Deportivo-Huesca e Raio-Celta, partidos destacados da fin de semana na Radio Galega e AGalegaAudio.gal - CSAG
Deportivo-Huesca e Raio-Celta, partidos destacados da fin de semana na Radio Galega e AGalegaAudio.gal
O ‘Galicia en goles’ ofrece desde o venres e ata o domingo un total de 26 horas dedicadas ao deporte

Santiago, 18.9.2025.- A fin de semana deportiva na Radio Galega e AGalegaAudio.gal comeza con emocións fortes xa na tarde do venres. A partir das oito, desde Riazor, Roberto Carlos Carballo conduce a retransmisión do Deportivo-Huesca, da Segunda División. Antonio Hidalgo, agora no banco coruñés, reencóntrase co seu anterior equipo co obxectivo de ampliar diferenzas na clasificación e asentarse na zona de ascenso directo á Primeira División.
Ademais, o programa conectará con Pontevedra, onde se disputan as semifinais do cuadrangular EncestaRías de baloncesto, no que destaca a eliminatoria Breogán-Real Madrid. Outros puntos de directo serán Narón, coas semifinais da Copa Galicia de baloncesto feminino, e Santiago, onde o Obradoiro presenta o novo proxecto fronte a Oliveirense de Portugal.
O sábado, ás dúas e cuarto da tarde, a sesión de tarde estará primeiro en Castrelo do Miño, onde remata o campionato galego de natación en augas abertas. Logo chegará o fútbol, co Arenteiro-Zamora no Espiñedo e o Athlétic de Bilbao B-Pontevedra en Lezama, de Primeira RFEF. Máis tarde haberá tempo para o baloncesto, coas finais en Pontevedra do EncestaRías e en Narón da Copa Galicia feminina.
Xa o domingo, a edición matinal pasará polo Tenerife-Ourense C. F. de Primeira RFEF no Heliodoro Rodríguez López. A partir das dúas menos cuarto tomará o mando desde Vallecas o Raio-Celta, da Primeira División. Os dous equipos están empatados a catro puntos, pero o conxunto de Claudio ten un partido máis. O obxectivo olívico é sumar xa a primeira vitoria, tras catro empates e unha derrota, antes de viaxar a Alemaña para debutar o próximo xoves na Europa League. Logo do fútbol profesional volverá estar presente a Primeira RFEF, desta volta co derbi Lugo-Rácing de Ferrol desde o Anxo Carro e o Celta Fortuna-Arenas de Getxo en Barreiro. Outra das citas importantes é a do Deportivo feminino en Valdebebas ante o Real Madrid, na cuarta xornada da Primeira F. As galegas están por diante na clasificación, con cinco puntos obtidos nas tres primeiras xornadas, polos catro sumados polas futbolistas brancas.
As ligas da Segunda e Terceira Federación completarán a tarde dominical, antes do tempo de opinión cos especialistas ata as once da noite para avaliar o sucedido cos nosos equipos.
Audio nas televisións
Os afeccionados do Celta terán a ocasión esta xornada de ver a través do seu operador o partido de Vallecas e combinalo coa narración de ‘Galicia en goles’ a través das diferentes opcións de audio do seu televisor.
#GaliciaEnXogo
O domingo, de once a doce da noite, e o momento de seguir a través da FM da Radio Galega e da OTT AGalegaAudio.gal o sucedido durante a semana cos protagonistas do proxecto que leva o cancelo #GaliciaEnXogo. Na primeira media hora, Rodrigo Pérez repasa o máis importante do motor galego e ás once e media Toni López actualiza a información dos galegos que traballan co obxectivo de estar nos próximos Xogos Olímpicos dos Ánxeles 2028.