div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Continúa este luns en 'A miña gran cidade. Corazón galego' a experiencia galeguizadora de Jesulín de Ubrique

A boa química co seu anfitrión, Roberto Vilar, consolidarase nunha entrega (22:40 h) en que continuarán a súa viaxe polo Baixo Miño, cunha visita a unha destilaría, un paseo a cabalo e unha gran festa no monte de Santa Trega

csag.gal 29/12/2025 02:00

Santiago, 29.12.2025.-    ‘A miña gran cidade. Corazón galego’ continúa este luns a súa viaxe polo Baixo Miño cunha entrega que consolidará a boa química entre Roberto Vilar, anfitrión da comarca, e Jesulín de Ubrique, xa totalmente entregado á experiencia galeguizadora.

A aventura de hoxe arrancará no pazo de Valdomiño, no Rosal, unha destilaría con historia longa e memoria familiar. Miguel, dono do negocio, detallará o proceso de destilación e explicaralles que xa no século XIX o seu tataravó elaboraba licor de coandro, un produto moi ligado á zona de Goián. Jesulín non agochará o seu asombro pola variedade de licores e as amplas infraestruturas. As catas dos licores chegarán cedo, e o efecto non tardará en notarse.

Da destilaría pasarán ao monte, onde o Baixo Miño amosa outra das súas grandes tradicións: os cabalos. Óscar, veciño de Tomiño, explicaralles que os cabalos viven ceibes, pero teñen dono, marca e chip, e que despois de rapalos volven soltarse no monte, algo que non lle é alleo a Jesulín. 

A proposta de montar a cabalo abrirá un dos momentos máis cómicos do programa. Roberto intentará negociar desde o primeiro segundo, e Jesulín, máis lanzado, lembrará tamén algúns sustos serios do pasado, con caídas incluídas, pero subirá igualmente. A estampa será impagable, con Roberto nun cabalo diminuto, case rozando o chan cos pés, e ao seu carón, e o extoureiro no lombo dun fermoso cabalo branco.

Xa na furgoneta, o anfitrión preguntaralle a Jesulín pola histórica corrida só para mulleres que protagonizou con apenas 19 anos, e a resposta abrirá a porta a un relato tan precoz coma sorprendente.

A derradeira experiencia levará os protagonistas de ‘A miña gran cidade. Corazón galego’ ata Santa Trega, onde atoparán unha festa total, coas bandas mariñeiras en plena troula. Alí recibiranos Diego e Micaela, habituais desta romaría que cada ano enche o monte de música, bebida e convivencia. Logo, xa na zona máis patrimonial, Roberto Vilar explicaralle ao seu convidado a historia dos castros e a pegada celta do lugar, dándolle contexto a un espazo que impresiona tanto polo ambiente coma polo seu pasado. Cando paren un momento, as vistas farán o resto da maxia. Desde o alto, o Miño e Portugal deixarán a Jesulín abraiado.

Despois deste intenso e divertido percorrido, conseguirá o gaditano o seu carné de ‘Corazón galego’? A resposta, esta noite, na Televisión de Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade