div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A CSAG contará con 144 millóns de euros en 2027, un 2,86% máis que en 2026, para avanzar na transformación dixital

Mª Concepción Pombo, directora xeral da CSAG, presentou no Parlamento a previsión para o ano vindeiro, que crece en 4 millóns respecto de 2026
---
O investimento no sector audiovisual en forma de compra de contidos e servizos exteriores ascende a 65,2 millóns, o 45,3% do orzamento
---
A partida de persoal ascende a 60,3 millóns de euros, o 41,9% do orzamento
---
A renovación do sistema de produción dixital da TVG, con 5,2 millóns, e a dixitalización do arquivo histórico, que medra un 66,7%, centran o esforzo tecnolóxico
---
13 millóns corresponden a unha achega finalista para provisionar o litixio do IVE con Facenda, o que garante a viabilidade da Corporación
---
Alcance dixital: a Corporación baterá en 2026 o récord de visualizacións de contidos superando os mil millóns acadados en 2025

 

csag.gal 29/10/2026 15:54

Santiago, 29.10.2026.-    A directora xeral da CSAG, Mª Concepción Pombo Romero, compareceu esta tarde no Parlamento de Galicia para presentar o proxecto de orzamentos da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia para 2027, que ascende a 144 millóns de euros (143.993.942 euros). En comparanza co orzamento do exercicio actual, o de 2027 reflicte un incremento de 4 millóns (2,86%). Desa cantidade, 13 millóns corresponden a unha achega patrimonial finalista para provisionar o litixio que manteñen a maioría das canles públicas coa Facenda do Estado pola tributación do IVE. Esta provisión garante que, sexa cal sexa o resultado do proceso xudicial, non se verá afectada a viabilidade da Corporación.

    A directora xeral explicou que estes orzamentos, os segundos elaborados baixo o marco da Lei 1/2025, do 14 de marzo, de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, concretan a transformación dixital da Corporación. O incremento do orzamento responde á actualización dos custos da actividade audiovisual, ao aumento do gasto de persoal e ao investimento tecnolóxico. “Os medios públicos teñen que seguir acompañando a quen nos ve e nos escoita cada día e, ao mesmo tempo, chegar a quen busca os seus contidos noutros formatos e noutras pantallas. E teñen que facelo en galego, cunha oferta próxima, accesible e de calidade”, sinalou.

    Dúas das partidas orzamentarias de máis peso son as que prevén as Compras e Servizos Exteriores, que en 2027 chegan a 65,2 millóns de euros (65.220.112 euros), o 45,3% do total do orzamento, 1,57 millóns máis ca en 2026. Estas dúas partidas de investimento repercuten de forma directa no sector audiovisual. A plataforma AGalega.gal con 5 millóns de euros, contará cun 11% máis de orzamento que en 2026 para a compra de contidos. “A contratación de contidos e servizos conecta así a prestación do servizo público co desenvolvemento da industria e do talento do país”, salientou Pombo.

    O apartado de persoal ascende a 60,3 millóns de euros (60.293.830 euros), o 41,9% do total, cun incremento de 2,32 millóns, arredor dun 4%. As remuneracións, recollen a suba salarial para todo o persoal. Para 2027, o plan laboral mantén os obxectivos de estabilidade no emprego e desenvolvemento profesional, coa execución das ofertas públicas de emprego en curso, os procesos de promoción interna e un plan de formación continua centrado nas competencias multimedia, transmedia e dixitais, para o total de traballadores. Desde finais de 2025 a CSAG conta cun cadro de persoal estabilizado ao 100%. 

    No ámbito tecnolóxico, o investimento material máis que se duplica, ao pasar de 2,3 millóns en 2026 a 4,8 millóns en 2027. A actuación principal é a renovación do sistema de produción dixital da TVG, cun custo de arredor de 5,2 millóns de euros, IVE incluído, nesta anualidade. Esta renovación afecta aos sistemas de edición, á entrada e tratamento dos contidos, á súa xestión e planificación, á emisión e ao arquivo. “A súa actualización non é opcional, hai que facela, o mundo dixital é así, de obrigada actualización”, afirmou a directora xeral. Ademais, a partida para a dixitalización do arquivo histórico audiovisual pasa de 450.000 a 750.000 euros, e o orzamento destina 400.000 euros a equipamento técnico, que inclúe a adaptación das instalacións da Radio Galega e a incorporación progresiva de ferramentas de intelixencia artificial para tarefas de apoio como a transcrición, a metadata ou a recuperación de contidos, sempre baixo supervisión humana. 

    Por último a directora xeral destacou que a día de hoxe xa está en condicións de anunciar que a Corporación baterá o récord marcado o ano pasado en alcance dixital, e “superará en 2026 os mil millóns de visualizacións de contidos en galego”. A este dato achegou as cifras do Estudo Xeral de Medios que destacan a TVG como a canle máis vista de Galicia no que vai de 2026, e os datos de Fifty5Blue que destacaron a TVG como líder en contidos informativos no mes de setembro, e que a posicionan en outubro como a segunda canle da FORTA entre as que emiten en lingua propia.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade