Co especial 'Compostela, a nai das orquestras', a TVG achegarase esta noite á historia da formación máis antiga de Galicia - CRTVG
Co especial 'Compostela, a nai das orquestras', a TVG achegarase esta noite á historia da formación máis antiga de Galicia
Alba Mancebo e Arturo Fernández levarán os espectadores polos fitos desta agrupación musical, guiados por Miguel Torres, a súa histórica voz, e coas lembranzas de persoas achegadas e moita música

Santiago, 05.07.2025.- A TVG ofrece esta noite o especial ‘Compostela, a nai das orquestras’, que se achegará polo miúdo á historia da orquestra Compostela, a formación máis antiga de Galicia, con máis dun século de vida. Alba Mancebo e Arturo Fernández levarán os espectadores polos fitos desta agrupación musical que liderou o músico Manuel Muñiz, o seu director histórico e un dos homes que marcou o devir e o recoñecido presente das orquestras en Galicia.
Manuel Muñiz, falecido en 2011, foi o autor de máis de 1.050 cancións e un acérrimo defensor da música de orquestra na nosa lingua. Compuxo coñecidos temas en galego, coma ‘Galicia, terra meiga’ ou ‘Ano Santo compostelán’ e mesmo impulsou a muiñeira ante o papa Xoán Paulo II. Trouxo a Galicia os artistas máis importantes da época, pero tamén viaxou por medio mundo coa súa orquestra Compostela recollendo o agarimo da Galicia emigrante.
O programa contará coa presenza doutro dos fenómenos clave da lonxevidade desta formación: o seu cantante, Miguel Torres, quen durante 38 anos puxo a súa inconfundible voz a cada un dos temas do repertorio.
Ademais, o especial achegarase ás lembranzas e vivencias de persoas achegadas á orquestra Compostela, coma o televisivo Xosé Luís Blanco Campaña, a cantante Pili Pampín, o director da Compostela, Sito Mariño, ou o propio Miguel Torres. E todo isto, como non podía ser doutro xeito, regado con moita música e coas actuacións, a maiores da orquestra Compostela, dalgúns dos nosos artistas máis queridos, como Tania Veiras, César Romero e Eva Iglesias.