div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Esta noite na TVG, 'Sala G. O mellor dúo da historia', con 12 parellas emocionantes e un só gañador

Arturo Fernández conduce este espectáculo musical que reúne voces lendarias e artistas galegos nunha edición chea de actuacións memorables

A gala conta este venres con Carlos Baute, David Civera, Capitán Sabrosura, e Sonia y Selena como convidados especiais 

csag.gal 14/08/2026 00:01

Santiago, 14.8.2026.-   A TVG propón este venres á noite gozar dunha edición única de ‘Sala G. O mellor dúo da historia’ (21:45 h), unha proposta musical que ofrecerá unha competición irrepetible, con intérpretes moi populares. Grazas á tecnoloxía, grandes figuras da canción compartirán escenario a dúo con artistas galegos, creando así actuacións sorprendentes.

Presentado por Arturo Fernández, o espectáculo achegará as interpretacións de doce parellas musicais moi especiais, nun formato que combina emoción, memoria musical e moito talento. Sobre o escenario desfilarán dúos tan singulares como os formados por Noly e Manolo Escobar, Polanco e Juan Pardo, Awa Famy e Rocío Jurado, Alba Navarro e María Dolores Pradera, Dani Gigirey e Peret, e Tanea e Sara Montiel.

A estas actuacións sumaranse tamén as postas en escena protagonizadas por Rocío Varela e Rocío Dúrcal, Guillermo Castro e Raphael, Laura Añón e María Jiménez, Gabriel Fandi e Pucho Boedo, Manoele de Felisa e Camilo Sesto, e Dama e Ana Kiro, completando unha selección que atravesa estilos e formas de entender a música.

A ‘Sala G’ contará, amais, coas intervencións do xurado -a cantante e presentadora Fátima Pego, a actriz e xornalista Vanessa Escobar e o barítono Borja Quiza-, así como cos momentos de humor de Fran Nogueira e coas colaboracións dos artistas Carlos Baute, Capitán Sabrosura e David Civera. Finalmente, o espectáculo incluirá a actuación dun dúo moi especial, o formado por Sonia y Selena.

Entre interpretacións emocionantes e encontros imposibles, ‘Sala G. O mellor dúo da historia’ proporá un certame en que doce parellas aspirarán a conquistar o favor do público e o xurado, pero onde ao fin só unha pode facerse co título do mellor dúo da historia.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade