mellores equipos de España.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade