Conta atrás para máis aventuras da 'Patrulla Canina' en Xabarin.gal: chegan o 20 de novembro - CSAG
Conta atrás para máis aventuras da 'Patrulla Canina' en Xabarin.gal: chegan o 20 de novembro
A plataforma infantil e xuvenil da CSAG amplía tamén a oferta de capítulos de ‘Shin Chan’ e ‘Doraemon’
Este venres estreánse as películas familiares ‘Ernest e Célestine’ e ‘Sopa de pedras’

Santiago, 05.11.2026.- Xabarin.gal estreará este mes de novembro nova temporada da ‘Patrulla Canina’, unha das propostas estrela da canle infantil e que chegará o día 20. Mentres tanto, a oferta complétase con máis capítulos de ‘Shin Chan’ e ‘Doraemon’, ademais de cine para gozar en familia, xa este mesmo venres.
As cintas son ‘Ernest e Célestine’ e ‘Sopa de pedras’. A primeira proposta conta as aventuras dun oso amante da música que acolle na súa casa unha pequena ratiña afeccionada ao debuxo. ‘Sopa de pedras’ reúne cinco curtametraxes que lles achegan aos espectadores máis cativos o mundo das historias audiovisuais a través da imaxinación, a fantasía e as relacións entre a infancia, as familias e a veciñanza.
O venres 13, Xabarin.gal sumará 25 novos capítulos de ‘Shin Chan’. Co seu carácter irreverente, as súas ocorrencias inesperadas e o seu sentido do humor, o pequeno Shinnosuke vive situacións disparatadas na casa, na escola e co seu grupo de amigos. As súas aventuras ofrecen unha ollada cómica sobre as relacións familiares e o día a día, sempre desde a perspectiva imprevisible do protagonista.
O 20 de novembro chegarán máis capítulos de ‘Patrulla Canina’, a serie protagonizada por un equipo de cans de rescate liderado polo neno Ryder. Xuntos afrontan misións en que a cooperación, o traballo en equipo e a axuda aos demais son fundamentais. E o 27 de novembro, a plataforma incorporará 50 novos capítulos das aventuras de Nobita e do gato cósmico ‘Doraemon’, cos seus sorprendentes aparellos do futuro para axudar o seu amigo a resolver problemas.
Xabarin.gal renova e amplía periodicamente as propostas de animación e cinema para públicos infantís e familiares, con historias de humor, aventura e aprendizaxe. Entra en xabarin.gal ou baixa a app para iOs e Android.
