Coreografías espectaculares e exhibicións de taekwondo, maxia e 'pole dance', esta noite, en 'Talentos Estraordinarios' - CSAG
Coreografías espectaculares e exhibicións de taekwondo, maxia e 'pole dance', esta noite, en 'Talentos Estraordinarios'
Desta volta, o programa (22:00 h) recibe concursantes chegados desde Narón, Ribadumia, Ponteareas, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ourense

Santiago, 26.07.2026.- O gran concurso ‘Talentos Extraordinarios’, presentado por Laura Boado, contará este domingo coa participación, chegados desde Narón, dos Cooky Babys, un numeroso grupo de bailaríns, algúns moi pequenos, que deixarán o público coa boca aberta cunha espectacular coreografía homenaxe a Michael Jackson.
Pero hai talentos de todas as idades, xa que de Ribadumia chegará un divertido grupo de músicos e cantantes xubilados, Añoranza, que fan do canto de taberna e da música tradicional a mellor das súas armas. De Ponteareas é Sonia, unha patroa de mar que canta todo tipo de temas musicais coa súa poderosa voz. Neste caso vai interpretar no concurso ‘Marinero de luces’, de Isabel Pantoja.
Taekwondo Tao, un grupo de deportistas de Vigo con experiencia e vitorias en coñecidos talent shows, vai facer unha actuación arriscada á vez que impactante e enérxica. De Lugo é Eduardo, outro dos concursantes desta semana, un veterano intérprete arxentino que cantou nos mellores escenarios e coas mellores casas de discos do país, compañeiro de Carmen Flores e dos Hermanos Calatrava. Agora vén disposto a gañar o concurso.
As máis orixinais coreografías sobre unha barra de pole dance chegarán da man das pontevedresas Ghotic Circus Pole Dance. Pola súa parte, Nacho, un vigués de 18 anos, vai concursar coa súa maxia de preto. A sorpresa e o totalmente inesperado vai chegar con Selene, unha cantante de Ourense que fará un espectacular mix entre Disney, o musical e o terror.