Chega a AGalega.gal unha nova serie de ficción galega coa estrea de 'Amnesia 3.0' - CSAG
Chega a AGalega.gal unha nova serie de ficción galega coa estrea de 'Amnesia 3.0'
A plataforma dixital ofrece tamén novos capítulos de ‘Terra de cómics’ e ‘Bótalle azucre’, así como unha selección de cinema para gozar durante a semana

Santiago, 17.11.2025.- AGalega.gal continúa ofrecendo todas as novidades da Televisión de Galicia e suma esta semana unha destacada estrea de produción propia: a webserie galega de ciencia ficción ‘Amnesia 3.0’, que estará dispoñible desde o mércores 19.
Nesta inquietante historia ambientada nun futuro distópico, 265-C esperta cada día sen lembrar nada do anterior, ata que dous descoñecidos, Fiz e Lía, alteran o seu mundo ao axudarlle a recuperar a memoria mediante unha tecnoloxía prohibida. Un thriller tecnolóxico cheo de misterio, do que se poderán ver todos os episodios completos na plataforma.
A semana comeza o luns 17 cunha nova entrega de ‘Terra de cómics’, en que a artista Afra Torrado abre as portas do seu estudio en Vilagarcía de Arousa para mostrar o seu proceso creativo e un estilo marcado polo ton cómico e o absurdo, así como as súas influencias e traxectoria dentro da banda deseñada galega.
O xoves 20, AGalega.gal incorpora o filme ‘Unha vila na Toscana’ (dispoñible 30 días), unha historia sobre segundas oportunidades protagonizada por un pintor londiniense e o seu fillo; e un novo capítulo de ‘Bótalle azucre’, o divertido programa no que Anita Mateu continúa o seu reto coa lingua galega.
A oferta de cinema complétase o venres 21 co trepidante thriller británico ‘The Gentlemen: os señores da mafia’ (dispoñible 30 días), centrado nas loitas de poder dun empresario do narcotráfico atrapado nunha rede de chantaxes, mafias e corrupción; e o sábado 22 con ‘Unha herdanza revirada’ (dispoñible 30 días), unha traxicomedia vitalista sobre un home que descobre o valor da memoria e das segundas oportunidades a través das tarefas que lle deixou a súa nai falecida. Unha viaxe de autodescubrimento chea de humor e emoción.