Chega á TVG 'Talentos Extraordinarios', o concurso que busca as persoas máis sorprendentes e habilidosas do noso país - CSAG
Chega á TVG 'Talentos Extraordinarios', o concurso que busca as persoas máis sorprendentes e habilidosas do noso país
Laura Boado presenta á noite (22:00 h) esta nova proposta de entretemento familiar, acompañada por Antonio Garrido, María Mera e David Perdomo como xurado
Oito actuacións singulares competirán en cada gala por unha praza na gran final

Santiago, 14.6.2026.- Despois de meses de castings e centos de aspirantes, chegou o momento de descubrir os talentos máis extraordinarios de Galicia. Música, danza, maxia, acrobacias, humor, arte e moitas outras disciplinas danse cita en ‘Talentos Extraordinarios’, un programa pensado para emocionar, sorprender e entreter a toda a familia.
Á fronte desta produción estará a presentadora, influencer e creadora de contidos Laura Boado, acompañada por un xurado tan esixente como carismático. O actor Antonio Garrido será ‘o experto’, a actriz e presentadora María Mera achegará a súa sensibilidade e emoción, e o actor e cómico David Perdomo converterase no membro máis imprevisible e difícil de convencer deste polifacético xurado.
A procura do talento máis extraordinario de Galicia
A competición desenvolverase ao longo de oito galas clasificatorias. En cada programa, oito talentos loitarán por demostrar que merecen o recoñecemento de extraordinarios e conseguir unha praza na gran final. A mecánica é sinxela, pero nada doada. Para converterse en ‘Talento Extraordinario’, cada participante deberá lograr o apoio unánime do xurado, é dicir, o triplo voto dos tres xuíces.
Mais obter os tres votos non garante a vitoria. Entre todos os talentos extraordinarios de cada gala, só un será proclamado gañador do programa e conseguirá o seu pase directo á gran gala final.
O gran protagonista: o bombo
Ademais dos concursantes, da presentadora e do xurado, hai outro elemento determinante na competición: o bombo. Cada membro do xurado contará cun único bombo durante toda a fase clasificatoria. Un privilexio que lles permitirá enviar directamente un talento á gran gala final, sen importar o resultado da competición nesa noite. Unha decisión única e moi valiosa que só poderán utilizar unha vez ao longo das oito galas clasificatorias.
Oito actuacións fascinantes na primeira gala
A primeira gala chega cargada de emocións e actuacións inesquecibles. O público descubrirá un espectacular grupo de baile formado por campións internacionais capaces de executar complexas coreografías de gran impacto visual. Tamén se coñecerá un mozo virtuoso que combina o dominio do saxofón coa danza nunha actuación tan singular como sorprendente. Subirá ao escenario un peteirador herdeiro dunha tradición familiar centenaria, capaz de crear música imitando os sons dos paxaros carpinteiros, os coñecidos petos.
A música continuará da man dun novo cantautor con alma de mariachi, disposto a conquistar o público coas súas composicións e a súa personalidade. Unha nena de tan só dez anos deixará o estudio sen palabras coa forza da súa voz interpretando ópera. As acrobacias chegarán cun equipo de ximnasia capaz de desafiar a gravidade, elevando unha das súas compañeiras varios metros no aire nun exercicio espectacular. A maxia e o mentalismo tamén terán o seu espazo grazas a un veterinario capaz de poñer a proba a mente dos presentes e provocar momentos de auténtico asombro entre o público e os membros do xurado.
E pechará a noite un artista africano galego de adopción, que converterá o estudio nunha gran festa, facendo cantar e bailar a todos en tres idiomas, entre eles o galego. O espectáculo está servido. O talento, garantido. E a emoción, asegurada.
O talento que nace en Galicia
Hai algo especial en Galicia que non sempre se ve a simple vista, pero que está presente en cada recuncho do país. Nunha voz que emociona, nun escenario improvisado, nunha habilidade inesperada ou nun soño que busca facerse realidade. Porque aquí o talento non se explica: vívese.
Pode aparecer nunha canción, nun paso de baile, nun truco de maxia ou nunha disciplina que nunca antes se vira nun escenario de televisión. En 'Talentos Extraordinarios’, cada programa traerá oito historias diferentes, oito oportunidades para brillar e un único obxectivo: convencer o xurado e demostrar que se posúe algo verdadeiramente extraordinario.
Este domingo, ás 22:00 horas, Televisión de Galicia abre as portas a un universo de historias sorprendentes, emocións auténticas e actuacións inesquecibles. Chega ‘Talentos Extraordinarios’. Porque o talento está en Galicia. E agora é o momento de descubrilo.
